Vilar de Barrio ergue a bandeira contra os eólicos

A corporación acorda opoñerse o proxecto do megaparque no Macizo Central impulsado pola empresa norueguesa Statkraft que pretendía chantar 28 aeroxeradores de até 130 metros de altura e infraestruturas de acceso e evacuación de enerxía nun área que afecta a dez concellos ourensáns.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

E. D. | A Coruña. 12 de febreiro de 2021. Vilar de Barrio, concello presidido por Manuel Conde (BNG), levanta a bandeira contra o parque eólico no Macizo Central. O alcalde conta co apoio de toda a corporación municipal para opoñerse á instalación de muíños de vento na parte alta das montañas máis vellas do país.

“O proxecto referido non conta nin co respaldo da Xunta de Montes de Man Común de Rebordechao (lexítimos propietarios dos terreos nos que se proxectan as instalacións), nin co aval do Concello de Vilar de Barrio. Por elo, a mensaxe trasladada á empresa promotora foi clara: instalacións coa densidade e ubicación propostas conforman unha agresión medioambiental que rexeitamos”, di o Concello nun comunicado emitido pouco despois do mediodía deste venres, mentres no resto do país colectivos ecoloxistas e veciñais multiplican as denuncias contra proxectos eólicos e nos medios de comunicación á esquerda protesta contra o desleixo da Xunta.

“O proxecto que está subido na web do Ministerio de Transición Ecolóxica é impresentábel”, explica o alcalde a adiante.gal minutos despois de emitir o comunicado. “O concello de Vilar de Barrio é un concello limiao, e estamos orgullosos diso, pero a maior parte do territorio é montaña, o 70%. E se destruímos a serra, destruímos o concello. Esa é unha verdade sinxela de entender”.

“Nós somos ecoloxistas, e como somos ecoloxistas estamos a favor das enerxías limpas e de conservar a serra –continúa Conde–. O mesmo non hai moita xente no país que sabe que o Arnoia nace no alto da serra, na Fonte do Santo, e que os dez quilómetros máis bravos e puros do río transcorren por catro parroquias de Vilar de Barrio. Se espetas unha torre no alto e furas alí, na cota máis alta, vas eliminar os acuíferos”.

O posicionamento da corporación municipal de Vilar de Barrio (na que están representados, ademais do BNG, o PP, o PSOE e Ciudadanos –precisamente este venres o edil de C’s abandonou o partido nun movemento coordinado coa deputada provincial da formación laranxa, Montse Lama) ten un valor simbólico máis alá de que o Concello é a última instancia administrativa que tería que sortear a empresa para iniciar as obras.

O comunicado dos edís de Vilar de Barrio é contundente en canto a oposición ao plan de Statkraft –que é unha das empresas que proxectan ocupar montañas senlleiras entre Trevinca, O Courel e Os Ancares– e remata advertindo que “calquera proxecto, para a instalación de infraestruturas destinadas á enerxía eólica ou doutro tipo, debe ser respectuoso coa Serra de San Mamede, efectuarase en consenso cos afectados e redundará no desenvolvemento social do entorno”.

“É unha moi boa nova”, di Carmen García, da plataforma Salvemos o Támega, unha das máis activas na denuncia dos plans de Statkraft para o Macizo. “Paréceme unha postura coherente, porque se se defende a sustentabilidade e a viabilidade do rural hai que defendela en todos os terreos, e tamén porque se se aposta por poñer en valor a Serra de San Mamede hai que evitar este tipo de impactos. Ademais, una posición deste cariz é un punto de partida para empezar a traballar por un Macizo Central vivo e con capacidades para desenvolver actividades sostíbeis e compatíbeis co coidado do medio”.

“Os parques eólicos de Rebordechao, Barjas e Prada” nas montañas ourensás son, segundo denuncia a asociación ecoloxista Petón do Lobo “un único proxecto industrial, e se ben a execución do mesmo pode realizarse por fases, a avaliación ambiental dos seus impactos debe permitir á cidadanía a valoración conxunta, global, sinérxica e sumativa destes, en todas as fases de execución e durante o funcionamento do parque”. No caso do parque do Macizo Central (Rebordechao, segundo a denominación da empresa) as infraestruturas afectarían a dez
concellos: Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo do Val, Verín, Monterrei e Cualedro.

Carmen García lembra que a decisión de Vilar de Barrio está na liña da defensa do medio natural contra os megaparques que fixo Ana Miranda, do BNG, en Europa esta semana. Tamén o alcalde da Veiga, Juan Anta (PP) outro concello que pode verse afectado por un parque que se proxecta na área de Trevinca, manifestouse en contra dun parque que xa intentaron instalar a principios de século. Alí, o Club de Montañismo Montañas de Trevinca volve liderar a oposición ao parque e tamén conta co apoio do PSOE da localidade.

Colectivos ecoloxistas de todo o país están organizándose nunha rede galega para combater a indiscriminada instalación de parques eólico. Este venres puxeron en circulación un documento [consultar aquí] para informar á veciñanza da maneira de presentar alegacións aos proxectos de Rebordechao, Barjas e Prada.

 

[última actualización: sábado 13.02.2021, ás 09:00]