"O terrorismo non pon en perigo nin a democracia nin os gobernos"

ENTREVISTA | Helena Domínguez García

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Coletivo Amanhecer | Compostela | 18 de outubro. Este luns comeza na Audiencia Nacional española, en San Fernando de Henares (Madrid), un novo xuízo contra parte do movemento social e independentista galego no que as 12 persoas detidas, no que deron en chamar operación Jaro, enfróntanse até a 102 anos de cadea. A investigadora Helena Domínguez; muller arousá que obtivo unha “cun laude” pela súa tese de doutoramento sobre o tratamento do caso de Resistencia Galega na prensa advirte: “Quen vai querer escoitar as demandas dun grupo terrorista? Ninguén! Por iso é moi importante a utilización da linguaxe e a forma na que se nomean nos medios de comunicación os movementos sociais activistas porque a maioría da poboación construirá a súa opinión dese movemento coas informacións que difundan os medios dominantes.”

Que papel xogan os medios masivos nos conflitos políticos?

Cando retransmiten e difunden un conflito político, os medios de comunicación non son meros observadores pasivos do que está acontecendo. Os medios, coa súa actividade, interfiren no conflito e danlle forma: encádrano nun determinado marco ideolóxico e temático, danlle voz a unhas fontes e silencian outras e propoñen unha interpretación e valoración do conflito. Así que non debemos perder de vista que o relato mediático dun conflito sempre é interesado e, ademais, está sometido a múltiples presións. Cando nun conflito intervén algún grupo ou movemento social etiquetado como “terrorista” ou mesmo “independentista radical”, os medios de comunicación dominantes adoitan aliñarse co goberno e coa versión oficial e institucional dos feitos. O labor xornalístico de contrastar as fontes reláxase e imponse unha única versión do conflito, a que proporciona o propio goberno, a través dos seus representantes políticos, das forzas de seguridade ou das axencias de noticias. Nun escenario de “loita antiterrorista” prodúcese unha polarización entre bos e malos, demócratas e violentos, nun proceso no que o movemento radical, imposibilitado para ofrecer os seus argumentos, encarna todos os males fronte ao aparello do estado que se presenta como garante da paz e da orde. Neste contexto simplificado e polarizado, os medios de comunicación son un instrumento máis das políticas antiterroristas.

Dis que actúan coma alto-falantes do Estado, sen apenas contrastar a información, a pesares de que moitas destas operacións veñen feitas desde o que agora chaman as “cloacas do Estado”. Cales son as estratexias de comunicación que empregan?

Unha das estratexias máis efectivas ás que recorre o Estado para desacreditar e desactivar os seus inimigos é precisamente presentalos como “terroristas”. Quen vai querer escoitar as demandas dun grupo terrorista? Ninguén! Por iso é moi importante a utilización da linguaxe e a forma na que se nomean nos medios de comunicación os movementos sociais activistas porque a maioría da poboación construirá a súa opinión dese movemento coas informacións que difundan os medios dominantes. Outra estratexia, que xa mencionei, é a polarización, a redución da complexidade a un escenario de bos e malos nos que o Estado presenta-se como o único contendente lexítimo. E logo hai moitas outras estratexias a nivel discursivo, como a esaxeración da perigosidade para crear un clima de medo, a creación de analoxías perversas, a deshumanización dos activistas e mesmo a creación de noticias falsas.

Existe algunha indicación para detectarmos este tipo de novas? Ou, ha algunha maneira de combatermos esas estratexias sen medios masivos?

Eu, persoalmente, desconfío de calquera noticia que nos presenta algún grupo ou movemento como “terrorista”. É un termo tan connotado e tan sometido a manipulacións, que calquera información que veña “empaquetada” nunha estratexia de loita antiterrorista deixa de resultar fiable. Combater a maquinaria de propaganda oficial é complicado sen medios de comunicación alternativos fortes, pero non é imposible. Hai que utilizar todas as canles de comunicación ao noso dispor para reflectir as versións de todas as partes implicadas no conflito e mesmo se poden utilizar as fendas dos medios dominantes, que tamén as hai, para cuestionar os relatos oficiais desde os propios medios oficialistas.

“O labor xornalístico de contrastar as fontes reláxase e imponse unha única versión do conflito, a que proporciona o propio goberno, a través dos seus representantes políticos, das forzas de seguridade ou das axencias de noticias.”

Acreditas que con esta forma de operar o que procuran é criminalizaren unha idea ou unha forma de militancia asociándoa ao imaxinario da violencia ou do terrorismo?

Está estudado que é así. Cando estivo en auxe mediático Resistencia Galega, o fenómeno foi aproveitado polas forzas políticas da dereita para intentar desacreditar o movemento nacionalista galego. O que fixeron os políticos do Partido Popular e os seus medios afíns foi deitar unha sombra de sospeita sobre os partidos nacionalistas, como se o feito de que non se posicionasen nos termos que eles querían os convertera en criminais. O movemento independentista, en particular, foi historicamente menosprezado polos medios de comunicación dominantes e unha forma de desactivalo foi construír unha caricatura violenta que non representa a creatividade e o activismo cultural e político que ten despregado o movemento.

Que idea tes sob a operación Jaro? Podería encadrarse dentro dese marco represivo?

A operación Jaro representa a última boqueada do ciclo represivo inaugurado con Resistencia Galega. Estamos perante unha típica estratexia de extensión do terrorismo, que pretende varrer as disidencias políticas presentándoas como terroristas. É moi prexudicial para as persoas implicadas porque serán xulgadas coa lexislación antiterrorista, que permite que os seus dereitos se vexan seriamente diminuidos. Quen teña interese en afondar na aparición de Resistencia Galega e no tratamento que fixeron os medios de comunicación, recoméndolle que consulte o meu libro A construción do conflito mediático, que publicará Axóuxere Editora nas vindeiras semanas.

Achas que existiu algún intre no que o independentismo tivo maior presencia nos medios, cun discurso normalizado e non vinculado ao terrorismo? De non ser así, por que non se lle deu ese espazo para difundir as súas ideas na opinión pública galega?

Nin na prensa galega dominante nin na canle de radiotelevisión pública existiu nunca un discurso normalizado vinculado ao independentismo. No mellor dos casos, existe un silenciamento da actividade do movemento. No caso da prensa diaria galega é facilmente explicable pola súa estrutura. A industria dos medios impresos asentouse sobre un modelo de empresa familiar, con cabeceiras centenarias que acadaron unha forte implantación no seu ámbito xeográfico próximo e que se aliñaron co centralismo español. Historicamente, a prensa da Galiza combateu o galeguismo, o nacionalismo e tamén o independentismo. Pero se nin sequera utilizan a lingua propia de Galiza! E a radio e a televisión pública de Galiza estiveron en case toda a súa existencia controladas polo Partido Popular, unha forza que repudia o independentismo.

O que esta a acontecer na Galiza é unha estratexia nova ou é unha constante na construción do discurso españolista?

Todo é vello, todo é máis do mesmo. O que está a acontecer en Galiza co movemento independentista, e coa operación Jaro en particular, é unha herdanza de 40 anos de conflito vasco e loita antiterrorista do estado.

Creando estes chibos expiatorios, o que se tenta é axitar o medo interno para, como di Josep Alfons Arnau, fusionar à poboación fronte a un “inimigo” e amais desviaren a posíbel reacción que espertaría o malestar social?

Concordo con esa idea que, ademais, está estendida na literatura académica. A ameaza terrorista é utilizada polos gobernos estabelecidos para aumentar a cohesión da sociedade e a súa lexitimidade. Ao contrario do que poida parecer, o terrorismo non pon en perigo nin a democracia nin os gobernos, senón que adoitan saír fortalecidos do conflito.

A entrevistada

Helena Domínguez García

Helena Domínguez García

Doutora en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Autora de A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa (2016), e dos ensaios >i>Relaciones entre medios y política: de la función política a la mediatización del conflicto (2018) e A acción comunicativa dos movementos sociais: xurdimento e características dos medios independentistas galegos (2013).

Outras entrevistas

A entrevistada

Helena Domínguez García

Helena Domínguez García

Doutora en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Autora de A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa (2016), e dos ensaios >i>Relaciones entre medios y política: de la función política a la mediatización del conflicto (2018) e A acción comunicativa dos movementos sociais: xurdimento e características dos medios independentistas galegos (2013).

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário