ENTREVISTA | Manuel García, labrego de Rairiz de Veiga

"Parece que Coren quere aplicar por si mesma a lei mordaza"

Teima | Lumes, porcos e políticos – Capítulo 3

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Erik Dobaño | A Coruña, 4 de febreiro. O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) naceu no ano 81 durante o conflito veciñal de oposición á explotación mineira do lignito na comarca. Foi unha das primeiras asociacións ecoloxistas do país e a primeira de carácter eminentemente rural en defensa d o sistema agrario tradicional. Despois do lignito, contra finais dos oitenta, viñeron as loitas contra a parcelaria. “A parcelaria fíxose sen estudos de impacto ambiental, canalizou ríos e arrasou prados e carballos… pero salvamos Rairiz”, lembra Manuel García, 58 anos, labrego, catro décadas firme contra administracións, partidos e políticos que promoven intereses empresariais. “Salvamos Rairiz de Veiga porque denunciamos á Xunta de Fraga diante de Bruxelas. E tiveron que encargar un estudo para se exculpar e nese estudo dixeron que ían respectar Rairiz”.

Manuel e o MEL seguiron activos nas loitas contra á desecación das veigas e a contaminación dos ríos, como agora no caso dos xurros ameazan mananciais, ríos e encoros. Mais nunca antes recibira tanta presión por parte dos actores, institucionais ou empresariais, a quen sen enfrontou. “Mesmo na época de Fraga os funcionarios dialogaban, quería mellorar as cousas”.

Este martes Manuel García recibiu na súa casa de Rairiz de Veiga un burofax de COREN asinado polo director xurídico do Grupo COREN, José Javier Bobillo, no que se lle advirte que a empresa agrogandeira iniciou nun xulgado de Xinzo os trámites legais para interpoñer unha demanda contra el por 1 millón de euros.

Falou co seu avogado? Que lle explicou?

Si. Avogada… é unha profesional moi ao tanto destes preitos porque leva a defensa de colectivos de todo o Estado que se opoñen as macrogranxas. Díxome que esperara, que a ver que viña do Xulgado…

Non recibiu nada do Xulgado?

Nada. A avogada di que este proceder por parte da empresa que non é normal, como tampouco ve normal a ameaza do millón de euros. O que queren é intimidar, tratan de calarnos a boca.

COREN sostén que vostede comprometeu á empresa con “imputacións falsas” nun reportaxe de TVE. Lembra ter falado de COREN naquel programa?

Pois a verdade é que non sei se me referín especificamente a esta empresa. Teño falado outras veces e doutras empresas, como teñen falado delas os movementos contra as macrogranxas en Aragón ou en Cuenca. E, polo que me conta a avogada, nunca se enfrontaron a unha demanda por unha cantidade semellante. É exaxerado.

No texto da demanda COREN advirte que vixiará as súas declaracións e as de outras persoas. É unha ameaza moi explícita a só 72 horas dun acto no que vostede tiña previsto participar en Ourense. Sigue pensando en falar?

Vou falar. E vou describir o problema. O ano pasado, ADEGAL, que son unha asociación de gandeiros, enviou cinco burofax a persoas que se significaran na loita contra os xurros na Limia. Ameazaban con demandas, pero nunca chegaron ao Xulgado. Desta vez, parece que si. Pero eu vou falar.

“Este é un ataque tremendo e inadmisíbel contra a liberdade de expresión. Calen, ou falen baixiño… parece que lles molesta, e moito, o acto do venres.”

Non teme que a demanda engorde?

Parece que COREN quere aplicar por si mesma a lei mordaza. Envían un burofax sen esperar a que o faga o Xulgado. Dubidamos se facelo público ou non. Pero este é un ataque tremendo e inadmisíbel contra a liberdade de expresión. Calen, ou falen baixiño… parece que lles molesta, e moito, o acto do venres. Porque é a primeira vez que vén xente de fóra do país falar nun acto contra a proliferación de granxas na Limia.

Sabe xa que pasos vai ter que dar no procedemento? Pode acudir ao Xulgado é comprobar se o acto de conciliación foi admitido a trámite. Estaría disposto a desdicirse?

Esperarei. A avogada aconsella iso. O que si imos facer, desde o MEL e outros colectivos implicados nesta loita é un acto o mesmo venres pola mañá nos Xulgados de Ourense para denunciar que COREN intenta coartar a nosa liberdade de expresión.

Esta iniciativa de COREN condena ao fracaso á Mesa da Limia?

Non o sabemos. Pero non é normal que un membro da mesa intimide outro deste xeito. Se pretendían condicionarnos, non o conseguiron. O venres denunciaremos publicamente as súas ameazas e, despois, pola tarde, na Facultade de Ciencias, falaremos abertamente do problema dos xurros na Limia.

Resuma ese problema.

O problema é que hai un modelo de produción de carne industrial que consiste en traer o alimento desde 6.000 quilómetros, criar aquí, na Limia, os animais, e exportar despois a carne a 8.000 quilómetros. Sabe a pegada ecolóxica que deixa iso? Non só aquí, a nivel local, nas augas e no solo; tamén a nivel global. É unha cadea: a materia prima para producir ese alimento obtense en grandes plantacións no que antes eran selvas. Mire, na Coop25 falouse moito dos efectos da gandaría industrial. Parece que está de moda. E que temos aquí? Pois promesas desde a Xunta de facer unhas plantas de tratamento que aínda non funcionan e denuncias que presentamos diante da fiscal de Medio Ambiente en Ourense e que arquivou sen facer mención ao motivo da demanda, que eran os camións cheos de xurros que seguen circulando e vertendo a caño libre.

“Mesmo a consellería de Medio Rural asume que os xurros son veleno… díxoo o outro día o director xeral de Gandaría, José Balseiro, na televisión galega.”

Os camións seguen circulando?

Seguen.

E as granxas?

Pois non vemos por ningures que se faga unha xestión de residuos axeitada. Hai evidencias científicas dabondo, e dous deses científicos estarán este venres en Ourense, que relacionan a proliferación de granxas e os vertidos de xurros coa contaminación. Mesmo a consellería de Medio Rural asume que os xurros son veleno… díxoo o outro día o director xeral de Gandaría, José Balseiro, na televisión galega. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ten informes dos altos niveis de determinadas substancias no Limia e no encoro das Conchas. A carga gandeira segue aumentando na comarca. Ben, pois todo iso son as evidencias nas que apoio a miña argumentación. A avogada di que tranquilo, que hai evidencias suficientes ao noso favor.

Complexo de granxas de Coren en Sarreaus, un dos maiores da Limia. @adiante.gal

A Limia

Lumes, porcos e políticos

O plan que lle contan esta mañá ás veciñas e aos emigrados da Xironda consiste en plantar cereal nas terras sen explotar.

Un plan contra a Limia

Granxeiros, ecoloxístas e a oposición ao PP denuncian que a agroindustria carga nos produtores a xestión dos residuos co consentimento da Administración.

Miranda, UE, auga

“Os encoros son un fracaso”

“No BNG non estamos en contra da agricultura, pero si que hai que darlle un tratamento aos residuos. Mesmo hai posibilidades de crear emprego con esa labor… A culpa xa non é só do labrego, a Administración non está facendo nada. Eu creo que a Xunta está porque en Ourense se queime o monte e esmorezan os ríos. Non lles importa porque non hai tantos votos.”

COREN denuncia a un activista da Limia polas críticas pola contaminación dos xurros.

A compañía agrogandeira solicita nun xulgado de Xinzo de Limia un acto de conciliación e ameaza con levar adiante unha demanda civil por danos estimados en 1 millón de euros.

COREN, a empresa máis influínte de Ourense, a primeira compañía galega do sector agroindustrial, vén de presentar unha demanda no Xulgado de Xinzo de Limia contra un activista do Movemento Ecoloxista da Limia. Na acción xudicial emprendida, como paso previo á demanda civil, o director xurídico do Grupo COREN acusa ao demandado de intromisión ilexítima no dereito o honor de COREN, e cifras os danos e prexuízos causado nun millón de euros.

O texto da demanda de conciliación, que ten data de onte, 3 de febreiro, sinala que o demandado verteu “imputaciones falsas” contra COREN nunha reportaxe emitida no programa de TVE ‘España Directo’ o pasado 18 de setembro de 2019, nunha peza informativa referida á contaminación no encoro das Conchas.

Os avogados de COREN advirten ademais que procederán “al visionado de las grabaciones relativas a cualquier acto, conferencia o coloquio en el que usted o cualquier otra persona intervenga o haya intervenido y en el que se efectúe cualquier alusión a nuestra cooperativa” co fin de “valorar el eventual inicio de nuevas acciones judiciales”.

Advirte que vixiará “grabaciones relativas a cualquier acto, conferencia o coloquio (…) en el que se efectúe cualquier alusión a nuestra cooperativa.”

Colectivos ecoloxistas da Limia, apoiados por representantes políticos (entre eles, as deputadas Ana Miranda, Noa Presas, Antón Sánchez e Davide Manzaneda, así como a ex deputada Lidia Senra) e por veciñas e veciños de moitos dos concellos afectados pola contaminación por xurros –confirmada por diversos informes científicos– veñen desenvolvendo accións de denuncia, coordinadas desde hai algo máis dun ano desde a plataforma Auga Limpa Xa!

O pasado 31 de decembro celebrouse en Sandiás un debate coa participación, entre outros, do alcalde dese concello, o independente Felipe Traveso, e o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González.

Para este venres, 7 de febreiro, está programado no campus de Ourense outra palestra na que intervirán, ademais de Serafín González e membros de Auga Limpa, o investigadores da Universidade Complutense, Eduardo Costas, que ten denunciado nun informe a situación das augas da Limia a consecuencia da contaminación por xurros e outros residuos animais, e a voceira da coordinadora estatal de Stop Macrogranjas. No é a primeira vez que os activistas conseguen ampliar o alcance da protesta fóra do país. Ademais das denuncias de Senra e Miranda en Europa, membros do colectivo participaron nas manifestacións en Madrid con motivo da última cimeira do clima e teñen levado a denuncia até localidades fronteirizas de Portugal, onde tamén chegan as augas do Limia.

paisaxe, medio natural, natureza

Galiza é um mundo

Uma conversa do João Aveledo, biólogo e professor, com Antom Santos sobre a riqueza natural galega, a peça “mais desconhecida de todo o nosso património colectivo”.

Central das Pontes que Endesa abriu há 42 anos, aproveitando os jazigos de lignito.

Das Pontes a Cerceda: a cara oculta do milagre industrial

Áreas esquecidas, populaçons deprimidas e generosos políticos que, de braços dados com corporaçons transnacionais, mudam a miséria em fartura e sobem as periférias ao comboio do progresso. Eis a narraçom simplória do milagre das mega-infraestruturas industriais. As Pontes de Garcia Rodrigues nom pode dissociar-se da imagem dumha cheminé colossal de 315 metros de altura que domina o horizonte do interior da comarca.