O sometemento polo terror

A vila da morte (e III)

¿y las rejas por siempre
entre mí y mis ensueños?
José Benito Buylla

O medo era un puntal básico do Estado franquista. Na prisión ese medo era constante: medo á fame, á falta de liberdade, á morte…

Ao acabar a guerra, o racionamento impúxose para todos os españois, con pequenas diferenzas: as mulleres, os maiores de 60 anos e os menores de 14 recibían unha porcentaxe menor de comida que os homes adultos. A prioridade quedaba clara. A comida dos presos tamén estaba racionada, pero ata as cantidades prescritas eran moi superiores ás que realmente recibían. Segundo confesaba o director da prisión de Celanova, durante a posguerra houbo ocasións nas que o rancho dos reclusos se reducía a patacas cun pouco de carne.

O amoreamento, a mala alimentación, as malas condicións hixiénicas producían enfermidades, sobre todo do aparato respiratorio, que se saldaban a veces con resultado de morte. A tuberculose, unha enfermidade case anecdótica en 1936, repunta a niveis desorbitados durante a guerra, tornándose endémica durante a primeira década de posguerra. Na prisión de Celanova, o historiador Rodríguez Teijeiro contabilizou 84 mortes entre 1938 e 1943 por enfermidade ou “accidente”, a maioría debidas á tuberculose. Un estudo realizado cos datos de 15 prisións cifra en máis de 4.000 os mortos nas prisións a causa da mala alimentación, enfermidade ou malos tratos durante os anos corenta. A maioría entre 1940 e 1941.

Á marxe das humillacións gratuítas dos carcereiros e dos disparos das sentinelas, os castigos oficiais apenas se diferenciaban do maltrato e da tortura. Na Prisión Central de Celanova os castigos eran especialmente duros. Sen ir máis lonxe, en xaneiro de 1940 dous presos foron condenados a 20 días nunha cela de castigo e 15 días de limpeza de retretes… por xogar ao dominó.

A blasfemia era tratada como delito contra o Estado e tan penalizada como un intento de fuga. O regulamento establecía como castigo a incomunicación do penado, ata que se arrepentise. En caso de reincidencia, podía perigar a concesión de beneficios como a liberdade condicional ou a redución de condena. Sabendo as consecuencias que carrexaba, non podemos máis que comprender o sometemento dos presos a estas normas e incluso a colaboración coas autoridades. Mais tamén por ese motivo, son de destacar algunhas actitudes contestatarias. En 1943, pouco antes do seu peche, catro reclusos foron trasladados á prisión de Burgos: dous por manifestar publicamente que non aprenderían o catecismo “bajo ningún concepto” e outros dous por rexeitar a súa posta en liberdade se para acadala tiñan que examinarse de cultura relixiosa. Eran considerados irrecuperables para a Nova España.

“A blasfemia era tratada como delito contra o Estado e tan penalizada como un intento de fuga. O regulamento establecía como castigo a incomunicación do penado, ata que se arrepentise”

As rapazas da vila encargábanse de atender as necesidades dos presos, lavarlles a roupa ou enviarlles comida. Unhas facíano voluntariamente e outras por necesidade económica, acordando un pago cos familiares polos seus desvelos. Nalgúns casos, chegaron a namorar. Os fascistas non entendían que preferisen a aqueles homes privados de liberdade e non as seducisen os seus lustrosos uniformes e a súa posición social. Sabíanse impunes, e berraban que lles ían cortar o pelo ás mulleres co obxectivo de desmoralizar aos reclusos.

Permanentemente recordábaselle aos presos a súa condición de vencidos. Especialmente, durante as festividades relixiosas e as conmemoracións patrióticas, mediante a celebración de concursos literarios. Pronto se idearán mecanismos para o adoutrinamento dos presos e o seu aproveitamento económico con pingües beneficios para o Estado e as empresas privadas.

O labor educativo centrarase sobre todo nos analfabetos, por consideralos máis permeables á propaganda nacional-católica. O exame consistía, entre outras cousas, na redacción dunha humillante carta agradecendo ao Novo Estado pola educación recibida.

Por outro lado, o sistema de redención de penas polo traballo empregaba aos reclusos en talleres ou na reconstrución e reparación de obras públicas a cambio dun pequeno xornal do que, por riba, o Estado quedábase cunha parte importante, teoricamente, para a súa manutención. A cambio podían reducir uns poucos días de condena, pero para iso tiñan que mostrarse “sumisos e arrepentidos” . Masóns e comunistas eran empregados en batallóns de traballadores, mais non podían reducir días de condena.

Para alixeirar o exceso de reclusos, recorreuse á concesión da liberdade condicional, é dicir, con condicións. Frecuentemente, os liberados eran obrigados a residir lonxe da súa residencia anterior, ademais de sufrir a continua e humillante vixilancia das autoridades que podían devolvelos á prisión se o consideraban oportuno. Encadeados ao seu pasado, nunca serán verdadeiramente libres.

A imaxe da cabeceira: grupo de presos no patio da Prisión Central de Celanova (sen data). Hoxe, o patio do Instituto.

Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no email

O autor

Pablo Sánchez

Pablo Sánchez

Madrid, 1991. Historiador. Autor do libro Masonería e República en Celanova (2017) e de varios artigos de divulgación histórica. Desenvolve a súa actividade investigadora sobre a historia social e a memoria democrática. Ten colaborado con diversas asociacións e xornais.

#memoria

Deixe um comentário