Nicaragua baixo o terror do comandante Ortega
A recieta son balas. Até o 25 de xuño, un informe dun organismo vinculado a OEA, documentou 285 mortos e máis de 1.500 feridos.
Redacción adiante | A Coruña, 4 de xullo. “A receita son balas”, di Jésica. “En Nicaragua está instalado o estado de terror con grupos parapoliciais que rafaguean as rúas e secuestran. Diante diso, a poboación optou pola desobediencia civil, o goberno non ten ingresos fiscais, cidades historicamente sandinistas como Mayasa declaráronse libres e o Mercado Oriental, en Managua, está paralizado, declarouse en folga sen esperar ás ordes da Cosep, a patronal”.
“Antes o goberno tiña institucionalizado un poder corporativo coa Cosep, a Igrexa e a embaixada de Estados Unidos. Pero a violencia quebrou iso”, di Fidel Ernesto, profesor de Dereito e libreiro, fillo e sobriño de guerrilleiros sandinistas, que non nacera cando o FSLN tomou o poder en 1979. Fidel ten 29 anos. Jésica, de 25, é activista na municipalidade de Ciudad Sandino, un barrio preto de Managua, a capital. Nicaragua estivo gobernada durante tres mandatos consecutivos polo presidente Daniel Ortega. A súa esposa, Rosario Murillo, ostenta o cargo de vicepresidenta desde xaneiro de 2017. Explica un informe de Amnistía Internacional datado en maio. E continúa: “Durante os últimos anos, os síntomas de deterioro da situación de dereitos humanos foron cada vez máis visíbeis. Por mor de protestas sociais ocorridas durante os meses de abril e maio de 2018, o goberno de Nicaragua levou a cabo unha estratexia de represión violenta, como facía anos non se vivía no país”.
O informe é de maio, pero a violencia intensificouse en xuño. O documento inclúe fotografías da actuación da Policía e os grupos parapoliciais e entrevistas coas familias das vítimas. Unha das fotografías é da nai e os irmáns de Moroni Jacob López, un mozo de 22 anos que faleceu o 20 de abril pasado na Universidad Nacional de Ingeniería (UNI), din as testemuñas que sobre os mozos caeu “unha chuvia de disparos”.
O nome de Moroni aparece noutro informe, o da Comisión Iberoamericana de Derechos Humanos (CDIH), co número 209. Está na páxina 12 xunto a unha anotación: “Recibiu dous disparos”.
A CDIH, organismo vinculado a Organización de Estamos Americanos, ofrece a relación de vítimas até o 25 de xuño: 285 mortos; máis de 1.500 feridos; 156 desaparecidos; 72 detidos. “Até o momento non hai unha fonte que brinde os datos exactos da cantas persoas hai feridas e falecidas nas diferentes protestas cívicas a partir do xoves 19 de abril”, sinala o escrito. Sesenta e seis días de horror.
O 18 de abril e os auto-convocados
O 18 de abril o goberno acordou unha reforma do Instituto Nicaragüense de Seguridad Social (INSS) que incrementaba a achega dos traballadores ao seguro social. A reforma foi tamén contestada pola patronal empresarial. Os estudantes da Universidad Centroamericana, auto-convocados, levantáronse ese mesmo día. Houbo enfrontamentos coa Policía e a revolta ampliouse primeiro a outros campus e despois a outras cidades do país. A represión gobernamental cara ás mozas e mozos fixo que a poboación se sumara ás protestas. O informe da CDIH sitúa o detonante das protestas semanas antes, nun incendio na reserva natural Indio-Maíz a finais de marzo. A débil resposta gobernamental provocou a resposta cidadá que foi reprimida, sinala o texto. Esta mesma comisión determinou a partir de testemuñas como o día 20 de abril “forzas policiais e grupos parapoliciais” irromperon na UNI, disparando e incendiando un edificio: “Houbo unha fuga masiva de estudantes, pero moitos quedaron atrapados no recinto e varios perderon alí a vida ou sufriron graves feridas”.
Fidel participou das protestas universitarias. Resultou ferido nunha man por un disparo. Nos días seguintes empezou a recibir ameazas de morte. Fidel e Jésica estiveron estes días por Galiza co apoio de cidadáns auto-convocados para dar cobertura á Caravana Informativa de la Solidaridad Internacional para Nicaragua. Tamara ten 39 anos, naceu en Nicaragua en 1980 e vive na Coruña desde hai once anos. “Foi unha iniciativa é de nicaraguanos que residen en distintos países de Europa, que nos reciben nos seus fogares e eles mesmos xestionan as mobilizacións en cada cidade. A Caravana vén trasladar información e romper o cerco mediático que se instalou en Nicaragua”, explica Jésica, que conta como ela tamén se mobilizou en abril, pero levaba anos no activismo, organizándose e denunciando as prácticas “da familia Ortega Murillo”.
“A única resposta de Ortega contra os movementos sociais foi a represión. Agora aumentou os niveis de violencia para evitar que se organicen os grupos nas cidades”
Outro informe do Centro Nicaragüense de Dereitos Humanos (CENIDH) relata os feitos a partir do 18 de abril. Empeza sinalando como “durante os doce anos que Ortega permaneceu no poder reprimiu as diferentes protestas sociais mediante contra marchas ou valéndose das forzas policiais”. O día 21 de abril Ortega pronunciou un discurso no que ignorou ás vítimas. Houbo disturbios en Managua, Masaya, León e Granada. E máis mortos. O 22 o goberno derogou a reforma do INSS, pero esa mesma noite a policía e grupos parapoliciais entraron na Politécnica, en Managua. Cortaron a luz e lanzaron gases e dispararon. Esta documentada a morte dun mozo de 20 anos, Jonathan Steven Valerio. “Recibiu dos disparos no pescozo”, anótase na páxina sete do escrito da CDIH. O informe da CENIDH contabiliza seis mortes o día 19; dezaoito, o día 20; sete, o 21; catro, o 22; tres, o 23; catro, o 24; dúas, o 25…
A Mesa de Diálogo
“A revolución fai parte da cultura da xente en Nicaragua, pero non está no goberno, porque o goberno foi abandonando paulatinamente todas aquelas loitas: a da distribución da riqueza, a da reforma agraria, a da soberanía respecto doutros Estados, as loitas das mulleres… Esas loitas requiren liderados plurais, democracia horizontal, participación aberta. Somos unha sociedade culta, que le, que estuda, que analiza… Hai un dito en Nicaragua que di: ‘Ya no nos dan atol con el dedo’… como cando se lle dá de probar comida a unha crianza. Non, xa non”, di Fidel: “Xa estamos maduros para un proceso de re-democratización e non precisamos, nin os estudantes nin os campesiños, da dirección política dun comandante da revolución”.
A Igrexa foi a primeira en apartarse do acordo corporativo e adoptou o rol de mediador. Impulsou unha Mesa de Diálogo que se constituíu o 16 de maio. Dun lado, o goberno; do outro, a Alianza Cívica, da que fan parte a patronal, representantes campesiños e estudantís e tamén da Igrexa Evanxélica, cada vez máis importante. A Igrexa (católica) pechou a Mesa o 23 de maio por falta de entendemento entre as partes.
“Somos unha sociedade culta, que le, que estuda, que analiza… Hai un dito en Nicaragua que di: ‘Ya no nos dan atol con el dedo’. Xa estamos maduros e non precisamos da dirección política dun comandante da revolución”.
“Hai unha disputa entre os distintos actores, porque o goberno non ten ingresos fiscais, as empresas sofren, as grandes e as pequenas, porque non hai normalidade para manter as relacións económicas nin seguridade, e os pequenos negocios están sendo defendidos con barricadas”, conta Fidel. “A Igrexa abstraeuse, o capital e parte dos estudantes negocian, por abaixo estase construíndo, ao marxe, porque hai máis mortos dos que houbo cando comezou a mesa, esa alternativa popular”.
A comezos de xuño, a Conferencia Episcopal reuniuse con Daniel Ortega e acordaron retomalo diálogo para o día 15. Sobre a mesa: o remate da represión, a creación dunha comisión de verificación, outra xudicial e a apertura dun proceso electoral.
As feridas
Máis o movemento popular non acredita nas solucións que se poidan consensuar entre os poderes na nova mesa, chamada agora Diálogo Nacional. As feridas son aínda máis fondas que as que se abriron estes meses. “Ortega está xogando hoxe o mesmo papel que no seu día xogou Somoza. Loitou contra un ditador e converteuse el no que un día derrocara”, di Jésica. “Isto non empezou o 18 de abril, o pobo nicaraguano viña sufrindo represión e unha violación clara dos dereitos humanos desde hai tempo”, anota Fidel.
“A única resposta de Ortega contra os movementos sociais foi a represión. Agora aumentou os niveis de violencia para evitar que se organicen os grupos nas cidades”, sinala Jésica, “os campesiños levan cinco anos de protestas contra a lei canalera, que pretendía abrir o país á metade para facer un canal de océano a océano; pasou co movemento feminista, que se botou á rúa cando o goberno suprimiu o aborto terapéutico de acordo coa Igrexa… foron estas cousas, e a corrupción, o peche dos espazos de participación popular, a verticalidade do poder desde a parella presidencial… foi todo iso o que estaba esperando pola chispa e prendeu coa reforma do INSS”.
Case un ano antes, en maio de 2017, outro informe do CENIDH advertía dunha “tendencia á centralización do poder” e do “estilo autoritario e represivo cos que Daniel Ortega regresara ao goberno no 2007, tendencias que só se intensificaron ano tras ano, poñendo en perigo a paz social en Nicaragua”.
“O que se está propoñendo desde os movementos sociais en proceso de articulación é un proceso constituínte, porque o sistema corporativo de goberno ten todos os espazos pechados con moitos intereses que non responden aos intereses do pobo”, explica Fidel, que recoñece que moitas familias están rotas, porque inda queda xente que apoia ao goberno e ao FSLN “desde o privilexio que obtivo ou espera obter sendo parte do partido”.
“As nosas conviccións son máis fondas”, apunta Jésica, que nunca tivo vínculos nin co FSLN nin coa Igrexa, advirte, e que traballa desde hai anos coa mocidade en Ciudad Sandino en procesos de organizar comunidades empobrecidas. “Inda que o 60% da poboación é de idades mozas, non había ningunha canle de participación directa para eles”. A folla de ruta do movemento cidadá, a nova xeración que pide paso en medio da corrupción dos ideais da revolución, explican Jésica e Fidel, é a saída inmediata da parella presidencial, a formación dun goberno de transición que convoque eleccións a unha asemblea constituínte para dar lugar a unha constitución e, despois, eleccións.
A folla de ruta da nova xeración que pide paso é a saída inmediata da parella presidencial, un goberno de transición, unha asemblea constituínte para dar lugar a unha constitución e, despois, eleccións.
Pero o medo é persistente. O goberno non vai renunciar así como así a utilización dos grupos parapoliciais como forma de facer política, nin as intimidacións e ameazas contra os lideres –Jésica e Fidel, sábense sinalados, pero temen menos por eles mesmos que polas súas familias–, nin as detencións arbitrarias nin as irregularidades nas investigacións dos asasinatos, nin tampouco a obstaculizar a atención médica ou á desinformación. Esa relación de malas práxis está recollida no informe da CIDH e resume: “o patrón común da violencia estatal dirixida a disuadir da participación nas manifestacións” e a cortar a expresión do disenso político. A axenda que promove o Diálogo Nacional é outra. “Son eleccións dentro de nove meses, cando nin sequera se parou a represión nin se investigou, e sen facer cambios estruturais de ningún tipo”, advirte Jésica.
“A rebelión contra a ditadura do goberno volve estar no pobo. O goberno trata de romanticizar momento histórico de 1979, esa é a campaña deles. Pero o noso movemento non é contra a revolución. Certo que é difícil romper eses lazos de romanticismo que se crearan daquela coa revolución. O que pasa é que moitos esquecéronse de Nicaragua en 1990 e non volveron ter noticias dela até 2018″, conclúe Fidel.
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas