Moeda, Terra e xustiza social post capitalista

En Galiza, un centenar de familias basean unha parte da súa economía no FairCoin, unha moeda electrónica descentralizada.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Sófokles Dans | Vigo, 26 de xullo.  No 2008 o Bitcoin destapou a caixa dos tronos. De súpeto, a creación de moeda deixou de ser un privilexio exclusivo de gobernos e bancos centrais. Practicamente calquera persoa ou comunidade pode crear e usar de forma segura e efectiva o seu propio diñeiro. FairCoin é unha desas moedas que son, basicamente, un código binario, algo que tampouco é tan distinto ao euro ou ao dólar xa que a maior parte do circulante nin sequera é papel ou metal. FairCoin é unha moeda electrónica derivada do código de Bitcoin pero cunhas características especiais que a converteron na elixida pola xente que forma parte do proxecto FairCoop, “o ecosistema cooperativo da Terra para unha economía xusta”.

FairCoin obtense como calquera outra moeda, aceptándoa a cambio de bens ou servizos aínda que tamén cambiándoa por outras divisas. Como todas as moedas electrónicas baseadas na tecnoloxía Blockchain, é segura, infalsificable e fácil de usar por calquera persoa familiarizada cun teléfono intelixente. Dado o seu carácter descentralizado (ningún organismo central a controla) favorece a privacidade e é tan imbloqueable como inembargable. Cada usuaria é o seu propio banco e ninguén máis pode ter control sobre o seu diñeiro.

EN QUE SE DIFERENCIAN BITCOIN E FAIRCOIN

Mentres Bitcoin precisa dunha gran cantidade de enerxía eléctrica para manter a súa rede, FairCoin é unha das moedas electrónicas máis ecolóxicas que existen. A rede de computadores distribuída por todo o mundo que asegura as súas transaccións só precisa dunha subministración eléctrica moi baixa. De feito, moitas desas máquinas son simplemente unha Raspberry Pi, unha placa electrónica que funciona con 5 voltios.

As transaccións en FairCoin, a diferenza de Bitcoin, son practicamente gratuítas e levan a efecto de maneira inmediata calquera que sexa a distancia entre a persoa que paga e a que recibe o diñeiro. Pero, sobre todo, e aínda que é unha moeda completamente libre, hai unha gran comunidade de activistas en todo o mundo que a utilizan como ferramenta para tentar construír un sistema económico máis xusto. Bitcoin é basicamente un produto especulativo.

AS ORIXES

FairCoop é unha cooperativa informal que naceu a partir dunha mediática acción reinvindicativa do activista anticapitalista catalán Enric Durán. O 17 de setembro de 2008 Enric Durán anunciou a través dunha revista autoeditada chamada Crisi que, valéndose dunha nómina falsa e un oficio ficticio, así como de dúas empresas fantasmas, conseguira préstamos de varias entidades financeiras ata un total de 492.000 euros. E declarou que non devolvería o diñeiro e que o investiría ou entregaría para financiar diversas iniciativas: unha delas, a edición da publicación.
“Roubei 492 mil euros a quen máis nos rouban para denuncialos e construír alternativas desde a sociedade”, explicou Durán.

Parte do seu interese era denunciar como se crea o diñeiro a partir dos créditos concedidos. O diñeiro é débeda e, por tanto, a base da idea do crecemento infinito que sustenta a ideoloxía capitalista. E unha estratexia limpa pola que quen controla o capital faise cos recursos e a forza de traballo das nacións.

Con ese diñeiro financiáronse diversos proxectos cooperativos autoxestionados e creouse o xermolo de FairCoop. FairCoin era unha moeda electrónica xa existente e as súas características facíana óptima para servir de ferramenta monetaria para o proxecto. Así que Enric Durán propúxose comprar a maior cantidade posible das moedas circulantes. E esas moedas adquiridas permanecen nunha conta xestionada pola comunidade, unha parte utilízase como moeda corrente entre a xente que en todo o mundo participa do proxecto e o resto (aproximadamente un 15%) móvese en mercados especulativos de criptomoedas, fóra do ecosistema FairCoop.

A partir destes inicios o movemento non cesou de desenvolverse por todo o mundo até chegar a Galiza no ano 2017 onde, en só uns meses xa hai polo menos 45 comercios e servizos que aceptan FairCoin e cada vez máis xente creando economía circular cooperativa que, grazas a que FairCoin é aceptado globalmente, tamén pode establecer relacións con outras economías locais máis próximas ou afastadas. Un dos puntos fortes de FairCoop é que se compromete a cambiar a euros (ou outra moeda local) os FairCoin das vendas dos comercios ou servizos aceptados pola comunidade no caso de que o necesiten. Desta maneira quérese facilitar a transición cara a un sistema económico máis xusto cuxo obxectivo e ideal é saír da órbita capitalista, abandonar esa ideoloxía do crecemento infinito e do impacto ambiental que se deriva dela.

Un dos puntos fortes de FairCoop é que se compromete a cambiar a euros (ou outra moeda local) os FairCoin das vendas dos comercios ou servizos aceptados pola comunidade.

Detalle de Banqueros en Acción de Remedios Varo 1962

ESTABILIDADE E LIQUIDEZ

O movemento mantén ante si algúns retos. O primeiro: establecer un valor estable co compromiso de nunca baixalo unha vez fixado. Actualmente 1 Fair = 1,2 euros. Nun mundo onde a economía sofre constantemente altibaixos non parece algo fácil de entender. Talvez porque asumimos que todo na vida é produto dos mercados especulativos. Un punto crave é que FairCoin é unha moeda finita da que existen e existirán para sempre 53 millóns de unidades (divisibles ata a cenmillonésima parte cada unha). Nunca se emitirán máis e por iso é deflacionaria, comparada con aquelas que se crean indefinidamente como o euro. Canta máis xente a use, máis valor terá. A ampla marxe de crecemento da economía FairCoin sustenta a idea dun valor crecente fronte ás moedas creadas polos Estados e fai posíbel que isto sexa así ata que se alcance un máximo teórico na expansión da economía real do seu sistema; algo que é aínda moi afastado.

O segundo reto. FairCoop global non deixou de desenvolver ferramentas, con maior ou menor acerto, que inxectan liquidez en euros e outras moedas. Precisamente, o compromiso de cambiar a euros o importe do vendido en FairCoin se os comerciantes admitidos no ecosistema o necesitan é unha das razóns que suscitan dúbidas sobre a viabilidade do proxecto. Isto esixe a FairCoop manter unha importante liquidez en euros, xustamente a moeda que tenta transcender.

FairCoop arrisca o seu prestixio como movemento anticapitalista cando fai uso de certos trucos como o desenvolvemento de estratexias en mercados de criptomoedas especulativas, captación de investidoras que se aventuran nun mundo cooperativo e outras. Os nodos locais, a base estrutural descentralizada e autónoma de FairCoop, tamén comezan a desenvolver seus propios recursos. Todo isto, polo momento, dá como resultado que esa liquidez, base do seu compromiso social para apoiar a transición cara a unha economía postcapitalista, mantéñase máis ou menos intacta.

Ninguén dixo que fose fácil. Afortunadamente a intelixencia colectiva en acción é cada vez máis grande. A capacidade de organización e toma de decisións dun movemento global horizontal e autoxestionado tamén supón idear constantemente novas formas de comunicación e consenso. Ao fin e ao cabo, nunca antes na historia se fixo algo así. FairCoop pretende quitar pedras do castelo capitalista para derrubar virtualmente as súas estruturas ou, polo menos, facilitar unha saída a cantas persoas queiran experimentar unha economía máis xusta e solidaria.

EN QUE SE APOIA A FAIRCOIN?

Que sustenta o valor dunha moeda? A resposta, hoxe, é simple: máis nada que a confianza de quen a utilizan. Hai tempo que deixamos atrás as moedas apoiadas por produtos tanxibles. O patrón ouro, por exemplo, é historia. O euro susténtase na confianza de que países e persoas serán capaces de pagar, polo menos, os intereses dos créditos concedidos. Polo tanto, esta confianza precisa un incremento constante do PIB do conxunto de países que conforman a zona euro. Traducido a termos máis pragmáticos: máis industria, máis consumo, máis desigualdades e máis contaminación. Ou sexa, crecemento infinito. FairCoin sostense na confianza nunha comunidade de activistas, os seus proxectos e a economía real que se constrúe ao redor deles; é dicir: máis ecoloxía, máis valores humanos, máis comercio ético, máis consumo responsable e potenciación das economías circulares locais. Fronte ao crecemento infinito, decrecimento. É cuestión de definir que é o que se parece máis ao mundo que desexamos.

No caso do país, Galiza posúe unha riqueza natural incontestable. A xente adoitaba a subsistir cos seus propios medios, os que a terra proporciona, malia longa historia de corporacións de todo tipo que tratan de explotala derivando os seus beneficios fóra do territorio. É terra abonada para proxectos autoxestionarios, mais nunca se facilitou esta organización e non é sinxelo que a xente tome a iniciativa. A xente poder ser xenerosa e axudarse mutuamente, pero desconfía de organizacións que van máis aló da contorna inmediata.

Galiza é terra abonada para proxectos autoxestionados. Perdidas cada vez máis as esperanzas nas Institucións e os plans económicos dos Estados, a xente vence a súa desconfianza e comeza a organizarse e establecer relacións cooperativas, non competitivas.

Porén, FairCoop prosperou en Galiza dunha forma natural. Se eu che pago con esta moeda e ti podes pagar outras cousas…, isto é fácil de entender. Se esta moeda ten un valor estable dentro da comunidade e, ademais, polas súas características é deflacionaria, é dicir, o seu valor aumenta dunha forma razoable conforme máis xente a use; se non soamente serve para transaccións cotiás senón que facilita o aforro, o benestar persoal e da comunidade; se contribúe ao desenvolvemento de novos proxectos…, é fácil entender. Trátase do ben común en contraposición ao sálvese quen poida. Hoxe, perdidas cada vez máis as esperanzas nos plans económicos dos Estados, a xente vence a súa desconfianza e comeza a organizarse e establecer relacións cooperativas, non competitivas.

Tenda de alimentación A Horta máis sa, na Coruña
Ateneo Libertario Xosé Tarrío, na Coruña.

GALIZA, POTENCIA

Recentemente empezan a organizarse rutas de transporte na Península Ibérica. Desta forma intercámbianse produtos necesarios e dáse saída a excedentes. Todo iso nunha relación directa entre produtoras e prosumidoras. FairCoop Galiza baséase en relacións próximas e de confianza. Na Coruña, por exemplo, pódese comprar coa moeda alimentos ecolóxicos, libros de segunda man, ir a unha barbería que non utiliza produtos testados en animais ou ter os servizos dunha clínica dental con orientación holística. Mesmo renovar o carné de conducir pagando en FairCoin. Neste último caso é obvio que o psicotécnico paga en euros as taxas de tráfico pero acepta o 100% do pago en FairCoin, facilitando así o uso da moeda na comunidade. O movemento está a estenderse por outras poboacións. En Betanzos pódese tomar un vermú ou unha cervexa pagando en FairCoin, comprar roupa elaborada fundamentalmente na península, roupa e obxectos importados de oriente comprados a talleres familiares por prezos xustos, enxoval de cociña, adquirir un móbil reciclado ou reparar o que tes, e tamén asistir a talleres artísticos, entre outras cousas. A moeda comeza a ter presenza en Santiago, Marín ou Vigo. Só son aceptados como parte da comunidade comercios e servizos con algún valor ético. Ver: Aceptan FairCoin en Galiza.

Non só comercios senón persoas ofrecen os seus servizos e habilidades á comunidade, ben mediante troco, moedas sociais de carácter local e, especialmente, grazas á facilidade que supón, a cambio dun prezo xusto en FairCoin. Para FairCoop a moeda é só unha ferramenta, unha comodidade, pero en ningún caso o asunto fundamental.

FRONTE AO CAPITALISMO

FairCoop é un movemento anticapitalista e desobediente. Pero non necesariamente o uso dunha moeda como FairCoin supón desobediencia algunha; iso é sempre opcional. Calquera comercio pode declarar os seus ingresos en FairCoin coma se fosen en euros. Realmente non hai diferenza xa que simplemente é outra moeda. Unha moeda non controlada polo Estado, iso si.

A posibilidade de que movementos e accións anticapitalistas sexan o xermolo dun mundo mellor multiplícanse cando hai sinerxías e cooperación. FairCoop é un movemento aberto a calquera interacción con movementos afíns, decrecentistas e ecolóxicos. Na súa curta vida en Galiza estivo presente en Encontros de Sementes (Betanzos, 2017) onde, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, aceptouse plenamente FairCoin no evento, na Mostra do Posible de Cangas 2017, e no eColectivo de Vigo e algúns outros.

Vivimos inmersas nun sistema económico carente de equidade. Mentres unha porcentaxe moi pequena da poboación mundial posúe a maior parte dos recursos, a maioría debe loitar toda a súa vida por unha existencia máis ou menos digna. Calquera moeda emitida por un organismo central é a chave que regula a vida de millóns de persoas que obrigadas a pelexar constantemente por salarios e prestacións básicas, fuxindo sempre da perda de valor adquisitivo destas moedas ao longo do tempo. As empresas necesitan crecer constantemente porque os beneficios dun ano son insuficientes ao seguinte. E as burbullas que se producen, cando estalan, pagámolas sempre as mesmas. Agora as regras do xogo cambian. As novas moedas xa non as emiten órganos poderosos e centralizados.

Mais non cabe esquecer que unha moeda é só unha ferramenta que pode ser usada eticamente aínda cando o ambiente económico sexa claramente hostil. FairCoin e outras moedas descentralizadas así como as chamadas moedas sociais, bancos de tempo e cooperativas son ferramentas poderosas para romper as cadeas da neoesclavitude que consiste en traballar para pagar teito e comida. Iso se es unha persoa con sorte. Estas ferramentas, no contexto de comunidades horizontais, autoxestionadas e libres, con valores éticos e ecolóxicos, poden mellorar as relacións e o futuro de todas. Hai recursos dabondo. A cuestión é utilizalos e distribuílos equitativamente porque realmente hai moita vida máis aló do capitalismo.

illas

Deixe um comentário

Deixe um comentário