Historia dunha caixeira que veu de Uruguai

Vidas precarias | Isabel, 35 anos

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

A Coruña | 26 de maio.  Son Isabel, teño 35 anos e tres fillos: un de 14, outra de 7 e outro de 3 anos. Conseguín un traballo. Ganeimo. Traballo moito. Levantar caixas dáme igual, dáme igual facer o traballo que fai un home. O único que me molesta é que haxa pouco compañeirismo. Teño un ano por diante.

Eu non podo pensar a medio prazo. Inda non podo. Teño débedas e traballo para pagalas, non para vivir. Se en setembro saldo débedas, poderei cobrar os 100 euros por nai traballadora con fillos menores. Iso vaimo quitando a Facenda. Non podo pensar máis alá.

Non, nunca na vida pensei máis alá duns meses. Tiña plans… pero sen estudos nunca puiden imaxinar ser o que son hoxe. Para min, agora son persoa. Teño futuro, os fillos tamén.

Uruguai está mal. Meu pai dime que non volva nunca… Póñome triste, que me quero ir, e dime: “Non veñas”. Dime que me quede aquí, que aguante. Meu pai ten un revólver. Para que un home de 90 anos teña un revólver na casa…

Tiven sorte. Coas cousas que vin alá en Uruguai! A min a comida non me faltou, onde comían catro comían cinco, inda que fora requentado. Os estudos tampouco me faltaron. Meus irmáns teñen máis estudos. Hoxe están con menos fillos e máis estudos ca min. Eu aos dezaoito xa tiña un fillo.

En casa eramos pobres. Moi pobres. Pero… felices. Meu pai era sereno e mamá era ama de casa. Paso de la Arena é un barrio dentro de Montevideo. Ao lado dun regato pantanoso. Se chovía moito, o regato desbordaba e inundábanos a casa. Tiñamos que andar subindo as cousas para arriba. Si, viviamos ao lado dun regato. Era una casa moi grande. Seguíamos vivindo todos xuntos. A casa ten estancias con cadansúa porta. Un dos irmáns morreu de cancro. Son maiores. Un deles traballaba nos camións, descargando chocolate e doces, lémbroo porque traía chocolate e doces. Outros traballan tamén de serenos. De noite. Nos edificios privados do centro, unha persoa para que che abre a porta e a pecha, e para tirar o lixo.

A miña infancia? Feliz. O que lembro é a unidade familiar e o apoio. Eramos oito na casa. Os pais, cinco varóns e eu, a pequena. Tiveran cinco varóns, querían unha nena e criáronme a min. Fun adoptada. Eles xa eran maiores. Meu pai xa ten máis de 90 anos, a mamá xa morreu… os que me criaron. Tiña dous meses. Os meus irmáns teñen 50 anos, 60 anos, eu teño 35. Son diferenzas, pero sempre lembro, xogar as bolas, subir ás arbores, cousas de varóns… 

En casa eramos pobres. Moi pobres. Pero… felices. Meu pai era sereno e mamá era ama de casa. Paso de la Arena é un barrio dentro de Montevideo. Ao lado dun regato pantanoso. Se chovía moito, o regato desbordaba e inundábanos a casa. Tiñamos que andar subindo as cousas para arriba. Si, viviamos ao lado dun regato.

Acá en Valencia teño unha irmá. Eu investiguei e din con esta irmá de sangue. Ten 28 anos. Está casada e ten un fillo. Levo doce anos en España e non nos vimos. Ela está mellor. Ten outro nivel de economía. A todos cambiáranos os nomes. Eu son a única dos cinco irmáns verdadeiros que sigo co nome e o apelidos. Sabía que eles non, segundo me ían contando os pais que me criaron. Fun buscando e así topei a todos, menos a unha.

Os pais que me criaron contáronme que a miña nai era unha uruguaia que vivía alí preto. E non lle gustaban as nenas, e tivo catro nenas e un neno. Só criou o neno. Meu pai é chileno. Eu nacín na Arxentina, en Bos Aires. Despois veu para Montevideo e deume en adopción. Non hai papeis. Eu tiven sorte, que topei uns pais bos. Pero non fixeron papeis. Eles querían unha nena, e cheguei eu. Non ofreceron cartos por min. Os meus irmáns tiveron máis sorte, pola economía das familias… Eu sei que mellor nai, a adoptiva, non vou ter. Está no ceo.

Fun a escola até os 12. Despois estudei Corte e Confección. Fun á escola no centro 150 Cataluña. Chamábase así pero facían paellas e bailaban a muiñeira. Despois coñecín a un funcionario. Quedei preñada. Pagábame un aborto. Con 18 anos, non pensas. Pero non quixo ao noso fillo. Coñecín a outro home que me aceptou tal cal e mesmo fomos vivir á casa da súa familia. Entramos de débedas. Deixei ao pequeno co meu pai e decidín emigrar. Coñecía xente aquí. Contáronme que había traballo no servizo doméstico.

Foi moi duro. Borrei todo. Unha amiga deume casa e acubillo aquí na Coruña. Por fin conseguir traer ao pequeno. Seguín soa, até que coñecín a outra persoa. O pai da nena. A nena e o máis pequeno son de aquí. Pero esta relación tampouco foi ben. Casamos en maio de 2010. El traballaba nunha gran empresa. Vivíamos nos Mallos, aquí na Coruña. Estivemos xuntos cinco anos e tivemos á nena. Houbo malos tratos… estou lembrando e costa. Foi duro. O diñeiro non chegaba. Busquei traballo por todas partes. Non teño estudos, pero fun autónoma, vendín froita, fixen enquisas, coidando nenos, de teleoperadora, nun chino… El dicíame que se marchaba, perdería os papeis e perdería aos fillos.

Non fun quen de parar aquilo. Tiña o permiso de residencia. Aguantei polos nenos. Ao maior tróuxeno. Fun con papeliño que che dan cando es estranxeira, e despois aos 30 días danche os papeis. No consulado dixéronme que non viaxara así. Pero fun igual. Na partida de nacemento figura que son nai solteira e non preciso a firma do pai para sacalo.

Despois coñecín ao meu marido actual. Foi el quen me axudou a decidirme. Coñecino en outubro e en decembro collín aos nenos e marchei. Caducaban os papeis, caseime de novo. Casei de branco. Estaba a punto de ter ao máis pequeno. Inda estou en procesos, en xuízos polos nenos, co anterior. Levamos cinco anos. El dime que estamos na crise dos cinco anos. Unha brincadeira. Os tres nenos dinlle papá a el. Na miña casa todos rin, sacamos fotos e selfies, ao meu marido gústalle xogar ao xadrez. El é o aburrido. Eu son a divertida. Imos cazar bichos no parque… Non podemos permitirnos luxos, pero esas cousas si.

O barrio é pobre. Non veo que mellore. Quitaron o comedor. Esa xente non ía á igrexa, e agora van e a igrexa reduciu o que nos daba. Antes eramos dez ou vinte; agora somos corenta. A min 12 de litros de leite ao mes non me chegan. Eu gasto un litro ou dous ao día. Na igrexa danche pasta e arroz.

Meu home tivera unha empresa. Arruinouse. Quedou con xuízos e débedas. Tivemos unha tenda de libros, roupas, segunda man, facendo feiras na cidade e arredores… Tiñamos un pequeno almacén. Durou dous ou tres anos. Non saíu ben.

Eu ía todos os día á cociña económica. Un domingo, cando a cousa é máis tranquila, levei ao maior. Acompañoume porque eu quería que vira. Para que vexa. El non valoraba moitos as cousas, e… non sei. Fun un mes ou dous meses, antes de empezar coas da Cruz Vermella. Todos os días para levar a comida a casa. Aí dixen basta, ou hai un cambio ou… non sei, ou marchas para Uruguai. Á traballadora social débolle a vida. O maior xa quere traballar. Hai que esperar. Pronto poderá entrar na Formación Profesional. Os outros, ben. Pórtanse ben.

Levamos cinco anos. El dime que estamos na crise dos cinco anos. Unha brincadeira. Os tres nenos dinlle papá a el. Na miña casa todos rin, sacamos fotos e ‘selfies’, ao meu marido gústalle xogar ao xadrez. El é o aburrido. Eu son a divertida. Imos cazar bichos no parque… Non podemos permitirnos luxos, pero esas cousas si.

Vou saíndo das débedas. Empecei coa Cruz Vermella. Aí empecei a coller o ritmo de traballar seguido, de non deprimirme, de non tomar tantas pastillas, de dicir: eu podo, eu valgo… Empecei hai xusto un ano. Deume a vida. Foi un ingreso estábel durante tres meses. E cando viron o esforzo foi cando me pasaron para facer o curso do supermercado. O curso foi en novembro e decembro. Tiven un mes de prácticas, e aquí estou, tres meses xa… Sen estudos! Síntome orgullosísima. Meu pai non o cre. El sabe que alá en Uruguai as caixeiras teñen que ter estudos. Teño xornada completa. A min gústame.

Está moi ben ter un traballo e que a final de mes che cheguen os cartos á conta. Eu miro no móbil. E poder pagar. E se o fillo che pide algo, poder darllo… Aos nenos se lles iluminan os ollos cando aparezo coas caixas de leite e os cereais. Agora debo 305 de auga e de luz estou ao día. Hoxe teño 70 euros na casa. Paguei case todo o dos coles. Os nenos xa saben que día cobro, porque ese día vénme a cara de felicidade e saben que haberá algo especial ese día.

Gano menos de mil euros, e teño 200 embargados por débedas de cando era autónoma e dalgunha multas do coche. Tiña débedas de luz e auga desde setembro do ano pasado. Púxenas ao día esta semana. Síntome orgullosa. Temos o bono social da luz por familia numerosa. Non pagamos alugueiro porque o piso é dos pais de meu home.

Nunca tivemos a RISGA, só tiven un ano unha axuda de 426 euros por muller maltratada. Polos nenos temos iso dos puntos que che dan en xaneiro e en xullo 145 euros. O 16 de xaneiro e o 16 de xullo, 145 por cada un até que teñan dezaoito anos. Temos seguimento da traballadora social. Xa rematamos as citas. Ela tamén está orgullosa. Vaime seguir axudando co dos libros e o do comedor, puntualmente. Agora na gardería quérenme cobrar.

Aos meus fillos non lles conto nada. Mamá é feliz, foi feliz e vai ser feliz só por eles. Nada máis… Eu penso que non teñen que saber nada. Por que? Para que? Teño un traballo. Son feliz.

Deixe um comentário

Deixe um comentário