A depresión ourensá

Óscar Penín

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

En xeomorfoloxía, unha depresión é unha zona de relevo terrestre situada a nivel inferior que as rexións circundantes. É, pois, unha descrición moi axustada de Ourense no xeográfico e, desde a chegada á concellaría de Belén Iglesias, no cultural. A cidade na que as intelectuais apelábanse a si mesmas como gregas do Miño, perde en tres anos todo o feito nos últimos setenta. Para moitas, resulta complicado explicar por que a terceira poboación de Galicia non alberga ningún proxecto que poida ser referencial e único unha vez certificadas as mortes de Outono Fotográfico e do Festival de Cinema. Programar, prográmase; pero dáse un absoluto dominio do tanga fronte o birrete.

Tras o aparente caos na xestión da Concellaría, hai unha lóxica. Búscase engrosar as cifras de asistentes para tapar a axenda oculta que hai detrás da aniquilación cultural que estamos a sufrir. O proxecto cultural da dereita non é só encher as rúas de Ourense de asistentes a espectáculos músicas, cada cal menos interesante, coas orquestras Panorama, Combo Dominicano e París de Noia como referentes. O proxecto do Partido Popular (tamén de Democracia Ourensana) pasa por evidenciar os supostos límites do público á hora de xestionar a cultura seguindo o modelo aplicado noutros sectores estratéxicos como o informativo, o educativo ou o sanitario.

O PP estalle dando á cultura a categoría de campo de batalla. Pretende crear un falso enfrontamento entre o cultural e o popular. Unha estratexia que xa se puido ver noutros gobernos populares. Reducindo a variedade e a calidade da oferta considera que desmobiliza ás contrarias, contenta ás non posicionadas (ás que considera incultas) e mobiliza ás súas bases máis neoliberais, que poden contar con datos obxectivos para declarar que o público é inservible e, ao mesmo tempo, considerarse reserva espiritual fronte a unha masa inculta e de aldea.

“Programar, prográmase; pero dáse un absoluto dominio do tanga fronte o ‘birrete’. O PP estalle dando á cultura a categoría de campo de batalla. Pretende crear un falso enfrontamento entre o cultural e o popular.”

Un efecto colateral desta estratexia é o renacer dos clubs culturais exclusivos. Clubs de intelectuais neoliberais e de clase media-alta. Estes clubs están a actuar como lobbies de influencia política, mediática e social e conseguen impor unha folla de ruta que pasa pola privatización da cultura.

Convencidos de contar co apoio das súas votantes e co apoio popular ao seu modelo, a cabalgada conservadora alcanza cotas brutais coa liquidación da totalidade do legado de Benito Losada (Xornadas de Banda Deseñada, Bienal de Caricatura, Outono Fotográfico, Casa da Xuventude), a cancelación do Festival de Cine (OUFF), a destrución de numerosas iniciativas de base a través do afogamento económico e administrativo e a nula construción de propostas novas. Chama a atención a política de destrución centrada en dúas estratexias represivas: o cobro de taxas polo uso do espazo público e o asedio policial.

As xestoras culturais profesionais da cidade debátense entre as que perderon a totalidade do seu proxecto e as que a duras penas o manteñen. A día de hoxe, sobreviven á desfeita os colectivos con menor dependencia das arcas públicas, con proxectos menos mercantilizados e con meirande cultura de resistencia. ES.CU.A (Espazo Cultural Aberto), reúne a máis dunha vintena de organizacións que traballan de xeito cooperativo e autoxestionado e que, nas últimas datas, manteñen un enfrontamento directo co alcalde, Jesús Vázquez.

Ourense, cultura,
Unha imaxe do FIB 2017. @Escua

“A día de hoxe, sobreviven á desfeita os colectivos con menor dependencia das arcas públicas, con proxectos menos mercantilizados e con meirande cultura de resistencia.”

Na súa condición de cultura de resistencia, teñen alcanzado unha capacidade de impacto moi grande. Todo isto, a pesar dunha continua presión policial e administrativa. A pesar dos éxitos, pola súa propia dimensión, o seu traballo limítase a unhas poucas rúas do Casco Vello da cidade. Un Medulio onde o asociacionismo conta co apoio do empresariado e da veciñanza. No resto da cidade, apenas teñen impacto, máis alá dunhas tímidas iniciativas para expandir a súa influencia como son o Cinema no Barrio (CineClube Padre Feijoo), Ourensegrafías (A Bela Auria) ou a actividade dos colectivos agrupados en torno á música tradicional.

Unha vez máis, o reto da cultura de base é eludir a tendencia de enrocarse nos centros da cidade, onde incluso se pode acabar por provocar efectos como a xentrificación do espazo. Faise preciso ante o elitismo, o nepotismo e a incompetencia, opor un modelo de traballo expandido.

Un Ourense expandido

Contra as ínfulas de grandeza da dereita, o seu rancio elitismo de ensanche de cidade pequena, o seu cosmopaletismo, debemos enfrontar un modelo expandido a cada unha das zonas da cidade traballando sobre o que no fai únicas. Unha vez máis a solución atópase en recoñecernos a nós mesmas. Ourense pasou dos 28.000 habitantes do ano 40, aos máis de 100.000 dos anos 80. Máis dos 70% dos habitantes de Ourense son de orixe rural. A porcentaxe máis grande de todas as cidades da Galiza.

Os efectos da chegada masiva de labregas a Ourense son ben coñecidos. Cada barrio vai gañando o seu carisma en base aos seus novos moradores. A labrega que emigra escolle o barrio que máis preto queda do seu lugar de orixe. Cada núcleo de poboación é unha mestura entre a aldea e a cidade.

Isto explica a incrible vitalidade das festividades tradicionais asociadas aos ciclos agrícolas (entroido, maios, magosto), a importancia da música tradicional nos barrios, a potencia das festas de barrio e a multitude de iniciativas culturais en torno a estes. Fronte a este aspecto participativo e integrador da cidade, as festas de Ourense son das partidas económicas máis importantes de Cultura e, sen embargo, teñen un impacto residual. Non son capaces de convocar unha verdadeira participación máis alá de determinado evento ou concerto de renome. E si, a Panorama ten renome (tamén Rosendo Mercado).

A lectura das elites é que os barrios non estean interesados na cultura pois non veñen ao centro a realizar o seu consumo e, sen embargo, veñen ver ás orquestras. A nosa lectura é que as elites descoñecen (por falta de interese) o calendario cultural de cada barrio e a importancia simbólica da súa tradición. Polo tanto, se queremos opoñernos ás políticas neoliberais precisamos outros xeitos. Temos que integrar o traballo do activismo de base no calendario cultural dos barrios. Precisamos desesperadamente unha alianza coas organizacións veciñais menos implicadas coa dereita.

Ourense, cultura,
Festa en Seixalbo a comezos deste verán. Fotografía: A.C. Agromadas.

“A lectura das elites é que os barrios non estean interesados na cultura pois non veñen ao centro a realizar o seu consumo e, sen embargo, veñen ver ás orquestras.”

O reto é crear modelos de intervención fundamentados no patrimonio cultural, no desenvolvemento sustentable do tecido urbano, na tradición rural e tamén na urbana, e no perfil sociocultural das habitantes da cidade tomando o barrio como espazo de traballo.

Para iso, xa contamos co modelo de Seixalbo. Neste centro histórico e patrimonial de Ourense vense dando dende o ano 1986 unha alianza entre a asociación de veciñas e o asociacionismo cultural endóxeno que está a converter este lugar nun exemplo de desenvolvemento sustentable.

Tamén un exemplo de integración de novas moradoras. Alí sóubose reter á poboación moza, atraer novos habitantes dende o centro da cidade e integrar á poboación multicultural que chegou ao barrio froito da íntima relación con Bemposta. Seixalbo debería ser un modelo de estudo en todas as universidades do País. Un exemplo de como desenvolver un relato cultural de máximo interese, contribuír á dinamización e a rexeneración do tecido urbano sen caer na xentrificación.

Ao mesmo tempo, o seu movemento veciñal logrou sacar adiante iniciativas en eidos tan dispares como o patrimonio, o deporte, a recreación histórica, o mantemento do entroido tradicional, a preservación da agricultura tradicional… E todo isto, a través de todos os cambios políticos que sufriu a cidade de Ourense.

Para salvar a Ourense da extinción cultural, fagamos de cada barrio un Seixalbo.

Creemos un, cen, mil Seixalbos!

Ourense, 17 de setembro.

Óscar Penín

Óscar Penín

Ourense, 1978. Licenciado en Historia. Desde que en 1993 fundara, xunto a outros alumnos, a Asociación Galeguista do Otero Pedrayo, segue unha senda que o fai ir continuamente da profesionalización ao activismo cultural e que non lle deixa parar nunca. Fundador da AGOP, colaborador do periódico GRALHA, membro da ANOC, representante da Asemblea de Traballadores de Arqueoloxía por Ourense, membro de ESCUA e coordinador de A Bela Auria. Traballou para empresas e institucións do sector cultural como Itc.ménsula, Ouvirmos, Museo Arqueolóxico de Ourense, Zeta Arqueoloxía, Trivium, a fundación Uxío Novoneyra e a fundación Xaime Quesada Blanco.

1 comentário em “A depresión ourensá”

  1. Seixalbo dende o 1839 cando empeza o xuízo dos foros case todas as melloras q acadou foron froito da unidade veciñal e as aportaciones económicas dos habitantes da vila. Para ter máis información ler o libro Seixalbo Anacos do pasado. Pódese acadar en Agromadas ou no Concello. Cultura.

Deixe um comentário

1 comentário em “A depresión ourensá”

  1. Seixalbo dende o 1839 cando empeza o xuízo dos foros case todas as melloras q acadou foron froito da unidade veciñal e as aportaciones económicas dos habitantes da vila. Para ter máis información ler o libro Seixalbo Anacos do pasado. Pódese acadar en Agromadas ou no Concello. Cultura.

Deixe um comentário