Catro décadas despenalizando a homosexualidade no Estado
Ángel Amaro
A día de hoxe a homosexualidade segue estando ilegalizada en máis de 70 estados. Neste sentido existe toda unha batería de medidas represivas (institucionais e extraoficiais) que buscan erradicar pola raíz calquera tipo de defensa ou visibilidade sexodisidente: ilegalización de organizacións LGBT, listados públicos de activistas LGBT, cárcere, redadas, expulsión do país, despidos laborais, dispersión, violacións, lategazos ou pena de morte. Unha realidade actual moi alarmante se temos en conta que case o 43% da poboación mundial aínda reside en países nos que a homosexualidade é un delito tipificado no código penal.
Non fai moito tempo, un 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) eliminaba a homosexualidade do listado de doenzas mentais (deixando nela o transformismo, o transxenerismo e a transexualidade). Sempre soubemos que a ONU non é unha estrutura LGBTfriendly nin a LGBTfobia é unha cousa de fai mil anos. Temos que ter presente que as nosas prácticas homosexuais e as nosas relacións homoeróticas contan con só 28 anos de legalidade internacional. Aínda que o pinkwashing (lavado de cara ao servizo do heteropatriarcado capitalista) tenta descentrarnos, entreternos e vendernos a idea de que a UE, a OTAN e os EE.UU. nunca foron LGBTfóbicos.
Do pinkwashing sabemos bastante no Estado español xa que no tardofranquismo empregouse o fenómeno da Movida madrileña para facerlle pinkwashing á unha Transición política que nin foi de ruptura nin foi de mudanzas reais, moito menos para a comunidade LGBT. Vendéusenos un panorama idílico no que se explotaron de xeito moi calculado unha serie de iconografías, ídolos e relatos. Unha suposta Revolución sexual liberadora que xurdida na Transición política, e grazas a ela, viña para mudalo todo. Mais o que realmente se atoparon as compañeiras LGBT daquela altura foi cun tardofranquismo cheíño de cinismo LGBTfóbico que empregaba o pinkwashing para non alterar en exceso o status quo.
Hai que ter presente que a Lei de Amnistía de 1977 non se aplicou automaticamente aos presos LGBT xa que non eran considerados presos políticos senón presos comúns. Moitas compañeiras seguiron nas cadeas e outras tantas tardaron anos en atopar xustiza. Foi unha etapa de estigma e ostracismo no que o incipiente movemento LGBT non contaba aínda con moitos aliados nesta “idílica Transición democrática da Revolución Sexual”. Proba disto son as famosas declaracións que Enrique Tierno Galván (PSP-Partido Socialista Popular) fixo en xaneiro de 1977: “a homosexualidade é algo indesexábel, unha desviación do instinto. Non creo que se lles deba castigar. Mais non son partidario de conceder liberdade nin de facer propaganda do homosexualismo. Hai que pór límites a este tipo de desviacións”.
“A homosexualidade é algo indesexábel, unha desviación do instinto. Non son partidario de conceder liberdade nin de facer propaganda do homosexualismo. Hai que pór límites a este tipo de desviacións” (Enrique Tierno Galván, en 1977)
Os anos 70, 80 e 90 foron anos de moita soidade e incomprensión. A organización sexodisidente Front d’Alliberament Gai de Catalunya (FAGC), aínda que constituída en 1975, non acadou o estatus de entidade legalizada até o 15 de xullo de 1980, tres anos despois da legalización do Partido Comunista de España (PCE). Parafraseando a Calvo Sotelo, prefiero una España roja a una España rosa.
Mais si, no 2018 estamos de 40 aniversario porque foi o 26 de decembro de 1978 cando se eliminaron da lei de perigosidade e rehabilitación social (herdeira da Ley de Vagos y Maleantes) varios artigos referidos á homosexualidade. Unha lei que dende 1970 condenaba ás persoas LGBT a internamentos forzosos en “establecementos de reeducación” por períodos que ían dende os 4 meses até os 3 anos.
Aínda que en 1978 esta lei deixou de aplicarse nos “casos de homosexualidade” a derrogación da norma virá 20 anos despois da morte de Franco, concretamente un 23 de novembro de 1995. Até esa data pódese dicir que o colectivo LGBT estivo, dun xeito ou doutro, coa espada de Damocles enriba da cabeza.
Fai 23 anos disto e chámanos a atención porque pensamos que o estado español sempre foi o paraíso LGBTfriendly exportador de boas prácticas LGBT. Nada diso. É importante non esquecer a memoria histórica, ter en conta que non somos legais dende fai tanto tempo, e asumir que a legalidade acadada non foi un agasallo que non custou dor e loita, mais ben todo o contrario.
Non esquezamos que nos anos do pinkwashing tardofranquista, e de aparente man aberta, retorceuse como nunca o Código Penal grazas ao artigo 431 para poder seguir realizando redadas e detencións arbitrarias de persoas LGBT coa escusa do “escándalo público” ou o “atentado contra a moral pública”. Neste sentido a xustiza LGBTfóbica tivo vía libre co 431 até 1988, ano no que comeza a actualizarse a lexislación e se deixa de reprimir a homosexualidade pola vía xudicial.
A xustiza LGBTfóbica tivo vía libre co 431 até 1988, ano no que comeza a actualizarse a lexislación e se deixa de reprimir a homosexualidade pola vía xudicial.
Aínda non levamos nin 30 anos cunha mínima protección xurídica internacional e xa nos queren vender que o activismo LGBT xa non é preciso. Seguir mantendo unha actitude crítica e vixilante coas institucións depende de nós, sobre todo para non caer na trampa do capitalismo rosa que edulcora, amansa e fai pinkwashing empregando as nosas vidas e tentando asimilar o movemento LGBT para restarlle potencial, axenda política e carga ideolóxica.
Ourense, 24 de maio.
Ángel Amaro
Licenciado en Socioloxía e coeducador. Activista marica e xestor do blogue Diáspora Cuir. Amante do rural e da soberanía alimentaria. Membro da asociación cultural A Galleira.
Outras opinións
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso