O debate sobre a prostitución
O debate sobre a prostitución
Ningunha muller nace para sindicalista
Ana Viqueira
O sindicalismo polo que pelexamos día tras día é ese que se constrúe dende o corazón. No fundamental, consiste en ir acompañándonos da man como clase traballadora. Se unha irmá peta na porta, abrímola e descubrimos a forma de construír xuntas.
O pasado mes de xullo, creouse dentro da Intersindical Alternativa de Cataluña (IAC) a primeira sección sindical de traballadoras sexuais (USTS) da Península, formada exclusivamente por traballadoras. Dado este paso, pídennos aos sindicatos que nos posicionemos sobre a súa proposta política pro-dereitos. Non se trata de establecer políticas públicas baseadas no regulacionismo, nin no abolicionismo, nin no prohibicionismo senón o recoñecemento dos dereitos laborais como traballadoras para obter máis armas coas que combater as violencias do capital e do patriarcado.
O sindicalismo non só pode, senón que debe, abordar o traballo sexual como débeda histórica co traballo realizado polas mulleres. Xerar dentro dun sindicato un debate deste calado, no que as traballadoras sexuais teñan voz e as compañeiras no seu conxunto lideren as reflexións políticas, é un paso adiante para todas. A través destes procesos as mulleres transformamos o sindicalismo, esiximos o protagonismo que nos corresponde e construímos unha colectividade máis sá e forte cos nosos compañeiros.
“O sindicalismo non só pode, senón que debe, abordar o traballo sexual como débeda histórica co traballo realizado polas mulleres.”
Por iso, introducir este debate no sindicalismo require unha abordaxe desde a perspectiva de clase e feminista. Cómpre tecer unha posición que englobe o maior número posible de puntos en común e o entendemento dende a diversidade. É preciso desfacerse do modelo de debate burgués e patriarcal no que só se procura a vitoria dunha postura sobre a outra. Tampouco admitimos que se fale por outras xa que acreditamos nos suxeitos políticos que se autoorganizan e falan por si mesmos.
Non podemos obviar as violencias comúns nos traballados feminizados. O feito de que as empregadas do fogar e as do sexo sexan as máis vulnerabilizadas polo Estado e a patronal non é casual. Tampouco o é que a discriminación se centre en traballos como o de coidar, limpar ou manter relacións sexuais, todas elas actividades desenvolvidas de maneira gratuíta por mulleres dentro do matrimonio.
Precisamente no ámbito dos coidados valórase á persoa como traballadora pola súa conexión afectiva coa persoa á que se lle presta o servizo. Non é acaso a afectividade do máis íntimo e persoal que temos? Con cantas persoas tivemos sexo e a cantas persoas bañamos e lle limpamos o cu? Canta intimidade precisamos para cada unha destas actividades? Por que cambian as nosas respostas se lle engadimos un cobrando? Se unha actividade é lexítima de forma gratuíta, non debería se-lo tamén a cambio de cartos?
“Que pasaría se todas cobrásemos polo traballo do fogar, dos coidados e o sexual? Onde quedaría o estigma?”
Por que xera tanto conflito que as mulleres reciban unha remuneración económica polas actividades destinadas á esposa? O traballo do fogar, dos coidados e o sexual teñen unha altísima incidencia no PIB, conforman a imprescindible base do sistema, e son os máis precarizados, invisibilizados e repudiados socialmente. E se valoramos, dignificamos e loitamos polo recoñecemento dos dereitos de quen esixe un salario a cambio? Que pasaría se todas cobrásemos polo traballo do fogar, dos coidados e o sexual? Onde quedaría o estigma? Por que teríamos que permitir que nos dividan segundo os graos de violencia que soportamos para sobrevivir?
Non debemos deixar a un lado a existencia da trata que nos repugna, violenta e degrada como sociedade. As políticas públicas atópanse moi lonxe do seu combate eficaz e apenas temos ferramentas de loita. Pero se non responsabilizamos aos traballadores de Citroën da contaminación dos coches, nin consideramos que os avances laborais conseguidos polas compañeiras do Bershka vaian repercutir no fomento de fábricas téxtiles clandestinas, porque si tratamos de colocar esa lousa de responsabilidade sobre as traballadoras sexuais?
A medida en que se avanza, o debate gaña en complexidade. Por moito que se negue, aparecen en nós -en todas!- a moral, o pudor e os prexuízos. É un insulto negalo ao mesmo tempo que tamén o é pensar que dun día para outro a moral vai desaparecer dentro de nós. Sermos capaces de expresar e escoitar o que nos remexe é a mellor forma de desterrar do camiño as agresividades e os sentimentos de culpa.
Moitas consideran que nunha sociedade equitativa e igualitaria non existiría o traballo sexual. Para avanzar cara ese ideal non sería un paso imprescindible recoñecerlle ás traballadoras sexuais dereitos fundamentais como é o da sindicación?
Outras compañeiras fan fincapé nas violencias que rodean o traballo sexual , as condicións de explotación que sofren as que traballan nos clubs e as redes de trata existentes e pregúntome, non pode ser acaso a sindicación das traballadoras sexuais a mellor maneira de poder combatelo? Non está sendo crucial o papel do sindicalismo ante casos de abusos como os sufridos polas temporeiras da fresa? Non sería fundamental a sindicación das traballadoras sexuais para loitar todas xuntas contra unha patronal do sexo xa recoñecida?
Non falamos de regularizar o traballo sexual nin de prohibilo senón de recoñecer pública e socialmente un dereito fundamental como é o da sindicación. Non falamos de descubrir a pólvora senón de dar unha resposta práctica como sindicato: consideramos ás traballadoras sexuais traballadoras coma nós e imos construír a casa con elas dentro? Enfrontármonos ás cloacas todas xuntas?
“Non falamos de descubrir a pólvora senón de dar unha resposta práctica como sindicato: consideramos ás traballadoras sexuais traballadoras coma nós e imos construír a casa con elas dentro?”
Canta máis violencia capitalista e patriarcal existe, máis necesario será o sindicalismo. Tan pronto desapareza radicalmente a división de xénero, de clase e colonial, os sindicatos xa non serán precisos. As primeiras en desaparecer nun mundo no que as mulleres sexan libres somos as sindicalistas. Ningunha muller nace para sindicalista e, así e todo, é unha das nosas mellores armas para sobrevivir e construír.
As Kellys. As traballadoras sexuais. As limpadoras. As temporeiras da fresa. As traballadoras do fogar… Se non é no agora, cando vai ser o momento do para todas, todo?
Compostela, 13 de setembro
Ana Viqueira
1989, Compostela. Responsábel da secretaría das mulleres da CUT.
Apúntate ao boletín!
Recibe o noso Boletín cada 15 días cunha selección das nosas historias e outras recomendacións