Teima | Como se para unha mina – Capítulo 8 (Touro)
Touro ábrese a un outro futuro
A Administración emite a resolución que impedirá a ampliación da mina. “Prendeu para sempre a conciencia medioambiental”, din desde a plataforma. A mina segue contaminando e nada se sabe aínda do plan de restauración.
Erik Dobaño | A Coruña | 3 de marzo de 2021. Hai dous anos e medio no adiante.gal inauguramos esta Teima cunha pregunta en Corcoesto: que aprendestes?
En Touro xa levaban un tempo na loita. En Touro tiñan exemplos de loitas. Así se vai construíndo a resistencia.
Hoxe en Touro contestan preguntas.
Para que serven as loitas?
“Para termos dereito a un outro futuro”, di Isabel, unha das portavoces da Plataforma Mina Touro O Pino Non.
Onte martes a Dirección Xeral de Planificación Enerxética de Recursos Naturais emitiu unha nota de prensa anunciando a resolución negativa sobre o proxecto de ampliación da mina de Touro.
Nesta altura, hai un ano, as veciñas e veciños agrupados na Plataforma estaban a preparar unha festa. A festa para celebrar que a Administración viña de emitir unha declaración de impacto ambiental negativa sobre o proxecto.
A covid obrigounos a suspender a festa e atrasou até onte a comunicación oficial do fin da ameaza que penduraba sobre aldeas como Arinteiro, as dos Torreis ou o val de Bama enteiro. Agora xa pensan outra vez na festa.
A mina de Touro non se ampliará. Pero a mina de Touro segue provocando a contaminación nos regatos da contorna que paran no Ulla. E nas augas antes do Ulla. “Prendeu para sempre a conciencia medioambiental”, din desde a plataforma, “e isto xa non se para até que se restaure o espazo e se limpen os regatos e os ríos. Vai ser difícil que a xente de Touro e do Pino esqueza estes anos de loita. Ao principio viámonos como David contra Goliat. Mais foron saíndo tantas cousas que antes se calaban… a sensibilidade é moi grande. Prendeu a conciencia e, ademais, xa sabemos pelexar”.
“A verdade é que non sabemos que tipo de actividade puido desenvolver a empresa nestes meses que levamos de pandemia, pero manteñen aberta unha oficina, seguiron divulgando o proxecto após da declaración ambiental negativa e mesmo accederon a unha subvención da Xunta para maquinaria por valor de 20.000 euros”, lembra Isabel. A empresa é Cobre San Rafael, asociada con Atalaya Mining para explotar a mina que se prevía ampliar en 500 hectáreas e explotar durante 14 anos con voaduras diarias e unha presa de 81 metros de altura e 3 quilómetros de ancho sobre a aldea de Arinteiro. Prometían 400 postos de traballo. Mais a veciñanza xa tivera a experiencia do que era unha mina o lado da casa. Entre principios dos anos setenta e mediados dos oitenta a mina mudou a vida das aldeas e o que deixou ao fin foi degradación do territorio e emigración.
Con aquela bagaxe, a Plataforma Mina Touro O Pino Non recolleu ademais a experiencia de veciñas e veciños como as de Corcoesto e outras loitas que se estaban a producir no país para facerlle fronte a minaría salvaxe promovida polo lobby mineiro e a Administración pública galega. Paráronos. Nunha loita sostida desde finais do verán de 2017 até onte mesmo.
“Mais aínda non sabemos que di exactamente a resolución publicada este martes. Non nola comunicaron. Temos dereito a iso como parte. A empresa podería recorrer aos tribunais, pero non cremos que o faga. Que se marchen. Pero antes que restauren a desfeita. A resolución, polo que sabemos, inclúe unha advertencia á empresa para que presente un novo plan de restauración. Di que llo van esixir. Veremos”.
Pararon a ampliación. Agora teñen que parar tamén a contaminación. “Prendeu a conciencia ambiental”, di Isabel. Para iso serven as loitas.
“Touro é un lugar marabilloso. Un lugar que está por descubrir. Isto da mina foi unha paréntese. Aquí temos moito potencial. Hai explotacións gandeiras, agrícolas, levamos unha vida tranquila, unha vida no rural no cruce do Camiño de Santiago coa bacía do Ulla e moi preto de Compostela. Cun pouquiño de apoio por parte dos gobernantes, aquí acabará vivindo moita xente.”
Será Touro despois de Touro. O capítulo final desta ‘Teima’ que empezou cunha pregunta: que aprendestes?
“Aprendín que hai que loitar nesta vida para conservar o teu, aprendín que non podemos esperar nada dos nosos gobernantes… é unha magoa pero é así. Tes que loitalo”, dicía Fina Pose en Corcoesto. E Paco García: “Aprendín que ten que ser xente da zona que se organice. Son o motor da loita. Ningunha organización unilateral ten capacidade de paralizar un proxecto desta magnitude”.
En Touro xa teñen tamén aprendizaxes. “Lembremos que de non ser pola resposta social e cidadá este proxecto e tantos outros de similares características –Santa Comba, San Fins, Monte Neme, Serra Suído, O Iribio, Terra Chá, Mesía, Frades– son susceptíbeis de aprobación sen ningún tipo de supervisión, nin comprobación, con todas as catastróficas, terríbeis, calamitosas repercusións e ausencia de garantías que supoñen para o medio natural, cultural, como así quedou demostrado no caso do proxecto da mina de Touro”, apuntan no último comunicado de prensa co que empeza a seguinte loita.
#Minaría
Atalaya Mining insiste; Touro resiste
Un proxecto que tería sido ilegal en China
Marchan. Os case mil días de Touro
Mina Touro-O Pino, NON (un texto de Emma Pedreira)
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas