Tres mortes, dúas comisións, centos de médicos angustiados

Teima | Asalto á sanidade pública – Capítulo 5

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

S. Michelena, E. Dobaño | A Coruña, 13 de xaneiro. O Servizo Galego de Saúde naufraga. Nos centros de atención galegos morre xente polas carencias na atención. Os profesionais confésanse superados. Hai protestas día si e día tamén nas rúas de medio país. Os doentes están peor atendidos, xa é unha evidencia. Dimiten xefes nas áreas máis saturadas. Medran os grandes complexos hospitalarios ao ritmo que medra o negocio das compañías privadas. As críticas apuntan á Xunta do PP. No Parlamento de Galiza hai dúas comisións que aparentemente discuten o mesmo. Nunha delas, o venres, unha médica dixo isto:

Eran dos ancianos frágiles. Aunque el médico sale al pasillo a preguntar qué les pasa, ellos no saben qué les pasa. Uno estuvo dos horas y media hasta que llegó al cubículo y al rato de entrar en cubículo… se reanimó, pero era ya muy tarde para hacer algo por el corazón. Era un infarto. Y la otra señora estuvo tirada en un pasillo… entró bien, se clasificó, bien de tensión, pero ellos no saben qué les pasa, son como niños. Los ves de aspecto, pasan allí para el pasillo y sales a ver porque los tienes adjudicados por el ordenador, van a nombre del médico… el médico anda por observación, por cubículos, por curas, por monitores y… vas al pasillo. Bueno, pues en un momento esa señora hizo una pre-parada y… se pasó a críticos, se entubó y era un cuadro gravísimo… sumando al tiempo que estuvo en el pasillo tampoco se pudo hacer nada por ella“.

Pola tarde, as cabeceiras de maior distribución titulaban: «Médicos denuncian a la Fiscalía la muerte de dos pacientes en los pasillos de Urgencias de Santiago, y el CHUS lo niega rotundamente» (Faro de Vigo), «La Fiscalía investigará dos muertes en Urxencias de Santiago el día 2, que el Sergas niega y también investiga» (La Voz de Galicia).

A manifestación en Compostela do mércores non aparecía nas portadas en papel do día anterior en ningún dos principais rotativos do país, que pasaron toda a semana espallando a reacción do Sergas ás dimisións de xefes de servizo en Vigo antes do Nadal.

O relato científico das cousas que pasan, a realidade cotiá que perciben enfermeiros e médicas e demais traballadores que insisten en denunciar con datos e con feitos, fica esmagado polo relato político que espalla o poder da Xunta a través de todos os seus medios. Así, Miguel Tellado, portavoz do PP, pode aparecer na televisión pública do país o xoves e soltar que “o Sergas non é quen de contratar máis profesionais porque non hai mercado laboral de médicos e sanitarios en situación de desemprego” sen que ninguén o contradiga, ao tempo que a Consellería de Sanidade anuncia melloras nos contratos de substitución para animar aos profesionais en desemprego a aceptar eses empregos. “Temos a mellor sanidade pública que nunca tivemos no noso país e debemos sentirnos orgullosos dela”, insiste Tellado e consegue situar simbolicamente ao PP como garante do sistema diante das críticas á xestión do sistema que fai o PP.

O PP conseguiu reducir o debate sobre o estado da sanidade pública galega ao balbordo político, o que lle permite mentir, contradicirse, desdicirse e torcer datos e feitos contra a evidencia dos datos e feitos, das críticas dos profesionais, das protestas nas rúas e das tráxicas experiencias de cada vez máis doentes. Por iso hai dúas comisións no Parlamento tratando do mesmo.

Regina Basadre, 62 anos, médica de Atención Primaria no centro do Ventorrillo, na cidade da Coruña.

A muller da fotografía é Regina Basadre. Ten 62 anos e é médica de Atención Primaria desde fai 32 anos. Leva 20 anos no centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña. Traballa de 8:30 á 15:00 horas. Trata uns corenta pacientes ao día. Son 10 facultativos na queda de mañá (a dela) e 12 na de tarde. Dan servizo a un área de 40.000 habitantes. “A presión asistencial cambiou radicalmente porque facemos moitísimas máis cousas das que facíamos antes. Moitísimas… Agora mandamos un paciente ao cardiólogo co electro feito, coa analítica feita… e iso non só a primeira vez, tamén nas revisións. Temos seguimentos e controis que antes levaban os especialistas. Mesmo no cancro, porque despois de cinco anos moitas destas enfermidades son remitidas ao médico de cabeceira. Diagnósticos e seguimentos que antes se facían en atención especializada estanse a facer agora en Primaria. Hai falta de recursos en todas partes. Agora o que fixeron é que o que desbordaba o hospital, pasárono a Primaria. Asúmese aquí”.

Regina Basadre lanzou a alerta en 2014. “En dúas ou tres ocasións din a voz de alarma na prensa. A primeira vez foi o 7 de outubro de 2014 en La Voz de Galicia, o titular era ‘Denuncian una lista de espera oculta en el centro del Ventorillo‘, foi a primeira vez. Firmamos unha carta a maioría dos compañeiros. Mandámola á Xerencia e á Consellería… finalmente á prensa”.

As listas ocultas créanse da seguinte maneira: “Dunha vez collín e púxenme a mirar todas as ausencias dos meus compañeiros e das enfermeiras para ver como se cubrían. Mirei 2016 e 2017 completos. Descubrín o método. Cada tres días, o primeiro día ábrese a axenda da ausente e se reparte entre os compañeiros da quenda. O segundo día, pagábaselle unha ‘peonada’ a un médico da tarde para que cubra 3 horas da maña. E o terceiro día, bloquéase a axenda; é dicir, os pacientes que chaman ven que non teñen posibilidade de cita pero ninguén lles explica que o seu médico non está e que ademais non foi substituído ou que pediu días sen salario pero ninguén cubre o servizo. A secuencia é: intersubstitución > prolongación > bloqueo > intersubstitución… Esa é a mecánica, a xestión que se fai da miseria pola falta de substitutos”.

“Por que din que non hai substitutos? Pois no mes de outubro [de 2018] pedín 11 días sen soldo. É outra maneira como eu me defendo: pedindo meses sen soldo. Non mandaron a ninguén. A min deixaron de pagarme, pero nin así cubriron a substitución. Supostamente, porque non había xente porque estaban todas e todos preparando a oposición que houbo a finais de novembro. Para que iso suceda, que ninguén queira vir é que hai que vivir esa miseria… antes diso moita xente emigra a Portugal, a Inglaterra… con contratos en mellores condicións. A xente cando termina o MIR ten xa 9 anos de formación e ao mellor unha situación persoal ou familiar que non lles permite estar esperando a que os chamen por teléfono para andar en substitucións. O que fan é buscar contratos o máis estábeis posíbeis”.

#AsaltoSanidade

Do plan de mellora aos recortes

“Desde 2009 [regreso do PP ao goberno da Xunta] os recortes orzamentarios en Sanidade foron dun 21,04%, afectando especialmente á Atención Primaria, cun 22,03% de retallo fronte ao 0,02% dos hospitais. Como consecuencia, a Atención Primaria perdeu 392 prazas de persoal médico fronte a 121 nos hospitais. No total dos centros de saúde a perda total foi de 1.154 prazas en persoal de tódalas categorías fronte a 641 nos hospitais”, di o médico Manuel Martín, en conversa telefónica desde Pontevedra, onde reside. O portavoz da principal plataforma de profesionais, Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, é unha referencia na loita que manteñen os colectivos sanitarios desde fai décadas.

“O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma decidida a Asistencia Primaria e puxo en marcha un Plan de Mellora que foi posteriormente anulado polo goberno de Núñez Feijóo. Mais o golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da Atención Primaria. A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a xerencia única de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de estender ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans, que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee, Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés; en breve prazo teñen previsto constituír as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña”, escribía no 2013 Pablo Vaamonde, outra das referencias na resistencia contra o desmantelamento do sistema, pero que xa non está na primeira liña e prefire deixar a outros o protagonismo.

Fican lonxe aqueles anos nos que nos ambulatorios do país as receitas en papel se repartían como xureliños na praza. A mediados dos 90, a progresiva implantación dos novos centros de saúde -398 na actualidade en toda a comunidade, cun cadro de persoal de 21.450 facultativos [datos do verán pasado facilitados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública]- fortaleceu a Atención Primaria. Informatizados e dotados con avances tecnolóxicos, entre eles a E-receita, hoxe, tras moitos anos de traballo, empezan a facer auga poñendo en perigo unha cobertura sanitaria de calidade e a súa propia capacidade resolutiva. Masificación dos cupos, altas cifras de demora na atención, falta de prazas, precariedade laboral, son os principais puntos críticos. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública chama a atención tamén sobre a ambulatorización dos centros e a preponderancia da atención hospitalaria sobre a primaria. Para atallar esta situación, os médicos demandan o deseño dun novo plan, como o firmado para o período 2007-2011 por profesionais e sindicatos, co fin de remediar uns males xa diagnosticados.

O doutor Ramón Veras, membro da plataforma, exerce como médico no Centro de Saúde de San Xosé, no centro da cidade da Coruña. Este enclave presenta certa complexidade: moitos dos seus antigos usuarios, maioritariamente anciáns, conservan aquí o seu médico aínda que cambiaron de domicilio. De feito, moitos viven en barrios como a Agra do Orzán. Cun cupo medio de 1.442 pacientes, Veras vén dedicando unha media de 40 minutos por paciente, por moito que intente partir duns “ideais” dez minutos. Cada día atende entre 30 ou 40 persoas. O consenso profesional aconsella, segundo a Plataforma, atender un máximo de 25 pacientes ó día dispoñendo de 10 minutos por persoa e non superar os 1.250 pacientes no cupo.

Desde o 2009 non se creou ningunha nova praza na área da Coruña, coa única excepción de Culleredo onde a grave saturación obrigaba. “No San Xosé”, sinala Veiras, “nos últimos tres anos quedaron dúas vacantes pero en lugar de cubrilas foron para outros centros . Unha, para Los Rosales, onde andan cun cupo medio de 1.900 pacientes”. Pero tamén hai problemas no San Xosé. Nos últimos anos a poboación á cargo pasou de 37.509 usuarios (marzo de 2016) a 37.646 (marzo de 2018). Un terzo dos usuarios teñen máis de 65 anos (un 30,9% fronte o 26,9 de media na área coruñesa) e ademais, os usuarios de máis de 74 anos representan un 15.5% fronte ó 13% de toda a área. Veras afirma que “a Xerencia ten tódolos datos e pode ver o que pasa, pero o único que baralla é o dato dos cupos. Eu preferiría traballar en Los Rosales cun cupo de 1.900 que no Ventorrillo cun de 1.600, porque a poboación que atende este último é moito máis complexa; hai moitos inmigrantes, outros problemas, como os culturais, relixiosos, de idioma…”

“Eu preferiría traballar en Los Rosales cun ‘cupo’ de 1.900 que no Ventorrillo cun de 1.600, porque a poboación que atende este último é moito máis complexa”, di Ramón Veras.

No Ventorrillo entran uns 300 pacientes novos ao mes, indica Regina Basadre. “Púxenme nun momento en 1.950 pacientes, arredor do 2004… falei cos compañeiros e vimos que ese era o rango. Daquela, a Xerencia de Atención Primaria, que xa non existe, desprazou dúas médicas que había na Casa do Mar para aquí con cupo cero. Tardaron menos dun ano en poñerse no rango. Non crearon prazas, sacáronas de alí para aquí… O Ventorrillo, por masificado e pola presión asistencial, é o peor centro da Coruña. O groso da consulta son os crónicos, despois está a xente en idade activa, os que traballan só veñen en casos extraordinarios. Notouse desde a crise. Aquí, a vivenda está a prezos máis baixos, hai moita inmigración, pouco espazo verde, edificios altos, pisos dos anos do desenvolvemento, pisos de moita rotación, marchan uns e veñen outros, moitos pasan polo centro, pacientes que hai que historiar, coñecer… é unha zona de aluvión mentres o centro da Coruña vai quedando despoboado”.

Criterios de calidade

Os números son fríos, poden debuxar un mapa preciso da cifra total da poboación usuaria, o seu sexo, idade ou procedencia, pero, pola contra, non contemplan os problemas humanos. Veras critica que o Sergas “dedique moito esforzo ó gasto farmacéutico, mida o número bruto, pero non estude as necesidades”.

Cada médico de familia dispón dun listado de obxectivos, entre os que a Xerencia salienta cuestións como a demora aconsellable (de ata 5 días no caso do San Xosé ); a derivación á atención especializada (un 9% dos pacientes atendidos); as probas a facer (retinografías, ecografías, espirometrías ou cirurxía menor…), un total de 20 ao mes. No apartado de adecuación na prescrición, aconséllase a de xenéricos nun 45%; e reducir os custos por usuario, que serían de 54 euros por usuario de entre 65-74 anos e de 72 euros por usuario maior de 74 años.

Os médicos de cabeceira deberían levar colgada unha calculadora en lugar do estetoscopio. “Págannos unha cantidade ao ano polo cumprimento destes obxectivos, que, dentro do salario é unha parte pequena”, apunta Veras. “Pero coa Xerencia única temos a sensación de ser o administrativo do hospital”.

E engade Manuel Martín que “desde a entrada en vigor en 2010 das Estruturas de xestión integrada, consolidadas pola recente reforma da Lei Galega de Saúde, a Atención Primaria perdeu a pouca capacidade de autoxestión que tiña ó pasar a mans das xerencias hospitalarias que manexan en función dos intereses dos xefes de servizo dos hospitais”. Este proceder parece un contrasentido tendo en conta, segundo afirma Martín, que en Galiza a demanda de Atención Primaria é maior que nos países europeos e menor a hospitalaria.

Desde a Plataforma levan anos reclamando un estudo rigoroso para ver que cupos se necesitan en función de criterios de poboación, dispersión, nivel de avellentamento e patróns de enfermidades. “Así se aseguraría o acceso á asistencia nun tempo e distancia razoable”, di Martín. No que se refire á organización do traballo, as axendas, elaboradas polas xerencias “sen participación dos centros de saúde” son “irracionais” pois concéntranse na asistencia e en tarefas burocráticas en detrimento da promoción, prevención e traballo coa comunidade, algo que “sería máis eficaz para reducir a enfermidade e a mortalidade das principais enfermidades: cancro e enfermidades cardiovasculares, que teñen moita relación co estilo de vida, alimentación e causas medioambientais”.

Fraxilidade

“Fai un ano que fun preguntar cando e en que condicións me podería xubilar. Así inflúe a presión. Canto perdo?, preguntei. Teño 62 anos, que pasaría? Cando me sinto con presión, procuro facer cousas que me agraden. Hai que buscar solucións antes do incendio. O programa de fraxilidade vén de aí… Para min tamén foi unha forma de escapar. Non podo pensar nos pacientes como algo que me produce estrés, teño que pensar neles como persoas… E iso, o programa, foi un intento de pensar nos pacientes como persoas”, explica Regina Basadre.

Basadre comezou a testar pacientes maiores de 70 anos. Os doentes camiñaban dous días por semana. Empezaron en novembro de 2017. Saían martes e venres ás 11:30 acompañados pola enfermeira, unha fisioterapeuta e unha profesora de marcha nórdica. “O 90% deixaron de ser fráxiles. Unha parte desta xente seguirá camiñando con bastóns, pero xa sen sanitarios”.

“O recurso máis importante somos os profesionais, somos o recurso máis eficiente e estamos claramente escasos, e sobrecargados”, sostén Regina Basadre.

Pero o programa é unha illa. O traballo cotiá é habitualmente frustrante para os facultativos. “Hai diagnósticos tardíos, hai tratamentos mal levados… A continuidade na asistencia está perdida, e iso tamén afecta á calidade. O Sergas non é unha entidade pechada, senón que é unha entidade pública con distintas conexións, non sempre transparentes, co capital privado. Convertémonos en traballadores que obedecemos ordes dos xestores, e os xestores están máis preocupados polo resultado económico que polo resultado da asistencial… Pero o recurso máis importante somos os profesionais, somos o recurso máis eficiente e estamos claramente escasos, e sobrecargados. O que podo dicir é que se inviste menos en Primaria e menos en persoal”, di Regina. “A situación asistencial está nun punto de enfermarnos”.

– Que significan as dimisións do mes pasado en Vigo?
– Foron un acto público e colectivo de responsabilidade e de denuncia, unha manifestación da impotencia dos interlocutores directos da Administración. Non foron escoitados, non só unha vez… senón reiteradamente. A min pasoume sendo médica de a pé: non sei a quen dirixirme, se escribo carta á Consellería, ao Xerente, na prensa, na radio e nada cambia. O que fan é esgotarte.

– Que responsabilidade teñen os médicos en todo o que está pasando?
– Os médicos temos a responsabilidade de atender aos pacientes e dicir o que non funciona. Outra cousa é a capacidade, ou mellor, a resistencia reivindicativa para que as nosas demandas vaian adiante. A resistencia, si. Canto máis traballo nos esixen, máis esgotados estamos para protestar… O único que quero despois de ver 40 pacientes é deixar de pensar niso.

Deixe um comentário

Deixe um comentário