Crónica
Boro, no Tour da vitoria
O xornalista, que fóra acusado de agredir a policías durante unha protesta en Madrid e se enfrontou a unha petición de seis anos de cárcere, ofrece estes días unha serie de charlas en Galiza.
Enzo Forlán | A Coruña, 14 de decembro. “O diario Público foi o único dos grandes dixitais que se comportou. Do que fixo eldiario.es habería que falar bastante… Algúns dos xornalistas que sufrimos á Policía aquel día eran do diario, e portáronse ben comigo, pero o que é o xornal como tal… Xamais se referiu ao meu caso, e cando publicou algo do que aconteceu, dixo que varios xornalistas foran agredidos cando estaban a defender a un manifestante. En fin, saben dabondo quen son”.
Jorge Correa é Boro, e asina Boro LH por La Haine, un medio dixital alternativo, parece que demasiado alternativo para ser recoñecido como parte do sistema mediático alternativo por parte do xornal alternativo de maior éxito, aínda que La Haine estaba antes…
Boro LH anda estes día por Galiza. Onte na Coruña deu charla no Ateneo Xosé Tarrío na Coruña e este venres está por Compostela —no CSOA Aturuxo das Marías— e mañá por Vigo —na CNT. O 29 de marzo do 2014 estaba en Madrid cubrindo a manifestación Jaque al Rey. Fóra unha semana de mobilizacións das Marchas da Dignidade e o ambiente estaba quente. A manifestación contra a monarquía acabou por desconvocarse, pero houbo paus por parte da Policía e tamén apañaron algúns xornalistas, entre eles Boro, que foi detido, denunciado por axentes, e tería que enfrontarse a unha petición da Fiscalía seis anos de cárcere [saíu absolto hai pouco: ver aquí e aquí]. Aquel mesmo ano tamén fora detido no marco da operación Araña. Setenta e seis persoas foron sinaladas por “enaltecemento” do terrorismo nas redes sociais.
“A min non me deteñen na primeira onda, que foi en abril. Porén, catro ou cinco días despois o ABC publica unha noticia na que se dicía que a Guardia Civil seguía a buscar tres bloguers máis que se mofaran das vítimas de ETA. E vai e pon un pantallazo do meu perfil!”, contou Boro onte na Coruña. “Por riba, les a noticia e din que non se puido localizar estes usuarios debido ás grandes de medidas de seguridade que utilizan para manter o anonimato! Si entras no meu perfil de Facebook, dáche a risa: hai fotos miñas, até perdera a cadela e tiña un anuncio co meu número de teléfono. Nese momento xa sabes que van vir por ti…”.
O pasado mes de novembro foi absolto polo Xulgado do Penal Nº6 de Madrid dos cargos que se lle imputaban polo día do Jaque al Rey. Boro sempre dixo que os axentes mentiran e que el estaba sendo vítima dunha montaxe. Agora está a celebrar a súa absolución co Tour da Vitoria. Pretende no só denunciar o seu caso, “senón todo o que está ocorrendo a moitas persoas neste Estado, e cada vez máis, porque sempre existiron as montaxes policiais, pero isto está indo moito máis alá”.
No caso da Operación Araña, Boro finalmente foi condenado a ano e medio de cadea por diversas publicacións no Facebook. Entre elas, opinións de outros usuarios que el reproduciu (“e eses usuarios que escribiron esas opinións nin foron denunciados”). Tamén, por fotos de manifestantes gregos. “Que dicir deste xuízo? Chegas alí e ves que non tes posibilidades, que non podes defenderte”.
Sobre o último xuízo, no que saíu mellor parado, lembra que “a xuíza botaba as mans á cabeza e berraba que como ía ser eu o acusado se estaba no chan e sendo agredido”. “Saímos de alí moi contentos, coa sensación de que foi posíbel desmontar a montaxe. Rematamos cun discurso brutal do meu avogado, no que fixo fincapé no feito de que a Policía tiña mentido”.
A sentenza saíu fai un mes. Xa é firme. “Agora imos ir nós a por eles”, anunciou Boro, “porque a sentenza anterior dicía que os policías incorreran en contradicións, que non podían ser condenados por unha serie de tecnicismos, pero deixaba a porta aberta a que nós puidésemos denunciar, e é precisamente o que imos facer, xa non por min, senón por xente como Alfon, como Jorge de Distrito 14 que está a piques de entrar no cárcere por parar un desafiuzamento, polos compañeiros da CNT de Logroño.. porque é algo que está á orde do día: eles danche unha malleira, e logo semella que son de cristal”.
“Están a conseguir o contrario do que buscan”, sostén Boro. Denuncias unha inxustiza e por riba fancha a ti… ao final, danche a razón, porque se constata que pasa o que ti estás dicindo que pasa”. Boro remata a charla no Ateneo cun chamamento aos medios prensa alternativos: “Se veñen por nós é por algo. É porque estamos denunciado a represión, as violacións sistemáticas dos dereitos, e estamos dando voz aos sen voz. Temos que reforzar todos estes medios, léndoos, compartindo ou achegándose mais.. É unha loita fundamental”. E, de cando en cando, coas súas vitorias, aínda que non todos os alternativos lles dean o mesmo valor.
xornalismo
Ameaza á vida e á liberdade de Assange
“Muitos acreditam que a liberdade de imprensa deveria ser crime”
Novo ataque á liberdade de expresión: agora todas somos “GARA”
“Somos todos un, somos todos irmáns, porque a cultura une”
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos