Produción, distopía e perversión
Rebeca Baceiredo
Warren Buffett deu a súa aprobación: xa é hora de que as mulleres formen parte do sector produtivo da sociedade. Que súas irmáns, dixo, só puideron pensar en casar ben (o seu patrimonio con outro), aínda sendo tan intelixentes coma el, que podemos producir moito PIB, agregou, que non debe desperdiciarse o ‘talento’, estimulante concepto liberal, desta metade da poboación (e ademais o feminismo main-stream está a dar moitos cartos, que caramba!, é unha boa burbulla. De feito, xa Frazer nos advertía sobre a posible connivencia entre feminismo e neoliberalismo). Non pensou -antes de falar- que as mulleres das clases traballadoras sempre foron produtivas, nas leiras e nas fábricas e nas casas. Esas mulleres usaron e venderon ‘libremente’, non lles quedou outra, a súa forza de traballo.
Pero hai algo diferente agora, é verdade, pois inclúese formalmente ás mulleres no estrato laboral cualificado. É dicir, as que poidan formarse para acceder aos altos postos da sociedade, isto é, as que non estean retidas polo teito de cristal da clase social -moi determinada por fenómenos migratorios ou distribucións internacionais do traballo- poderán ocupalos. Marabilloso, porque me emociona ver a Ana Botín emocionada por unha, non revolución, senón pequena modificación no pacto social. E aínda que Žižek nos conceda o dereito a ser de cando en vez obxectos, parece que agora se nos recoñece como suxeitos produtivos.
O caso é que aparentemente o capital renuncia ao xénero como factor de segregación, pero non a todo sistema de segregación, pois dos coidados poden encargarse a mulleres de estatus profesional inferior, mesmo a reprodución pode alugarse.
O caso é que aparentemente o capital renuncia ao xénero como factor de segregación, pero non a todo sistema de segregación, pois dos coidados poden encargarse a mulleres de estatus profesional inferior (ao parecer é xa difícil falar socioloxicamente de clase obreira), mesmo a reprodución pode alugarse de forma moi respectable, segundo Rivera, e aínda máis estupendo para o capital sería capturar a orixe da vida e reproducila ao seu antollo, a cambio de módicos financiamentos a acordar. Todo nun mercado ben (des)regulado…
Tamén a sexualidade se (des)regulariza… Lembrades cando no parabenizado maio do 68 se pedía unha erotización da vida? Lembrades cando a Escola de Frankfurt mantiña unha perspectiva crítica fronte a xenitalización da sexualidade? O puritanismo que acompaña este progreso cara a asepsia produtiva forza á libido a reterse ou a moverse polas canles establecidas, unha estimulación por represión que enchoupa os espazos, as formas, as fantasías reguladas. Neste proceso civilizatorio baseado na escisión con respecto á natureza o sexo deixou de ser natural hai moito tempo: durante séculos foi pecado e agora é só sobrecódigo. Non é un Eros expresándose, é xa un Tánatos que pecha o círculo de subxectivación. Por isto a excitación a partir da submisión e da violencia é o que marca esta nosa cultura da dominación (na que ata os responsables das páxinas de pornografía advirten sobre a alarmante busca de vídeos de violacións).
A figura do perverso, moi ben avida coa subxectivación do ‘homo aeconomicus’, obtén o goce fisurando ao outro, un outro do que a existencia e o poder do amo perverso dependen.
Recentemente lía que o non é non tampouco é suficiente para unha nova ética da sexualidade, pois implica que, heterosexualmente, os homes deciden e as mulleres aceptan ou non. Esta lóxica patriarcal obvia que o sexo poida darse con empatía (compartir ou xerar un mesmo pathos) e está enraizada na perversión. A figura do perverso, moi ben avida coa subxectivación do homo aeconomicus, obtén o goce fisurando ao outro, un outro do que a existencia e o poder do amo perverso dependen. Tal impotencia perde ao perverso na violencia, no desexo de aniquilación dese escravo que o escraviza a el. O perverso volatiza ao outro.
A diferenza do masoquista, que fielmente se dedica a facer gozar da existencia ao sádico, a vítima do perverso escápaselle por veces, pois é un ser alleo, irredutible, en última instancia. Se as relacións tradicionalmente codificaban o desexo segundo o fascismo clásico, temendo e adorando ao poder, nun mundo hipermoderno de individuos illados, de calquera xénero ou interxénero, a sexualidade probablemente se resolverá de xeito satisfactorio coa realidade virtual háptica, que xa está sendo promocionada, ou será común, porque posible xa é, adquirir un robot sexual con intelixencia artificial programable para a submisión, iso si. Dixisexuais, dinlle, pero perversos. A cousa é que se non muda a subxectivación sempre se necesitarán outr@s aos que reducir.
Ourense | 27 de xuño
Rebeca Baceiredo
Ourense, 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía e con estudios en arte contemporánea. Escribe sobre sistemas de representación e réximes de poder. Os ensaios filosóficos xiran, esencialmente, en torno aos modos de subxectivación e a obra máis literaria aposta pola deconstrución do suxeito-autor.
Sentenzas, resistencia activa e soberanía
A sentenza do caso de La Manada explícannos que, para que o abuso sexa agresión, debe haber intimidación. Non valeu o medo a non poder fuxir, de momento, como proba de intimidación. E non existe conciencia de facer mal porque forzar a unha muller non está mal. Esa é a cultura na que sobrevivimos.
A orixe como consenso pero o horizonte, múltiple
O tsunami, esa metáfora que nos encanta usar para os movementos sociais, comezou en Hollywood. Coa viralidade do #metoo, a resistencia feminista chegaba aos medios de xeneralistas, ocupaba a axenda ‘main-stream’.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso