A Bela Auria busca saídas á asfixia oficial

Unha breve historia recente do devalo cultural ourensán. O tecido cultural asiste con preocupación á decadencia dos grandes eventos abandonados polo goberno municipal do PP.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Ximena González | Ourense, 14 de setembro.  A cultura en Ourense era unha sucesión de grandes nomes –Otero Pedrayo, Risco, López Cuevillas, Basilio Álvarez, Blanco Amor, Losada Diéguez, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Virxilio, Valente…– ata que deu en sumar pequenos fitos –un festival de fotografía, un de teatro, un de cine, a descuberta da banda deseñada…–, e como elo na cadea outro nome, Benito Losada, fundador da Casa da Xuventude, espazo dinamizador dunha época que rematou hai anos pero que agora os reitores culturais da cidade, cunha concepción neoliberal da cultura, ameazan con enterrar despois dunha década de crise.

Que pasa en Ourense que deixou de ser referencia cultural no país? Que pasa na Bela Auria de don Ramón, capital nunha encrucillada de despoboamento, decadencia económica e desmantelamento do cemento social que é a cultura?

Onte mesmo a Deputación de Ourense anunciou que botará man do OUFF, o festival de cine que debería cumprir este ano a súa 23ª edición, pero que está no ar desde que o pasado 18 de xuño o director do evento, Fran Gayo, e a produtora executiva, Analía Alonso, dimitiran e o Concello de Ourense anunciara que non habería tempo para contratar un novo equipo.

En realidade a Deputación de Xosé Manuel Baltar sae ao rescate de Jesús Vázquez (PP), o alcalde da cidade que antes foi conselleiro de Cultura e manexou os orzamentos públicos do seu departamento cunha clara inclinación a financiar a rehabilitación de propiedades da Igrexa. En apenas un mandato, Vázquez e o seu equipo de goberno deixaron Ourense sen ciclo de música de cámara, sen banda de música municipal e sen Outono Fotográfico –despois de 35 anos– e con dous festivais de teatro en risco de desaparecer tamén: o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e a Mostra de Teatro Infantil (MOTI). Por riba, os colectivos culturais e mesmo entidades ben arraigadas como Sarabela Teatro seguen advertindo que as subvencións á cultura son cada vez máis magras e cada ano saen con máis atraso.

“Está callando un discurso que di que isto non é prioritario. E vén Jácome [líder de Democracia Ourensana, segunda forza política na corporación municipal] e di que sobra a banda de música e que sobra o outono fotográfico e zas!”, reflexiona Millán Brea, autor dunha investigación de referencia sobre o papel da Casa da Xuventude como dinamizadora do ámbito cultural da cidade nos anos oitenta. “Pero o que se está caendo son algúns deses grandes eventos que necesitan do apoio institucional, precisamente polas súas dimensións. Porén, Ourense é forte culturalmente falando. Nunca houbo tantas propostas e sempre hai algo, todos os días do ano, na cidade. O que pasa é que non se visibiliza, que é algo que si dan os grandes eventos como os festivais, que teñen a súa importancia porque xeran actividade ao seu redor e fai que a xente que vén de fóra, moita xente, participe… nada que ver co único que se vende hoxe de Ourense, o turismo termal. Esa perda de visibilidade é a perda”.

“Ourense é forte culturalmente falando. Nunca houbo tantas propostas e sempre hai algo, todos os días do ano. O que pasa é que non se visibiliza, que é algo que si dan os grandes eventos como os festivais, que teñen a súa importancia.” (Millán Brea)

A Casa da Xuventude segue sendo o gran fito da produción popular de cultura despois do franquismo. De alí saíron iniciativas como o Outono Fotográfico, toda unha saga de autores de banda deseñada, mesmo movementos pacifistas e ecoloxistas da cidade, lembra Millán Brea, e ata cadros políticos formados nas mocidades do Bloque e do PCE.

En 2008, co goberno bipartito na cidade, a xestión cultural pasa a mans nacionalistas devolvendo á cidade un goberno que procura recuperar parte do impulso perdido a nivel cultural nos últimos anos do goberno de Cabezas. Nos cinco anos seguintes a cultura toma certo impulso: Sarabela convértese en compañía residente consolidando os tres festivais de teatro da cidade (FITO, MOTI e MITEU), o Concello de Ourense comprométese coa Fundación Benito Losada a protexer e pór en valor o seu patrimonio cultural a través das xornadas de folclore e o apoio económico ao Outono Fotográfico, celébrase o 50 aniversario da publicación da Esmorga (coa Xunta e o Agadic), impúlsase o calendario das festas populares (entroido, magosto, maios, samaín, apalpador), no 90 aniversario da Revista Nós impúlsase a proposta de promover a Ourense como Capital Cultural en 2020 coincidindo co centenario da publicación, a celebración das Mostras de Patrimonio Cultural Inmaterial da man do proxecto Ronsel en colaboración coas tres universidades galegas, e póñense en marcha ciclos de música como o Sen Batuta, de referencia estatal. Con todo, os colectivos de base seguiron reclamando transformacións máis profundas nos mecanismos de participación e de relación do institucional co popular.

Imaxe do Liceo, un espazo cultural que viviu mellores èpocas. Na imaxe do cabeceiro, unha actuación musical durante o festival ‘E/M/E/R/X/E’, en xullo pasado. @Escua

“Cando entramos non había unha planificación. Non había, por exemplo, unha programación infantil estable de teatro, nin sequera as exposicións museísticas reflectían a importancia dos artistas locais e a música clásica apenas tiña cabida”, explica Isabel Pérez, naquela altura responsábel municipal de cultura. “Nós implantamos criterios de continuidade para consolidar a programación, porque doutro xeito é imposible prever necesidades orzamentarias e avanzar a contratación. Era a estratexia para un mandato e a base para os seguintes, sen caer no curtopracismo de rendibilidade electoral”, asegura a nacionalista.

A crise política municipal do 2011 levou ao PSdG a asumir as responsabilidades en cultura. Empezaron a desaparecer da axenda institucional as referencias á cultura galega e a lingua, ao patrimonio inmaterial, á ligazón coa lusofonía ou as celebracións e actividades que se viñan impulsando pola recuperación da memoria literaria e galeguista da cidade. Ana María Garrido Rodríguez, a concelleira socialista, variou a orientación da súa predecesora. A homenaxe a Alexandre Bóveda mudou nun ritual anual; o interese pola figura de Eduardo Blanco Amor cesou de súpeto; esqueceuse o asunto da capitalidade cultural e todo o que tiña que ver co centenario da Revista Nós.

Ana María Garrido Rodríguez, a concelleira socialista, variou a orientación da súa predecesora. Os segmentos máis críticos organízanse. No verán de 2013 xurde o Observatorio da Cultura Ourensá. No 2014 os colectivos máis afastados da rede cultural institucional lanzan a campaña ‘Aquí non hai cultura’.

O talante de Garrido tampouco serviu para mellorar a relación da institución coas bases que traballan a cultura popular. Os segmentos máis críticos organízanse. No verán de 2013 xurde o Observatorio da Cultura Ourensá (OCO), que agrupa a 23 asociacións e colectivos sociais e artísticos. 

“A realidade é que a lebre salta pola falta de visión política e axilidade de Ana Garrido. Creo que deixara pasar o prazo para solicitar as axudas para a celebración do FITO, ou algo así… Entón a convocatoria inicial lánzana desde Sarabela”, explica unha activista que participou desde o principio no OCO. “Aconteceu o que acontece ás veces en Ourense e noutros lugares, a iniciativa naceu con moito brío pero esmoreceu ao pouco”.

Malia todo, o OCO serviu para colocar unha serie de demandas enriba da mesa. Reclamábase un plan estratéxico. “A cousa non tirou para adiante. Foi máis un movemento de reacción que algo a consolidar”, resume a fonte.

Imaxe do FIB, o 30 do mes pasado. Escua topou atrancos no Concello, pero finalmente sacou adiante o festival. @Escua

No 2014 os colectivos máis afastados da rede cultural institucional lanzaron a campaña Aquí non hai cultura. Escua, o Espazo Cultural Alternativo, asina un manifesto no que se le: “Pérdense fondos europeos e estatais por falta de planificación. Despilfárranse cartos en eventos sen retorno social, económico ou cultural para a cidade. Faltan criterios claros sobre como e onde gastar o diñeiro. Escasea transparencia, claridade, comunicación, competencia, rigor, eficiencia e apoio aos axentes de base”.

Nas eleccións de 2015 Jesús Vázquez e o Partido Popular asumiron o goberno da cidade. Coa chegada do PP tómase a decisión de aplicar de forma estrita a lexislación local e comezar a esixir o pago de taxas por ocupación de rúa a colectivos de todo tipo. Dese primeiro golpe caen iniciativas como A Bela Auria, a festa popular que toma o seu nome desta cita de Otero Pedrayo e que celebrou este 2018 o seu primeiro cabo de ano logo de que o goberno municipal negase a achega económica necesaria para cubrir gastos básicos mentres esixía un pago polo uso do Parque do Posío. Daquela planificación de 2010 en torno á Revista Nós, que dentro de dous anos (no 2020) verá cumprir o seu centenario, hoxe non se coñece iniciativa institucional ou social de calado. Xa non hai compañía de teatro residente e mesmo neste 2018 en non poucas ocasións Sarabela avisou das dificultades para sacar adiante os festivais. Do Consello Municipal de Cultura non se coñece utilidade algunha. En 2018 non haberá Outono Fotográfico. E por riba, os colectivos de cultura de base están no albo.

“A política cultural da actual concellería de cultura defínese a medias entre o errático e o destrutor”, di unha activista do que foi o OCO.

A polémica máis recente ten que ver co acoso a través da esixencia do pago das taxas para o FIB, o pasado 30 de agosto. Unha privatización do espazo público en Ourense, constante no mandato de Jesús Vázquez. A política cultural desde o Concello concrétase en multas para varios colectivos. Escua, que organiza o festival, respondeu coa insubmisión ao cobro das taxas e xerou, xunto co Outono Fotográfico, as primeiras respostas contundentes á máquina trituradora de cultura que é hoxe o goberno do PP en Ourense.

“A política cultural da actual concellería de cultura defínese a medias entre o errático e o destrutor”, di a activista do que foi OCO. “Logo é evidente que cómpre un plan de cultura, e con urxencia”.

“Sen dúbida o Outono Fotográfico deixa un gran baleiro. Botaremos de menos esa época do ano onde sempre había unha grande cantidade de actividades”, advirte Isabel Pérez. “A desaparición da Banda Municipal é outra gran perda, pois cubría programación para as persoas maiores e representaba parte da tradición”, subliña. A música cesou en Ourense. Nin ciclo de cámara nin festival de rock de prestixio.

“Hai cultura”, insiste Millán Brea, que segue implicado na Casa da Xuventude pero tamén en Radio Fedello e na Escola de Tempo Libre con vínculos coa universidade, un refuxio. “Pero hai unha cultura que sofre especialmente: a cultura galega, non só a lingua, nunha cidade tan potente literaria e mesmo musicalmente”, anota mentres deixa aberta unha porta á esperanza: “Igual teríase que apostar por unha cultura máis accesíbel, pola mocidade e por animar a cultura nos barrios”

Deixe um comentário

Deixe um comentário