Pacientes contra a lóxica da contención mecánica
TEIMA | Por unha saúde mental sen cadeas – Capítulo 1
Erik Dobaño | 1 de xuño. Estas tola. Tolo. É dicir, tes un diagnóstico que te define como enferma ou enfermo mental. O diagnóstico é o primeiro elo da cadea. Haberá máis. “Ás consultas xa non acoden suxeitos. Chegan enfermos para ser localizados no sistema”, escribe a psiquiatra Laura Martín nun manual para combater o dispositivo. Unha guía para que os profesionais desaprendan e os pacientes non se deixen prender. “As persoas sofren… as persoas expresan o seu sufrimento de diferentes maneiras… van pedir axuda… entón chegan a psiquiatría, a un ingreso, e coñecen un tipo diferente de sufrimento, un novo”, contan en Radio Prometea, nas ondas hoxe limitadas a internet de CUAC FM, un programa no que as voces póñenas elas e eles. O ingreso é outro elo. Haberá máis. “A terapia non existe. No eido da saúde mental só existe a coacción”, láianse na radio. A medicación, outro elo. “Cortando o síntoma e renunciando á crise sostéñense os muros do dispositivo”, advirte Laura Martín. [1] O último elo, o que pecha a cadea, o que destrúe as últimas pontes co mundo dos humanos, é o da contención mecánica.
“Contención substitúe a suxeición e apelídase terapéutica; do mesmo modo que a reclusión e nomeada como illamento terapéutico e a sedación négase como método de contención nos casos nos que a súa finalidade é principalmente limitar a conduta da persoa”, anota Miguel Anxo García, psiquiatra e un dos portavoces do Movemento Galego de Saúde Mental. Cada 10 de decembro, desde hai uns anos, non moitos, esta e outras plataformas en todo o Estado reivindican a convención da ONU sobre discapacidades e as declaracións da OMS para reclamar no día dos Dereitos Humanos a eliminación da práctica da contención mecánica no ámbito da saúde mental. “O problema da restrición e do illamento é o máis antigo da psiquiatría institucional”, sinala García, “pero non hai unha lexislación que regule a práctica da contención mecánica; hai moitos protocolos, cada hospital ten o seu, pero non unha lei”.
A contención mecánica é calquera método manual, físico ou dispositivo mecánico, ou equipamento que inmobilice ou reduza a capacidade dun paciente para mover os brazos, as pernas, o corpo ou a cabeza libremente, segundo a definición dos comités científicos internacionais. A contención mecánica é unha práctica recorrente en hospitais psiquiátricos e nas unidades de hospitalización dos hospitais xerais. Como de recorrente? Ninguén o sabe. Malia os protocolos, que esixen rexistros, non hai datos compilados. O que hai son estimacións. Un 15% dos ingresos en urxencias psiquiátricas rematan nunha contención mecánica, din profesionais que traballan directamente con este tipo de casos en Galiza. Un estudo de 1999 a nivel estatal estimaba que a contención era empregada no 6% dos pacientes psiquiátricos internados, nun 30% dos casos das urxencias psiquiátricas, e entre o 31% e 59% dos casos de internos en residencias de anciáns.
MERCEDES
“Cando me quixeron trasladar, eu dixen que non. Simplemente dixen que non. Intentaron convencerme e volvín dicir que non. A segunda vez que dixen non xa me colleron entre catro. Eu estaba sentada nun sofá. Alí nunha especie de sala común… é o que lembro. Estaba na área de psiquiatría. Entón viñeron e dixéronme que me ían trasladar e eu que non, que non… pensaba que me farían dano. Esas cousas… cando estás alí é porque tes ese tipo de pensamentos, estás en pánico. Pero claro, para eles, a lóxica da institución é: esta persoa ten que moverse. Sexa de boas maneiras, sexa pola forza, sexa entre catro, entre sete… dá igual. E foi o que pasou. Agarráronme, púxenme nerviosa e patexei. Así que, ademais dos que me agarraban os brazos, viñeron dúas máis”.
Mercedes ten 43 anos. Aquilo pasou no ano 2001. Foi por un brote psicótico. “Andaba eu sola, por aí, viaxando. Estaba no medio da rúa, nunha cidade que non era a miña, entrei en pánico, empecei a autolesionarme… chamaron á Policía. A min levoume a Policía a urxencias. A miña percepción de todo era de irrealidade. Iso si, lembro que cando entrei no hospital, un rapaz que estaba sentado por alí díxome: ‘vouche dar un consello, fai todo o que che manden”.
Os pais de Mercedes viaxaran a noite do ingreso. Regresaron a casa ao día seguinte. O día que trasladarían á filla. Foi soa na ambulancia. “Nin sei canto tempo estiven inconsciente. Porque non sei que medicación me puxeron, nin que dose. Non sabes nada. Non te informan. Ti alí es como unha vaca”.
“Desde que espertei até que me liberaron pasou pouco tempo, porque púxenme a chorar…”
– Tiñas unha correa no peito? E unha en cada man e en cada perna?, intervén Francisco, outro paciente, un afectado que accede a contar partes do seu caso porque non se sinte aínda de todo cómodo. Esperan por un terceiro, Alfredo, colega de Mercedes, tamén un traballador cun emprego ordinario, xente integrada.
– No peito eu tiña como unha banda no peito e outra nos brazos.
– Xa. Non podías erguerte. A parte de non mover nin as mans nin os pés, non te deixa levantarte, constata Fran.
“…pasou pouco tempo, porque din en chorar e veu unha enfermeira. ‘Que che pasa? Por que choras?’, preguntou. Contestei que choraba porque non me podía mover. Quero que me soltes. Entón ela dixo, literalmente: ‘Vaste portar ben?’ Así, esa frase. ‘Vaste portar ben? Se te portas ben, sóltote?’ Como se eu fora unha nena pequena. Entón adoptei como estratexia de supervivencia o rol de nena pequena. Aquí o que funciona é que ti es a nena pequena e elas e eles son as coidadoras. Empecei a dicir a todo que si, a sorrir a todo o mundo, como se fora Heidi… e, efectivamente, foi a maneira de que o ingreso se acurtase”.
NON É ILEGAL
A contención mecánica non é ilegal. Están os protocolos. Pero nin se coñecen, din os profesionais. Tampouco a formación de médicos e enfermeiros é a máis axeitada. Dos dereitos dos pacientes nin se fala. Nin se considera a dignidade das persoas. Cando caen na contención, o último elo da cadea, xa non son persoas, son “enfermos”, “vacas”, dentro da “lóxica da institución”.
En Galiza o debate tornouse máis urxente cando o ano pasado sóubose da morte dun paciente mentres permanecía en contención. Foi na Coruña. A familia non quere falar. O xefe de psiquiatría do CHUAC dixo que non tiña constancia. Os efectos postraumáticos das contencións son coñecidos. Pero, como cuantificar o sufrimento? En 1996 Islandia foi o primeiro país do mundo en prohibir estas prácticas. En Holanda, Alemaña, Reino Unido e Suecia encamiñáronse programas a reducilas. En Finlandia, no 2009, anunciaron que tiñan atallado un 40% delas. Aquí son as asociacións profesionais e de pacientes as que fan campaña. O asunto chegou até algunhas cámaras parlamentarias, pero ficou, polo momento, nunha denuncia máis.
En xuño do ano pasado, un informe presentado diante do Consello de Dereitos Humanos da ONU, urxíu a “cambiar o paradigma” e pasar do “illamento á integración na comunidade”. O informe advertía que “a coacción, a medicalización e a exclusión, que son vestixios da atención psiquiátrica tradicional, deben substituírse por unha concepción moderna da recuperación e servizos de base empírica que restablezan a dignidade e reintegren aos titulares de dereitos nas súas comunidades”.
FRAN
Os protocolos establecen que en caso de recorrer á contención mecánica, o hospital debe informar a un xuíz antes de que pasen 24 horas, e este farase acompañar dun perito para supervisar as condicións da inmobilización e determinar se o recurso é axeitado. En teoría, o xuíz pode ordenar que se retire a contención.
“Antes da contención está o ingreso. Voluntario ou involuntario? A min, unha das veces, a opción que me deron foi ou ir ao hospital ou ir á cadea. A primeira vez non sabes que che pasa. Fun voluntario. A segunda, pois xa sabes o que pasa… a min colleume en fin de semana, andaba sen medicación, fun a urxencias pola medicación e acabei ingresado”, conta Fran. “Unha vez que entras na mecánica de urxencias, xa non te podes ir… e no momento en que decides marchar, pasa o que pasa”.
Doutra vez, dixéronlle “de boas maneiras” que o ían atar. “Eu non fun voluntariamente a que me ataran, pero se entras no hospital e quéreste ir, ou te escapas ou acabas no psiquiátrico, porque eles xa saben o que hai. Está no historial. Eu estiven atado e en ningún momento me viu un xuíz. Seino pola miña nai. O poder é máis inmenso do que parece. Se unha persoa normal vai co fillo cun brazo roto e non o atenden e monta un cristo, non pasa nada. Pero se o monto eu…”
Os profesionais reclaman formación en todos os estamentos do servizo (médicos, enfermeiros, auxiliares…) e uns protocolos máis precisos. O DSM-5, o manual de diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais en vigor, segue sendo bastante vago en moitas indicacións. O DSM-5 identifica a axitación psicomotriz, que moitas veces xustifica unha contención, como unha “excesiva actividade motora asociada a unha sensación de tensión interna (…) constituída por comportamentos como camiñar velozmente, moverse nerviosamente, retorcer as mans, sobar a vestimenta e incapacidade para permanecer sentado”. Os instrumentos, como a escala de comportamento axitado de Corrigan, tampouco axudan moito. Algúns dos ítems da escala teñen esta redacción: “mantén pouco a atención, distráese con facilidade, é incapaz de concentrarse”, “pouco cooperador, no deixa que coiden del, esixente”, ou “fala rápido, alto ou en exceso”. [2]
ALFREDO
“Eu rematei amarrado despois dun intento de suicidio. Viñeron uns señores, metéronme nunha ambulancia coma se fose unha leiteira da Policía. E alí, sen dar explicacións, atáronme, inxectáronme. Tivéronme, non lembro canto, un día ou dous. Amarrado á cama en urxencias do Juan Canalejo. Isto debeu de ser polo 2012”.
Alfredo ten 50 anos. Emprego no público. Daquela, no 2012, vivía cos pais. Autolesionouse. Os pais chamaron ao 061. O ingreso foi voluntario. “O que non foi voluntario foi o que fixeron despois. Pensei que me ían axudar, non agredirme. Na ambulancia pincháronme. Medio aparvado, átanme”.
“É noxento espertar pola mañá e verte así. Estaba angustiado e só. Dei en berrar pedindo socorro. Veu o médico e razoou comigo. Empezou a facer preguntas, cousas normais, viron que me podían desatar. Non sei como o viron, pero ben, chegaron a esa conclusión”.
“Despois houbo máis intentos… o último foi hai un ano. Nunha desas tiven un intento. Os pais volveron chamar porque viron que me tiraba. Apareceu a Policía, unha enfermeira. En urxencias viume un psiquiatra”. Alfredo lembra que se notou violento, pediu un tranquilizante, pero a situación complicouse. “Eu teño o diagnóstico de trastorno límite de personalidade e trastorno obsesivo compulsivo. E se alguén empeza a importunar… Non es agresivo, pero non entendes que pasa e poste mal”. Precipitáronse as cousas. Dixo: “voume!”. Chegou persoal de seguridade. Un dos gardas inmobilizouno. “Xa non tes dereitos, caducaron, nin xuíz nin ninguén, es sospeitoso de algo, perdes a capacidade de decidir por ti mesmo, eles deciden que perdiches esa capacidade… estaba a miña nai, pero quedou fóra e non se decatou de nada. É unha trampa. Unha persoa que se está autolesionando, non podes chegar alí e preguntarlle por que fas iso, non sei… por que culpabilizas a esa persoa?”.
ALERTAS
Os pacientes reclaman a palabra, novas normas e leis que protexan os seus dereitos como cidadán. Pero ningún foi quen inda de meterse en avogados. Mercedes di que tardou tres anos en sentirse capaz de falar daquilo. Contoullo a un amigo avogado. “El miroume e… daquela non existía ningún tipo de activismo. Nada. Este rapaz miroume así cunha cara como dicindo: ‘é imposíbel que te crean’. Como se me fora meter nun estrés que non me ía levar a ningures. Sabes?… porque o meu testemuño como persoa diagnosticada non ía valer nada ao lado da do persoal”.
“Creo que xunto aos CIE [Centro de Internamento de Extranxeiros], as unidades de psiquiatría son as institucións menos garantistas de todo o Estado. Nos CIE hai ese limbo legal que non xestionan xuíces, senón policías… e nos psiquiátricos tamén existe ese limbo legal no que deciden eles”, di Mercedes antes de falar de Laura Martín, “unha psiquiatra moza, que explicou nunhas conferencias o seguinte: ‘os psiquiatras somos a única profesión que temos de oficio a supervisión dun xuíz, vén ver si xulgamos ben ou se nos foi a man… pero na realidade vén realizar un trámite”.
“As crises en saúde mental non deberían xestionarse como unha crise dos trastornos individuais”, advirte o informe da ONU, e continúa: “senón como unha crise dos obstáculos sociais que impiden o exercicio dos dereitos individuais”. As contencións mecánicas, cando suceden, son unha alerta, e deberían ser tratadas como tales, sinalan os profesionais, como alertas dun fallo no sistema. Pero nin sequera entre os profesionais hai un consenso sobre que facer ao respecto das contencións, como veremos.
Teimas
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos