Crónica
A urxencia de sacar á xente dos cárceres
Iñaki Rivera Beiras presenta ‘Descarcelación’, unha proposta que parte da imposibilidade de reformar a institución do cárcere e reclama a progresiva descoupación das prisións.
Erik Dobaño, texto e fotos | Compostela, 20 de outrubro. “Se algo non cambiou respecto dos cárceres é a indiferenza da sociedade, hai corenta anos non preocupaban a ninguén, hoxe tampouco”, dirá o venres o profesor José Ángel Brandariz nunha conferencia diante de mozas e mozos na Coruña despois dun repaso das últimas catro décadas da historia da institución no Estado español. “A realidade de todos os cárceres do mundo, e eu téñome movido bastante por cárceres do Estado e de países europeos e latinoamericanos, non é unha simple limitación da liberdade persoal. Sendo unha institución total como é, o cárcere leva aparelladas outras miles de aflicións dependendo de cada presa e cada preso. E hai aflicións que non son previsíbeis como pretende o modelo ideal. O cárcere fracasou”, di Iñaki Rivera este xoves no Matadoiro, en Compostela, nunha palestra organizada por Esculca que é unha presentación dunha ambiciosa proposta: Descarcelación: Principios para una política pública de reducción de la cárcel (desde un garantismo radical), o último ensaio de Rivera Beiras, prologado por Luigi Ferrajoli, e que suscita o interese de mozas e mozos, dispostos a atender sen prexuízos e a mirar de cara, como non se ten feito desde os oitenta, á penosa realidade dos cárceres, unha institución fracasada como modelo de re-socialización, mais funcional ao sistema como “trituradora de carne”, en expresión de Brandariz que durante a súa charla deixou caer onte un dato que reflicte a eficacia da trituradora: 100.000 mortes. “Non é unha cifra precisa”, matiza o profesor de Dereito na Universidade da Coruña, “pero son as mortes que se estiman durante ese ciclo da heroína que marca o período 1975-1994 nas prisións do Estado español, esa xente que non saíu do círculo: consumo problemático-cadea-rúa-cadea-morte…”
Non é casualidade que coincidan en apenas dous días dúas palestras sobre a institución carceraria que animan unha mudanza do modelo penal desde unha crítica radical, feita por penalistas, aínda que desde diferentes enfoques. O debate volve á rúa, desaparecidas hai tempo as precarias formas de auto-organización das presas e presos no interior. E a crítica ten un verbo: descarcerar. Un verbo útil, significado polo garantismo xurídico e por unha ampliación das salvagardas da liberdade, a igualdade e a dignidade das persoas. “A pena de prisión non é reformábel xa que non é compatíbel cos principios de legalidade. Non é compatíbel cos principios de liberdade, igualdade e a dignidade”, subliña Rivera, que explica desde esas bases o erro de insistir no reformismo do sistema. E Rivera, que é profesor de Dereito na Universidade de Barcelona e director do Observatori del Sistema Penal i Drets Humans, anota unha das razóns de que a sociedade se mantivera indiferente ao cárcere: “Houbo unha naturalización do cárcere porque se considerou que non existían alternativas ao cárcere”.
Pero hainas, sostén Rivera Beiras, arxentino de orixe ourensá. “O que pretendemos nesta proposta e opoñernos a ese pesimismo de demasiados criminalistas, penalistas e demais estudosos da penalidade carceraria que critican este sistema pero que sen formular solucións”.
A proposta para descarcerar os cárceres pide, en primeiro lugar, “tomar en serio os dereitos dos presos. Sancionar a inviolabilidade dos dereitos fundamentais”. Empezar por despenalizar determinados delitos e reservar o campo do dereito penal só para os máis graves. Iso levaría a unha masiva descarceración (que xa se produce nalgúns países –Holanda, Italia– que chegaron a estas políticas por diferentes motivos), e tamén á suspensión de sentenzas. E a substituír as penas de cárcere por outras para a maioría dos delitos. “Erradicar da lei o castigo co cárcere”, resume Rivera Beiras. Excarcerar inmediatamente aos enfermos e as mulleres que teñen con elas aos seus fillos pequenos. Prohibir os tratos degradantes, a violencia institucional, calquera tipo de illamento, “e ir empezando xa a respectar as normas da UE que impiden manter o illamento máis alá de 14 días, algo que non se cumpre no Estado español”, denuncia. E continuar con medidas de apoio ás persoas que saen dos cárceres. Axudalas despois da liberación a superar o estigma, e vencer a desorientación e recuperar as relacións sociais que se deterioraron.
A proposta pide “sancionar a inviolabilidade dos dereitos fundamentais”. Empezar por despenalizar determinados delitos. Excarcerar inmediatamente aos enfermos e as mulleres que teñen con elas aos seus fillos pequenos.
Un salto de civilización, que di Ferrajoli. “Os cárceres son espazos de impunidade para a violación dos dereitos fundamentais, institucións segregadoras e segregadas da sociedade, das que non se fai publicidade do que pasa e iso xera a indiferenza da opinión pública”, reflexiona o profesor Rivera, que para o entretempo, mentres non se cambian as leis e as políticas penitenciarias, xa non espera nada nin da nova nin da vella esquerda e asume que “sen modificar a estrutura económica non se modificará as institucións da superestrutura”, pero advirte que ese é outro programa e que “isto, a descarceración, é unha urxencia; é unha urxencia sacar á xente dos cárceres, facelo o antes posíbel”.
Porque dentro acontece unha catástrofe. “España é un Estado é desobediente”, constata Rivera, “non atende aos acordos internacionais que asinou nin ás recomendacións do Comité Europeo contra a Tortura, nin o Relator das Nacións Unidas, nin ao Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas”.
En España as prisións son zonas escuras e por iso, o plan dos colectivos organizados na Coordinadora Estatal para a Prevención e a Denuncia da Tortura “é seguir documentando as violacións de dereitos, a memoria do que sucede nos cárceres, porque se non o facemos nós, ninguén o fará”. Os colectivos de familiares de presas e presos, a investigación académica e o activismo social de redes como Esculca ou a Asociación O Chicho na Coruña que organiza a charla de Brandariz navegan soas en metade dun mar de amnesia colectiva. A COPEL, a Coordinador de Presos en Lucha, que se organizou desde a prisión de Carabanchel, en Madrid, nos setenta, desapareceu hai tempo.
“As presas e os presos non poden organizarse porque durante todos estes anos as cadeas foron afondando na individualización, non illamento. E as cadeas non son un mundo idílico de solidariedade, son mundos complexos, de desconfianza, sospeitas, vinganzas, delacións”. Carabanchel foi derrubada polo Estado en canto tivo ocasión. Os cascallos son amnesia. Xa non son só aqueles presos políticos e os sociais máis revoltosos, son as vítimas do ciclo da heroína nos oitenta, o uso do cárcere para ordenar a inmigración nos noventa, a masificación que alcanzou o seu pico en maio de 2010, xusto o mes que Zapatero volveu de Bruxelas coa orde de retallar en todo, lembra Brandariz no seu repaso, e se antes se encheran as prisións a base de investir en policías, xuíces e novos cárceres, desde aquela empezou a baixar a poboación reclusa porque hai menos para todo.
É posíbel empezar a baleirar as prisións? Os penalistas críticos, a corrente garantista animada por Ferrajoli que aspira a loitar polos dereitos sen esixir ningunha outra adhesión moral a esa loita, pensa que si, e o traballo que presentou Rivera Beiras este mércores en Compostela establece as bases teóricas e un programa para empezar a facelo.
A sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos no caso Torreggiani contra Italia en 2015 demostra que hai oportunidades para levar o debate á opinión pública e facelo.
dereitos
Pena de morte encuberta no Reino de España?
Presunción de inocencia, especie en extinción?
“Son defensor absoluto de que hai que legalizar as drogas”
Catro décadas despenalizando a homosexualidade
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas