Un posto para Martiño

Negociacións contra o reloxo entre Podemos e Anova para pechar unha coalición electoral antes da media noite, nun acordo que avanza entre discusións polos primeiros lugares nas listas.

En Marea anuncia, catro días despois da marcha de Luís Villares, que non concorrerá ás eleccións galegas do 5 de abril.

Sábado 22. Unidas Podemos queda coas cabezas de listas pola Coruña, Pontevedra e Ourense; Anova, coa de Lugo, e a segunda posición en Pontevedra e a terceira na Coruña.

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Actualización do sábado 22…

Os negociadores apuraron o prazo. A coalición, co nome Galicia En Común-Anova Mareas inscribiuse pouco antes da medianoite. 

Houbo poucos cambios respecto do adiantado onte. En realidade, só un: Anova terá o número dous por Pontevedra, e Marcos Cal, de Podemos, verase relegado ató o terceiro lugar da lista.

Non todos os nomes que ocuparán os postos de saída están claros. Na Coruña, Gómez-Reino (Podemos) e Luca Chao (Podemos) estarán nas dúas primeiras posicións; a terceira é para Anova, que deberá decidir se Martiño Noriega aquí ou en Lugo.

Unidas Podemos garantizouse as cabeza de lista en Ourense (David Bruzos) e Pontevedra (Eva Solla). O cabeza de lista por Lugo será de Anova, ou repite Fernán Vello ou se coloca Martiño Noriega… ou outra candidata. 

E. Dobaño | A Coruña, 21 de febreiro. “No canto de estar no combate das ideas, estamos nun combate de postos. Isto é lamentable. Nestes días non atopei nin unha soa razón programática que impida un acordo para que a esquerda, incluso o PSOE, concorra unida”, dixo Luís Villares, na súa despedida este martes como líder de En Marea, o enterro anticipado dunhas siglas en agonía desde que rachou o grupo parlamentar.

O arranque de sinceridade de Villares é comprensíbel nun político con curta carreira, un xuíz que solicitou a excedencia para liderar unha coalición que superou ao PSOE nas galegas de setembro de 2016, mais nunca terminou de unirse no Parlamento, o único foco da política galega, o teatro no que se dirimen protagonistas e secundarios na cousa pública e pouco máis.

Hoxe, no último día do prazo para a inscrición de coalicións para os comicios do próximo 5 de abril, mentres Podemos e Anova negocian a toda présa un acordo para volver unirse diante dunhas novas eleccións galegas, sobre a mesa están os postos e os cartos que acompañan eses postos e nada máis. As ideas, outro día. Entre outras cousas, porque non hai tempo.

Pasa en cada partido, en todos os partidos cando se aproxima unha convocatoria electoral, pero o ruído escóitase máis no espazo de unidade popular que instaurou Beiras hai uns anos e no que se vén producindo de todo menos a unidade real. E tampouco van sobrados de experiencia (Beiras a parte).

O posto en cuestión a estas horas (as catro da tarde) é o de Martiño Noriega.

Recapitulemos:

Podemos e Esquerda Unida xa tiñan acordado presentarse como Galicia En Común, a marca coa que acudiron ás dúas citas xerais de 2019. Sucede que nas convocatorias estatais de abril e de novembro, Anova declinou presentarse e tampouco lles ofreceu o seu apoio. As diferenzas xurdiron antes de abril. A unhas semanas das municipais, as mareas de Compostela e A Coruña, que ostentaban as alcaldías, preferiron non mollarse con Pablo Iglesias, e Anova, con presenza en ambas as mareas, tampouco o fixo.

Nas xerais, Podemos resistiu a súa posición como terceira forza na Galiza, aínda que perdeu tres actas en abril e en novembro conservou os escanos pola Coruña e por Pontevedra, pero cunha sangría de votos. Polo camiño, as mareas cederon as alcaldías e boa parte da súa representación nos concellos.

Agora, dada a recuperación do PSOE polo centro, e do BNG polo lado do voto nacionalista e de esquerdas, os actores da unidade popular necesitaban recompoñer un espazo que empezou a destruírse polas disputas internas xusto despois das eleccións galegas de 2016.

A renuncia de Villares descolocou En Marea, mentres a Marea Atlántica, do ex alcalde coruñés Xulio Ferreiro, e outras plataformas municipalistas anuncian a súa disposición a apoiar á coalición pero apenas terán unha presenza testemuñal nas listas. Non están na mesa. Na mesa están, dun lado, Podemos e Esquerda Unida; do outro, Anova, partido creado polo líder histórico do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, afastado (pero non demasiado) da primeira liña política, que si esixiu postos de saída nas listas.

As posicións

O acordo a esta hora segue pendente…

A clave das negociacións desta semana estaba en definir a posición nas listas do líder de facto de Anova, Martiño Noriega, ex alcalde de Compostela e protexido de Beiras, tendo en conta que Podemos e Esquerda Unida -nunha posición dominante despois de salvar sen outros apoios as eleccións de 2019- non ían renunciar aos números un da Coruña e Pontevedra, que serán para Antón Gómez-Reino e Eva Solla, líderes respectivos dos seus partidos. A posición de Gómez-Reino obstaculiza as opcións de Noriega. Este tería que presentarse como número tres pola Coruña ou facelo pola circunscrición de Lugo no número un.

Coas enquisas actuais na man (que outorgan entre 6 e 9 escanos a Podemos e Esquerda Unida, aínda sen Anova na ecuación), ningún deses dous postos lle garante a elección.

No proceso negociador, segundo fontes, Podemos quedou cos números un (Gómez-Reino) e dous (Luca Chao) pola Coruña; co dous por Pontevedra (Marcos Cal) e co un por Ourense (David Bruzos). Catro postos teóricos de saída. 

Segundo fontes, Esquerda Unida garante a presenza de Eva Solla no futuro parlamento como número un por Pontevedra. Pero nada máis…

Anova tería asegurado o número un por Lugo (Fernán Vello repetiría como cabeza de lista), o tres pola Coruña e o tres por Pontevedra (para Oriana Méndez, concelleira en Vigo). Mais son postos incertos…

Martiño Noriega veríase na obriga de arriscar indo como número un por Lugo, unha opción que lle conferiría maior protagonismo, ou limitar o seu papel xunto a Gómez-Reino.

Mais as negociacións seguen [actualización das 16.30] e outras fontes discuten o que dan por sentado as primeiras.

O acordo (probábel) aclarará definitivamente o panorama político galego a menos dun mes para que comece a campaña electoral.

Por unha banda, Feixoo e o PP, que ocupou todo o espectro da dereita desde fai tres décadas, afronta as eleccións cun pésimo balance de xestión e un conflito aberto pola deterioración da atención sanitaria, que suscitou numerosas protestas por todo o país. En fronte, as esquerdas. Un PSOE que aínda está perfilando ao seu líder, Gonzalo Caballero. Un BNG que aproveitou as oportunidades dos pactos de investidura para formalizar con Pedro Sánchez un acordo de investimentos para Galiza que parece materializar o seu argumento de que só o nacionalismo defende en Madrid os intereses do país. E Podemos e os seus socios, unidos por obrigación e con baixas.

Villares marchou o grupo mixto despois dunha disputa polo control do aparello dunha coalición que nunca chegou a construír aparello. Villares non concorrerá ás eleccións despois de tentar achegamentos tanto ao BNG como aos seus antigos socios nun combate que non era de ideas, como el pensaba, senón de postos, o que se está a dilucidar a esta hora.

Un combate a fume de carozo para non chegar fóra de prazo. Xa sucedeu no verán de 2016, cando un tuit de Pablo Iglesias anunciou o desbloqueo das negociacións para formalizar a coalición En Marea baixo o liderado de Luís Villares, que agora se despide asegurando que nunca se sentiu líder nin tivo un partido detrás. Os partidos ían cada un ao seu. A maior parte dos líderes partidarios de entón tampouco están: Yolanda Díaz, cabeza visible de Esquerda Unida, é agora ministra; Carmen Santos, perdeu protagonismo en Podemos desde que apostou por Bescansa; Xulio Ferreiro xa non é alcalde, e tampouco o é Martiño, quen durante anos se protexeu detrás de Antón Sánchez, outro que pode ficar fóra se Martiño non se decide por Lugo. Mesmo Beiras aparece menos, pero aparece e, probablemente, é o plus que pode achegar Anova a esta coalición revivida.

[Actualización das 22.50] Un pouco despois das dez da noite deste 21 de febreiro, venres, chegou a acta de defunción de En Marea.

“O Consello das Mareas considera que non presentarse as eleccións é unha responsabilidade política que vai máis alá dos intereses do partido e que sitúa a necesidade de Galicia de cambiar de goberno no primeiro lugar da súa decisión”, xustificaba o partido nun comunicado que remata a historia dunha formación que renuncia aos seus obxectivos como partido.

A despedida de En Marea conclúe facendo unha análise das estratexias de outros partidos: “Para En Marea, resulta lamentable que o arco progresista e soberanista galego non fose capaz de poñerse de acordo en artellar unha fórmula que ilusionara a Galicia e fixera real unha opción de cambio no goberno da Xunta. O Consello das Mareas valorou a situación dos últimos días na política galega como moi ilustrativa da situación: partidos de esquerda negociando postos en listas en lugar de negociar programas de goberno. Este non é o xeito de facer política en ningún caso, pero moito menos na situación actual do país”. Punto e final.  

Outras novas

illas

Deixe um comentário