A memoria do país pide a retirada da cruz falanxista de Celanova

Ferrín, Alonso Montero, os fillos de Celso Emilio, Pepe Velo e Luís Soto, máis de 50 entidades e colectivos que traballan pola memoria histórica apoian a iniciativa do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Redacción adiante | Celanova | 16 de febreiro.  “O monumento do Monte da Obra é un símbolo político, un símbolo franquista. Hai unha lei que obriga, que esixe retirar este tipo de símbolos”, advertía onte Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que desde comezos de mes vén recollendo apoios para eliminar a cruz fascistas que no verán de 1939 se erixiu por impulso dunha unidade militar de guarnición na vila no Outeiro da Obra, un espazo desde que se domina Celanova e desde onde hai máis de 81 anos a cruz lembra o papel que xogou a vila na represión franquista.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova presentou este 16 de febreiro un manifesto que asinan, entre outros, Xosé Luis Méndez Ferrín, Alonso Montero, os fillos de Celso Emilio, Pepe Velo e Luís Soto, máis de 50 entidades e colectivos que traballan pola memoria histórica e os principais historiadores e investigadores do país.

“A vila de Celanova xogou un triste e singular papel na represión posterior ao golpe de Estado de 1936. O mosteiro converteuse nun dos maiores cárceres do país e lugares como o Furriolo, en escenarios de crimes que seguen impunes. A poboación viviu aterrorizada pola ameaza das armas e as elites locais que apoiaron o golpe practicaron espolios e outros abusos”, arranca o manifesto no que 219 sinaturas recollidas polos activistas piden que se aplique “a lei de memoria histórica en vigor desde o ano 2007” e que o Concello de Celanova cumpra a lei e retire o símbolo “como primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo e co horizonte de satisfacer os principios de verdade, xustiza e reparación que impulsan o labor dos colectivos memorialísticos”.

“Animamos ás veciñas e veciños de toda a comarca a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas e o poder ilegal que se instaurou no Estado durante as catro décadas seguintes. E aconsellamos que se sinalicen os lugares de memoria, especialmente as foxas, e que se traballe na procura de familiares das vítimas. Alén do estrito cumprimento da lei, cómpre tamén pedir da actual corporación unha declaración de honorabilidade da última corporación republicana e dos funcionarios que foron represaliados”, comprométense os asinantes.

Amplo apoio do movemento memorialista galego

“O manifesto está tendo moi boa acollida. Temos que agradecer o enorme respaldo do movemento memorialista galego e dos historiadores e activistas que investigan e difunden a memoria histórica do país. Tamén recibimos adhesións desde Asturias, Salamanca, Madrid ou Euskadi”, comentaba o luns Celia Inés Feijóo Soto, sobriña de Luís Soto, unha das figuras que vén reivindicando o colectivo, que conseguiu o apoio desde México do fillo do que fora secretario de Castelao na xira americana en defensa da República en plena guerra.

Entre as máis de duascentas adhesións, o Comité destaca 5 personalidades distinguidas co Premio Celanova Casa dos Poetas (o escritor Manuel Rivas e os actores Luís Tosar e Isabel Blanco, ademais de Ferrín e Alonso Montero), historiadores da memoria histórica e investigadores das tres universidades do país como Aurora Marco, Bernardo Máiz, Dionísio Pereira, Xosé Manuel Núñez Seixas, Lourenzo Fernández Prieto, Uxío Breogán Diéguez, Carlos Babío, Manuel Pérez, Antón Mascato, Eliseo Fernández e Carlos Méixome.

“Para o Comité é unha honra contar coa adhesión e os consellos de activistas incansábeis na loita pola memoria das vítimas como Manuel Monge e Telmo Comesaña, e no ámbito máis próximo Carlos Morais e David Simón”, subliña a nota de prensa do Comité este martes.

O manifesto, lembra a entidade, tamén está asinado por intelectuais como María Xosé Queizán, Ramón López Suevos, Margarita Ledo ou Nemesio Barxa, entre outros; xunto a personalidades como as poetas Eva Veiga e Yolanda Castaño, as escritoras Ledicia Costas, Marga do Val, Ramón Caride e Antón Riveiro Coello, a cantante Carme Penim e o pianista Maurizio Polsinelli, o escultor Caxigueiro e o deseñador Xosé Vizoso, autor do Mural do Furriolo, que se comprometeu a restaurar coa axuda do Comité. Tamén están as sinaturas de Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía, e de Xilberte Manso, vicerreitor do Instituto de Estudos Miñorans. Ambos foron mestres no Instituto de Celanova.

Descrición 

Un informe que acompañou aos contactos que o Comité iniciou este mes de febreiro con entidades e investigadores incluía a seguinte descrición do monumento: “Está situado nun outeiro a escasos 600 m do centro da vila, coñecido tradicionalmente como Monte da Obra, na cartografía do Catastro aparece como Outeiro da Obra. A parte principal do monumento consiste nunha cruz labrada en pedra colocada sobre unha rocha natural e orientada cara o este, o que permite a súa visualización desde o núcleo urbano e a contorna da vila nun radio moi amplo.Na parte frontal, de cara a vila, figura a seguinte inscrición: “A los combatientes de la parroquia de Celanova caídos por Dios y por España”.

E conclúe: “Os caídos do bando franquista foron homenaxeados e recordados permanentemente durante a ditadura. Os caídos do bando republicano, pola contra, foron esquecidos e vilipendiados. Este monumento supón unha exaltación pública e visible do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana, a posterior guerra civil e a represión política durante a ditadura franquista polo que estaría inmerso na categoría de monumentos afectados pola Lei de Memoria Histórica. Desde a súa inauguración supón unha humillación permanente das vítimas do franquismo e os seus familiares”.

 

 


 

 

Deixe um comentário

Deixe um comentário