"A vantaxe dun medio como o noso é que podemos tratar case que todos os temas"

TEIMA | O xornalismo deste século - Capítulo 4

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Alberte Murado | Vigo, 15 de agosto. Axiña que xa na Grecia clásica a premisa scientia potentia est popularizábase, de contado maniféstase a necesidade de transmitir o coñecemento. Afirmar que a divulgación, o acto en si de divulgar (do latín divulgare: difundir ou publicar; poñer uns contidos ao alcance do vulgo), proceda necesariamente de tan lonxe como o propio acto de comunicar parece sen dúbida razoable. Grandes divulgadores foron, aínda sen sabelo, Seneca; o poeta Lucrecio, e o mesmo Siddhartha Gautama, que ensinou e divulgou a lei cósmica ou dharma logo de xa ser coñecido como o Buda (“o iluminado”). Estabelecendo no dito hobbesiano “quen ten a información, ten o poder” un matiz sutil, mais esencial, Francis Bacon substitúe o termo información e recupera o concepto de coñecemento, que atinxe a unha clase de in­formación restrinxida, accesible a través só da razón, e que nos permite capturar as calidades e natureza das cou­sas, así como a relación existente entre elas. O coñecemento outorga poder, é certo, pero ante un saber restrinxido a elites políticas, ámbitos monásticos, e minorías selectas, non faltou quen se enfrontase a eses poderes nun intento por democratizar a erudición. Consubstancial ao nacemento de toda xerga especializada xorde, ao tempo, a necesi­dade e o desexo honesto de retraducirla a unha linguaxe aberta e intelixible; menos escura.

O portal galego GCiencia constitúe un referente ineludíbel nesa vontade por divulgar —que non divulgarizar— a ciencia e o coñecemento. De xeito que cando os seus artífices levantaron un proxecto que, ben polo seu carácter novedoso ou por trataren temas e enfoques minoritarios e ate orixinais, moitos non dubidaron en cualificar de arriscado, e cando deseguido tiveron que se enfrontar a uns comezos difíciles, ninguén puido presaxiar o arraigo decisivo do que, pola contra, axiña gozaron entre os seus lectores.

Eduardo Rolland é editor e codirector de Gciencia.

Como e con que obxectivo se crea o proxecto de GCiencia? Tiñades algún referente fóra de Galiza?

O noso obxectivo foi crear un medio de comunicación que abordase a actualidade desde un punto de vista científico. Difundir o enorme capital investigador que hai en Galicia. Pero tamén tratar todos os temas co rigor que proxectan os especialistas, fronte a un xornalismo no que ás veces dáse demasiado protagonismo aos políticos. Quixemos ser un medio de ciencia e tecnoloxía aberto a todos os temas de interese.

Como xorde unha web adicada ao coñecemento científico nun país cuxos gobernos non fixeron senón recortar o investimento en investigación e onde tampouco existe un público salientábel que demande eses contidos?

Cando fundamos GCiencia, no ano 2013, comezamos gañando un premio: o certame Iprox para iniciativas xornalísticas innovadoras, que convocaba o Colexio de Xornalistas de Galicia. Este feito foi o primeiro pulo para o noso medio. Nestes cinco anos, temos comprobado que existen grandes eivas no interese e no investimento en ciencia en Galicia e no Estado. Os propios científicos saben disto e o denuncian. E podemos consideralo un dos grandes problemas estruturais do noso país. Pero, pola contra, o público existe. Hai moitísimo interese en ciencia e tecnoloxía. Os lectores demandan estes contidos e a proba é o propio portal GCiencia, que conta cunha audiencia formidábel e que constitúe un fenómeno en redes sociais cunha participación que non ides atopar na maioría dos medios chamados convencionais. Os dous feitos combinados lévannos a concluírmos que GCiencia era un medio necesario.

Participa a cidade de Vigo da —en termos xerais— tendencia nacional en canto a falta de interese pola ciencia?

Insisto en que non é certa a falta de interese pola ciencia. E Vigo non é unha cidade particular neste senso no conxunto de Galicia.

O público existe. Hai moitísimo interese en ciencia e tecnoloxía. Os lectores demandan estes contidos e a proba é o propio portal GCiencia, que conta cunha audiencia formidábel.

xornalismo, ciencia, divulgación, GCiencia
Ilustración de Davila para o terceiro aniversario de ‘GCiencia’. Na imaxe superior, Eduardo Rolland, o primeiro pola esquerda de pé, co resto do equipo na sede viguesa da empresa. Imaxe: Alberte Murado.

Cal é a base do modelo de negocio?

GCiencia é un medio aberto e gratuíto. Non esixe subscrición. Financiase por medio da publicidade e tamén obtén recursos concorrendo ás convocatorias da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía, FECYT, que administra fondos europeos para divulgación científica. En libre concorrencia, temos conseguido que financiasen algún dos nosos contidos, especialmente, os máis custosos como os audiovisuais. GCiencia ten na actualidade un equipo estable de catro xornalistas, aos que se une unha serie de colaboradores tanto do xornalismo, como do eido do audiovisual, traducións, deseño, informática, fotografía, etcétera…

Cal é a vosa liña editorial? A contumacia dos feitos é, se cadra, insubornábel pero as interpretacións poden axeitarse para fortalecer teses diverxentes.

A nosa liña editorial está marcada nos editoriais que temos publicado nestes cinco anos. Que se resumen en: A causa da ciencia. Non temos outro criterio que o científico á hora de abordar os temas desde o xornalismo. Non militamos en ningunha ideoloxía. Só entendemos de ciencia e de xornalismo. E tamén cremos no galego como vehículo para a súa transmisión. Cremos que co noso traballo abrimos novos eidos para a lingua galega. Mesmo a veces temos case que inventar termos para contar a ciencia. Así que, aínda que puntualmente poidamos publicar algún tema trilingüe, con versións en castelán e inglés, o galego para nós é irrenunciable e forma parte da propia esencia do proxecto e da súa utilidade.

Non constitúe Internet unha ferramenta/suporte pouco científico? De calquera feito, na rede conclúese unha cousa e a contraria…

Todo o contrario. Internet é a mellor ferramenta e soporte científico. E, de feito, cremos que GCiencia ten unha audiencia tan enorme porque contrasta co xornalismo de urxencia. Nós queremos facer un xornalismo de precisión e dar os datos científicos sobre os temas.

Tedes preferencia por algún tema en particular?

A vantaxe dun medio como o noso é que podemos tratar case que todos os temas. Hai xente que nos dicía cando comezamos que un medio sobre ciencia non ía funcionar. Todo o contrario. Funcionou. Está consolidado e ten unha audiencia enorme. En boa parte é porque podemos atopar ciencia en case todas as contornas da nosa vida. En realidade, GCiencia é tamén un medio de comunicación xeralista, que trata calquera tema, pero sempre o facemos desde a perspectiva científica e falando cos que realmente saben dos temas. No noso portal, poderedes atopar seccións de Economía, Medio Ambiente, Mar, Universidade, Saúde, Tecnoloxía… podemos cubrilo todo.

Dicía o filósofo Wittgenstein que a divulgación só serve para que haxa individuos que crean coñecer algo arre­dor de fenómenos encol dos que, no fondo, non saben ren…

Non sei se me está a falar da primeira etapa de Wittgenstein ou da segunda…

Aínda que puntualmente poidamos publicar algún tema trilingüe, con versións en castelán e inglés, o galego para nós é irrenunciable e forma parte da propia esencia do proxecto e da súa utilidade.

xornalismo, ciencia, divulgación, GCiencia

Houbo algún tema que suscitase maior ou menor interese do que esperabades a priori?

A saúde é un tema de moito interese. Na ciencia está a esperanza para moita xente que padece graves doenzas. Tamén o medio ambiente ten moi boa acollida, e os temas de corte histórico. Pero a propia ciencia básica e o traballos dos propios científicos xeran grandes audiencias. A xente quere coñecer e recoñecer o traballo dos grandes científicos que hai en Galiza. Moitos deles destacan a escala mundial, colaboran cos equipos de maior prestixio do mundo e é lóxico que os recoñezamos. GCiencia tamén ten que ver con iso: con sacudirmos os complexos como país. Galiza tamén sabe estar na vangarda.

Que valoración facedes dos case cinco anos de traxectoria que ten a vosa web?

Estamos moi satisfeitos e agradecidos polo éxito de GCiencia nestes cinco anos. A audiencia que temos é enorme. A participación en redes sociais é evidente… un auténtico fenómeno. Pero sobre todo, encántanos traballar cos científicos e científicas do noso país. E ofrecer unha información diferente. Tamén, levar adiante iniciativas que saen do propio portal web. Por exemplo, editamos o Anuario da Ciencia en Galicia para a Academia Galega de Ciencias. E convocamos dous premios anuais xa consolidados. Un de Xornalismo Científico Universitario, no que participan alumnos de comunicación das tres universidades galegas. E outro chamado Galicia Spin-off que premia ás mellores empresas de base científica do noso país. Tamén organizamos eventos de divulgación, polo que realmente temos un abano grande de actividades e estamos moi satisfeitos e agradecidos pola súa acollida.

Cando faleceu Gabriela Morreale de Castro (decembro do 2017), bioquímica precursora da detección precoz do hipotiroidismo conxénito e responsábel da erradicación do bocio en España, a prensa calou. Tería sido distinto de terse tratado dun home?

Nese caso, supoño que se unían dous trazos de discriminación. Por unha banda muller, pero por outra, científica. Que a muller na ciencia está discriminada é un feito. Está avalado por datos, que por exemplo nós difundimos e denunciamos todos os anos nos nosos informes. E ademais os temas científicos moitas veces son esquecidos polos medios de comunicación. É evidente que CR7 chama máis a atención que H2O. Aínda que podemos vivir sen o primeiro, pero non sen o segundo.

Que opinión vos merece o feito de que, por exemplo, Italia duplique a España no número de artigos publicados en revistas científicas?

É lóxico. Italia está por riba de España en case todos os indicadores económicos. E a ciencia non é diferente. O desinterese pola ciencia en España é histórico. Isto vai ter que cambiar porque está a callar unha mentalidade que comprende que a investigación non é un gasto: é un investimento. E que o país precisa ciencia: o seu futuro depende disto.

Que pensades do nomeamento de Pedro Duque como ministro de Ciencia, Innovación e Universidades?

Pedro Duque é un personaxe popular, recoñecido e admirado como astronauta. Nese senso, pode ser bo que estea á fronte dun ministerio como o de Ciencia. Necesitamos ver a ciencia e a investigación como algo atractivo, que esperte o interese da cidadanía. Se contribúe a iso, será interesante. Pero o que se vai xulgar son os feitos e a súa xestión. 

O entrevistado

Eduardo Rolland

Eduardo Rolland

Vigo, 1969. Editor e codirector de GCiencia, o portal da ciencia galega. Xornalista e divulgador científico. É autor, entre outros, dos libros La Batalla de Rande (2002) e Galicia (2011), publicado por National Geographic Society. Tamén ten traballado como produtor e guionista en series de televisión, entre elas, As raíces da industria en Galicia (2011). Durante quince anos foi redactor no Faro de Vigo e actualmente mantén unha colaboración regular con La Voz de Galicia.

GCiencia

#xornalismoS.XXI

O entrevistado

Eduardo Rolland

Eduardo Rolland

Vigo, 1969. Editor e codirector de GCiencia, o portal da ciencia galega. Xornalista e divulgador científico. É autor, entre outros, dos libros La Batalla de Rande (2002) e Galicia (2011), publicado por National Geographic Society. Tamén ten traballado como produtor e guionista en series de televisión, entre elas, As raíces da industria en Galicia (2011). Durante quince anos foi redactor no Faro de Vigo e actualmente mantén unha colaboración regular con La Voz de Galicia.

GCiencia

Outras entrevistas

Deixe um comentário

Deixe um comentário