Eurovisión en Israel: cando a música normaliza un xenocidio

Bletxu Valeiras

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Este mércores 3 de Abril, no Teatro Principal de Compostela, Pallasos en Rebeldía e BDS-Galiza organizan unha Gala para mostrar o seu rexeitamento á celebración do Festival de Eurovisión en Israel: Eurovisión ArtWashing, Limpeza Étnica, Xenocidio – Boicote Israel 2019.

Se a simple participación de Israel no festival europeo da canción (e en campionatos deportivos europeos) deixa ver ás claras a vontade política de normalizar o proceso de europeización simbólica dunha parte de Asia, o feito de Israel organizar Eurovisión no territorio ocupado da Palestina só pode ser visto como a tentativa de alargar o alcance da manobra e intensificar o seu efecto.

Nun primeiro momento a intención do goberno de Netanyahu era realizar o evento en Xerusalén para avanzar -contra as resolucións da ONU- no recoñecemento internacional da cidade como capital de Israel. A idea foi desbotada por presións exteriores que case conseguiron facer naufragar a organización do festival. A UER (entidade organizadora) esixiu unha cidade “menos controvertida” e as autoridades sionistas decidiron que Tel-Aviv substituíse Xerusalén.

Este cambio de sede foi unha pequena derrota para a ministra de cultura, Miri Regev, que anunciara que, de non se celebrar en Xerusalén, o festival non se faría en Israel. Unha ameaza con poucas posibilidades de éxito pois o sionismo non podía desaproveitar unha oportunidade tan acaída para dar un pulo enorme a súa campaña Brand Israel, coa que pretende limpar a imaxe de estado criminal e mostrarse como un país moderno e aberto.

Sobre as ruínas da Nakba

Non querer colaborar coa estratexia de lavado de cara dun estado que practica a limpeza étnica, xa sería motivo máis que suficiente para promover o boicote a este Eurovisión. Mais o sionismo non acostuma medir esforzos cando se trata de ofrecernos razóns que nos neguen categoricamente a posibilidade de permanecermos indiferentes.

Imaxes de Pallasos en Rebeldía, xunto ao muro en Gaza.

O Centro de Convencións de Tel-Aviv, onde vai ter lugar o evento, foi construído sobre as ruínas dunha aldea palestina, Al-Shaykh Muwannis, destruída en 1.948 polos comandos paramilitares sionistas e a súa poboación foi expulsada naquela primeira grande operación de limpeza étnica do que na altura era o nacente estado de Israel.

E exactamente o mesmo ocorre coa Eurovision Village, localizada nun parque construído sobre os terreos en que noutrora se asentaba a aldea de Manshiya, outra das máis de 500 aldeas arrasadas por Israel.

Celebrar a festa da canción europea sobre os restos que deixou atrás de si a Nakba semella unha provocación intolerábel de Israel e un xesto de aprobación daqueles feitos de quen participe.

E as mortes das Grandes Marchas do Retorno

Xusto no día seguinte á vitoria da cantante israelí no Festival de Eurovisión en Lisboa, as IDF (Forzas de Defensa Israelitas) asasinaban 61 civís palestinos durante as Marchas do Retorno, que dende hai un ano se celebran cada venres diíante do muro que illa e encarcera a poboación de Gaza. Desde hai un ano, en total, foron máis de 300 as persoas (incluídas máis de 40 crianzas) asasinadas nestas marchas polos disparos con que os tiradores das IDF responden ao lanzamento de pedras desde a Faixa.

Na última, no pasado sábado, unha das marchas máis numerosas por coincidir co aniversario do inicio da protesta (31 de marzo de 2018), os soldados sionistas asasinaron outros catro adolescentes.

As protestas foron precedidas por unha semana de tensión diplomática e bombardeos sobre Gaza que facían temer unha repetición da matanza do 16 de maio do 2018. O que segue son algúns feitos dos últimos meses:

  • Netanyahu visita os EUA e Trump recíbeo co agasallo do recoñecemento da soberanía de Israel sobre os Altos do Golán.
  • Un foguete supostamente lanzado por grupos da resistencia palestina cae en Tel-Aviv causando seis feridos. “Supostamente” porque os lanzamentos realizados polas milicias palestinas durante os últimos anos, ou non caeron en zona habitada, ou foron interceptados polo inexpugnábel sistema antimisiles israelí. Ningunha das faccións palestinas reivindicou o lanzamento (cando habitualmente pelexan polo “mérito”).
  • Hai coincidencias e antecedentes que convidan a non descartar a posibilidade dun operativo de “foguete de falsa bandeira”. Coincidencia temporal co altavoz publicitario resultante da visita de Netanyahu aos EUA. Coincidencia temporal co Día da Terra palestina. Antecedentes históricos de uso de falsa bandeira polo sionismo (atentado de 1946 no Hotel Rei Davide, asunto Lavon, os atentados no Líbano a principios dos 80, ataque ao Liberty…
  • Trump aproveita a conferencia de prensa con Netanyahu para recoñecer, sen mostrar a máis mínima dúbida, o dereito de Israel a responder con bombardeos contundentes o lanzamento de foguetes artesanais, baixo o eufemismo de “dereito de defensa”.
  • Só restan dúas semanas para as eleccións en Israel e non se prevé que Netanyahu obteña bos resultados, e non hai mellor xeito de subir nas valoracións da opinión pública que avivar o “conflito”.

Festival ou Artwashing?

Esta é a situación de Palestina cando só falta un mes para a celebración da festa da música europea en Tel-Aviv e estas son só algunhas das razóns que sustentan a campaña internacional de boicot a este Eurovisión en territorio ocupado militarmente polo sionismo.

Unha campaña do movemento internacional BDS (Boicote, Desinvestimento e Sancións a Israel) inspirada directamente naquela que nos anos 80 levaron a cabo as e os artistas que se negaron a actuar no Sun City para protestar contra o réxime de apartheid en África do Sur.

Para sumar Galiza a esta campaña internacional, Pallasos en Rebeldía e BDS-Galiza, contando coa colaboración solidaria de grandes artistas do país, organizan en Compostela a gala Eurovisión ArtWashing, Limpeza Étnica, Xenocidio – Boicote Israel 2019.

Ourense, 2 de abril. 

Bletxu Valeiras

Bletxu Valeiras

Ourense, 1971. Activista de Esculca - Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Ex traballador de banca.

Esculca

Deixe um comentário

Deixe um comentário