Historia, substantivo masculino singular

Eduardo Rodríguez

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Propoño un xogo para comezar. Pechade os ollos e imaxinade a unha persoa gravando un petróglifo nunha laxe calquera dos nosos montes hai uns 3.500 anos…

Xa?

A maioría pensastes nun home barbado, vestido con coiros, axeonllado e absorto na súa belísima tarefa. Un home. Por que nestes casos sempre pensamos en homes e non en mulleres?

A resposta é sinxela. Somos vítimas dun mal que sofre a Historia chamado androcentrismo. Esta enfermidade, xunto ao etnocentrismo e a heteronormatividade, determinan o devir da historiografía: semella que todas as personaxes históricas son homes. Homes brancos, occidentais e heterosexuais.

Este androcentrismo agudízase ao estudar á Prehistoria. A principal ferramenta de traballo para coñecer esta etapa da Humanidade é a arqueoloxía, xa que non contamos con documentos escritos que nos ilustren como vivían aquelas xentes. A partir dos datos científicos que nos fornecen a arqueoloxía e as súas ciencias auxiliares, reconstruímos aquel pasado. Sei que é obvio, pero non debemos esquecelo: o pasado non existe, a única vía de coñecemento é reconstruír aqueles tempos pretéritos a través dos documentos históricos -sexan da natureza que sexan- que chegaron até nós.

“Somos vítimas dun mal que sofre a Historia chamado androcentrismo. Esta enfermidade, xunto ao etnocentrismo e a heteronormatividade, determinan o devir da historiografía: semella que todas as personaxes históricas son homes.”

A nosa visión da Historia nunca é neutral, sendo inevitable que traslademos ao pasado os nosos prexuízos do presente. Vemos unha pintura rupestre, e automaticamente relacionámola cun chamán (home, por suposto). Ou evocamos unha escena de caza no Paleolítico Superior e pensamos só en homes, mentres que imaxinamos ás mulleres en tarefas de coidado do grupo.

O máis grave é que non fomos quen de rachar con estes lugares comúns no ámbito escolar. Os libros de texto polo xeral non axudan a desterrar estes estereotipos de xénero, e a nosa rapazada perpetua estas ideas preconcibidas. Cando falamos da Prehistoria nas aulas, dá igual que sexa alumnado de ESO ou bacharelato, ante a pregunta de quen se encargaría da caza nun clan de cazadores-recolectores paleolíticos, automaticamente todo o grupo contesta que os homes. Cando lles pides unha razón, que se paren a pensar e analicen a súa resposta, non lles resulta fácil defendelo. En todo caso recorren ao argumento da superioridade física masculina.

Se nós achegamos á Prehistoria cunha visión crítica respecto aos tópicos de xénero, é fácil concluír que damos por verdade moitos aspectos que en realidade ignoramos como sucederon. Non sabemos se os homes cazaban e as mulleres facían a recolleita e coidaban da prole, non sabemos como era o reparto dos roles dentro do grupo, descoñecemos se moitos tabús sexuais actuais tamén o eran hai moitos séculos… Cando a investigación nos achega algún dato contrastado sobre o reparto dos roles de xénero na Prehistoria, xorden as sorpresas.

Poñamos algún exemplo. Ao respecto do lugar común da caza exclusivamente masculina, sabemos que na maior parte da Prehistoria foi máis importante a táctica do grupo que a forza individual. A forma habitual de cobrarse unha peza sería illando un animal débil ou ferido, ou rodeando aos exemplares máis novos, servíndose o grupo de lume ou dos berros. Deste xeito o xénero sería secundario, xa que o primordial é a aptitude do individuo. E quen sería apto para a caza? Nestas estratexias de grupo todo o mundo dotado de certa mobilidade é apto para a caza, da igual homes, mulleres ou rapazada. E calquera, nalgún momento das súas vidas, podería non ser apto: dende unha muller preñada ata o home máis forte do grupo que sofre unha doenza puntual.

Outro tópico que afecta á construción histórica que aludíamos anteriormente –a heteronormatividade–, tamén nos aporta exemplos de como as nosas suspicacias actuais impiden achegarnos sen prexuízos á Historia. Retrotraéndonos á Idade de Ferro, posiblemente foran normais as relacións homosexuais nas fratrías de guerreiros galaicos (hai paralelismos noutras agrupacións semellantes, como os guerreiros espartanos).

En definitiva, somos o que fomos. Achegarnos con perspectiva de xénero á Historia é útil para enriquecernos con discursos históricos alternativos, complementarios do discurso oficial. Unha reinterpretación crítica do pasado axudaríanos a obter un novo enfoque do mundo que nos toca vivir.

Vigo, 12 de novembro.

Eduardo Rodríguez

Eduardo Rodríguez

Vigo, 1972. Arqueólogo e profesor de Historia no ensino secundario. Autor de diversos artigos en revistas especializadas sobre historia e arqueoloxía de Galicia, e do ensaio As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica. Concibo o pasado e o patrimonio cultural como unha inmensa fonte de gozo, como un incomparábel xerador de emocións.

Deixe um comentário

Deixe um comentário