Apropiación simbólica do territorio: os monumentos franquistas
Eduardo Rodríguez
Chegou agosto e Franco segue enterrado no Valle de los Caídos. As intencións de Pedro Sánchez de exhumar o corpo do ditador durante o mes de xullo estiveron movidas máis polo desexo que pola realidade, un empeño que deu de bruzos coa burocracia e cos paus nas rodas postos polos sectores máis reaccionarios da sociedade pretendendo dinamitar o proceso. Con todo, parece que a súa exhumación unicamente é cuestión de tempo, abrindo de paso o camiño á retirada dos restos de José Antonio Primo de Rivera.
Unha vez aberto o melón do Valle de los Caídos xurdirán dous novos retos aos que haberá que facer fronte: que facer cos restos dos máis de 33.000 combatentes de Cuelgamuros, e como xestionar a partir dese momento o conxunto.
O primeiro asunto non ten fácil solución: moitos restos están mesturados, petrificados, moi deteriorados pola humidade, incluso formando parte da estrutura da construción. Deste xeito, os columbarios do Valle de los Caídos son unha gran fosa común, un amálgama de ósos a partir do cal é case imposible individualizar corpos.
Sobre a xestión futura da construción en si, as opinións sobre como reciclar o monumento son moi diversas, oscilando desde convertelo nun lugar de culto católico, musealizalo con fins didácticos (como se fixo con lugares semellantes en Chile, Camboxa ou Polonia), ou directamente destruílo. En calquera caso non poderemos nunca esquecer o compoñente simbólico que ten o espazo.
O ser humano é un animal simbólico, é capaz de empapar de simbolismo os territorios nos que habita. Cando se constrúe o Valle de los Caídos, ou a cruz do Castro de Vigo, prodúcese unha aprehensión dun espazo, humanizándoo como expresión -e ao servizo- dunha determinada ideoloxía. Algo case tan vello como a humanidade. Os construtores de mámoas no Neolítico erixíronas de forma ostentosa non só para enterrar aos seus mortos, senón tamén para apropiarse (simbolicamente) dese territorio ao servizo do seu propio grupo. Os castros da Idade do Ferro, ou os castelos medievais son construídos como ostentación de poder, antropizando a paisaxe natural. Non só importa a construción en si, máis relevante é a apropiación simbólica do espazo en favor dunha determinada colectividade. E non só se apropian do espazo, tamén o farán do tempo.
Por iso resulta tan complicado reciclar os monumentos franquistas, o factor simbólico pesa demasiado. No caso da cruz do Castro de Vigo a solución debería ser moito máis sinxela que en San Lorenzo del Escorial, xa que non existe a delicada problemática da xestión dos restos humanos. A vitoria xudicial do goberno municipal socialista de Vigo para que non se derrube a cruz parecía pechar a polémica na cidade, pero a chegada de Pedro Sánchez e a súa -até o momento- decidida loita para a recuperación da Memoria Histórica alterou ostensiblemente os equilibrios políticos sobre este asunto. A día de hoxe non é de recibo que Abel Caballero, máis aló das sentenzas xudiciais, continúe argumentando razóns políticas para a conservación da cruz, cando desde Madrid abertamente xa se romperon as posturas inmobilistas.
Non só importa a construción en si, máis relevante é a apropiación simbólica do espazo en favor dunha determinada colectividade. E non só se apropian do espazo, tamén o farán do tempo.
Unha das xustificacións que presenta Caballero para conservar a cruz é que se trata dun lugar de reconciliación porque o Pleno da Corporación Municipal en 1981 votara a favor de cambiar o uso dese lugar. Naquel momento elimináronse algúns símbolos franquistas convertendo o lugar nunha homenaxe a todos os mortos na Guerra Civil, sen distinción de bandos.
A tese de igualar memoristicamente aos dous bandos é tremendamente inxusta, pero aínda máis, adultera os feitos históricos. En primeiro lugar, en Vigo e en Galiza practicamente non houbo Guerra Civil, desde o minuto un foron territorio nacional. O que si houbo foi unha forte represión contra unha parte da poboación, aquela que se mantivo fiel á República, aquela que tivo que ver algo coa Fronte Popular.
A tese de igualar memoristicamente aos dous bandos é tremendamente inxusta, pero aínda máis, adultera os feitos históricos.
Represión perfectamente organizada, teorizada e lexislada desde o bando nacional, tal e como propoñía Mola en xullo do 36 (“…é necesario utilizar o terror eliminando sen escrúpulos e sen vacilación aos inimigos. Todo aquel que non pense como nós é un sospeitoso de ser simpatizante da República ou de apoiar a Fronte Popular e por tanto debe ser fusilado…”, e un longo etcétera). Esta represión cotiá foi elevada a rango xurídico cando xa se albiscaba o final da guerra: a Lei para as Responsabilidades Políticas de febreiro do 39 deixaba claro que non habería a menor actitude conciliadora senón todo o contrario, a represión ía continuar unha vez terminado o conflito (“…próxima a total liberación de España, o Goberno, consciente dos deberes que lle incumben respecto da reconstrución espiritual e material da nosa Patria, considera chegado o momento de ditar unha Lei de Responsabilidades Políticas, que sirva para liquidar as culpas desta orde contraídas por quen contribuíu con actos ou omisións graves a forxar a subversión vermella…”, establecía o preámbulo da lei).
En síntese, mesturar vítimas e victimarios no imaxinario popular, neste caso materializado nun monumento como a cruz do Castro, é un exercicio eticamente discutible. Unha pregunta para a reflexión: Como sería acollido un hipotético monumento que conmemorase a todas as vítimas do conflito vasco?
Vigo, 16 de agosto.
Eduardo Rodríguez
Vigo, 1972. Arqueólogo e profesor de Historia no ensino secundario. Autor de diversos artigos en revistas especializadas sobre historia e arqueoloxía de Galicia, e do ensaio As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Concibo o pasado e o patrimonio cultural como unha inmensa fonte de gozo, como un incomparábel xerador de emocións.
A oportunidade da inmigración
Na actualidade, as dinámicas demográficas e económicas das nosas sociedades opulentas invítannos a pensar que posiblemente necesitemos da chegada deses migrantes polo ben das nosas vidas.
Memoria Histórica, nin está nin se lle espera
Nunha visión máis sosegada da lei, dez anos despois da súa entrada en vigor, fai que botemos en falta no seu articulado pontes que unan a memoria histórica co currículo escolar. Co apoio dos familiares das vítimas e das propias vítimas que aínda quedan como fontes históricas de primeira man (que inevitablemente co paso dos anos desaparecerán), é imprescindible que a memoria histórica empape as nosas escolas e institutos.
Fetichismo cultural: do Vindel ao dinoseto
Tras o éxito que supuxo para a cidade o préstamo temporal do manuscrito Vindel ao Museo do Mar de Galicia, desde o goberno municipal xorde a iniciativa de solicitar o traslado definitivo da peza a Vigo, petición que se inscribe no marco dun conflito máis amplo entre o Concello e a Xunta. Porén, a lectura non ten que ser tan só en chave partidista: o relevante é a ‘cousificación’ e a banalización do noso patrimonio cultural.
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso