Crónica
Decrecer sen tirar a lavadora
O decrecentismo galego e máis alá organízase nun congreso en Ferrol e propón mudar de mundo.
Redacción adiante | Ferrol, 8 de outubro. O decrecemento sinala cuestións sociais e ambientais urxentes –unha diminución na produción e no consumo de bens e na esixencia enerxética ao planeta para recuperar certo equilibrio entre a natureza e os seres humanos, como unha parte máis desa natureza–, pero é un plan por desenvolver conceptual e practicamente.
Explicouno Iolanda Teixeiro no arranque do congreso decrecentista que reuniu activistas de todo o país a fin de semana en Ferrol, no vello Ateneo de finais do século XIX refundado despois do franquismo. O marco, a cidade naval e obreira, fendida, que parece baixar os brazos, expresa con nitidez os límites do capitalismo mesmo na periferia. Ou pode que os límites sexan máis explícitos na periferia.
Iolanda Teixeiro é unha das relatoras do documento base do I Congreso Decrecemento no que organiza a primeira rede decrecentista galega (incluíndo O Bierzo e a área Eo-Navia). “Está todo por facer”, di Iolanda, “temos que estender a rede a todos os movementos sociais e colectivos veciñais que, o saiban ou non, levan tempo traballando no decrecentismo. Pero tamén temos que intentar estar presentes na política institucional, influír nos partidos convencionais mentres non teñamos partidos decrecentistas para non seguir sendo ignoradas polos medios de comunicación”.
Non todo o mundo decrecentista está de acordo con Teixeiro, recean das organizacións, dos liderados e incluso hai quen, desde a experiencia persoal, desaconsella calquera intento.
Está o profesor Carlos Taibo, por exemplo, que produciu abondosos estudos sobre a cuestión e desde a mesa advirte que “o que chega das institucións non é nada saudábel”. E precisa: “non estou a pensar nin no Parlamento europeo nin no español nin na Xunta, falo das propias forzas de esquerda que están nas institucións”. Taibo trae á mesa o manifesto Chamada derradeira (2014) e anota: “era un manifesto competente, pero eu non asinei”. Entre as que si o fixeron estaban Alexandre Carrodeguas, Teresa Moure, Séchu Sende, Ana Miranda, Laura Bugalho, Antón Sánchez, Begoña de Bernardo, Enrique Pérez Lijó, Manuel Casal Lodeiro, Xoán Ramón Doldán, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, entre outras. Moure e De Bernardo compartían mesa o sábado con Taibo. E algúns outros asistían ao debate. “Non asinei porque, malia a análise profunda e seria do que está acontecendo no planeta, o obxectivo fundamental do manifesto era conseguir que os líderes das forzas políticas da esquerda estatal e tamén da autoanémica asinasen un texto dese cariz. E despois tivemos a oportunidade de comprobar a dramática distancia existente entre o que asinaron e a realidade cotiá das súas forzas políticas”.
O profesor Taibo confesou que non coñece “ningún exemplo consistente e prolongado de apoio desde as institución á xestación de espazos autónomos autoxestionados, desmercantilizados e despatriarcalizados” e chamou “á propaganda polo feito, levar á práctica as ideas que levamos dentro da cabeza para saír con urxencia do capitalismo a través deses espazos autónomos que xa existen”. Taibo deixou ditas algunhas liñas do plan.
Tamén o intentaron Begoña de Bernardo, presidenta de Véspera de Nada, e a escritora Teresa Moure. De Bernardo insistiu en que “o sistema non pode resolver un problema que creou o propio sistema”, e alertou que non basta cunha substitución da fonte de enerxías a través das renovábeis. “Hai que decrecer no consumo”, dixo, “e decidir que usos lle damos aos últimos recursos de enerxías finitas unha vez que o pico do petróleo se alcanzou no 2006 e o do gas natural chegará no 2020 e o do carbón no 2025”.
Pola súa banda, Moure falou do ecofeminismo, e lamentou a exclusión de esta perspectiva no debate académico, no mediático e mesmo no activista. Reclamou a autoras como Vandana Shiva e conceptos como “o respecto sagrado á vida” ou a espontaneidade; as prácticas radicais de Dona Haraway, e rematou cunha consigna: “traballar menos para ter menos e recuperar tanto tempo que perdemos”.
Algo así propuxo tamén Leandro Rosa, membro do colectivo que prepara a Rede do Decrescimento en Portugal. Rosa pediu “repensar as escalas de espazo-tempo e mudar o modo de vivir cara a propia natureza”. Mentres tanto, a resistencia activa “diante da publicidade, que é un programa político oculto; diante do consumismo, da destrución das estruturas comunitarias, da cuarta revolución industrial e do fascismo”.
E Moure aproveitou a tarde para sinalar que as ferramentas están no feminismo e que igual abrindo as cabezas (metaforicamente) a xente non vería raro adoptar inmigrantes, ou adoptar persoas maiores, ou adoptar a terra: por que non empezar pola mina de Touro?, soltou.
Mais todos os esforzos das académicas por chegar á xente que ten que mudar a cabeza para poder mudar de mundo puideron ficar en nada se desde a mesa, unha moza, Mariola López (da Rede de Decrecemento e Enxeñeira Naval e Oceánica) non tivera falado con nostalxia dun tempo que coñeceu polos relatos da avoa.
Dixo Mariola que a mocidade está a perder identidade e que sofre pola perda, e que a avoa lle contaba como ía ao río lavar e alí establecía contacto social e que viñeron as lavadoras a terminar con aquilo. Entón unha muller levantouse ao fondo e dixo que o decrecentismo lle parecía ben sempre que non lle quitaran a radio, o portátil e a lavadora. Mariola matizou que non se eliminaría o electrodoméstico, pero por que non compartilo? “Non hai roupa que lavar todos os días”. E alguén lembrou que antes a roupa duraba máis. Taibo explicou que se podía gabar “a sobriedade e simplicidade voluntaria” da xente nun tempo tan escuro como os anos corenta e cincuenta. E Doldán, que si asinou aquel manifesto e tivo malas experiencias na política institucional, pediu desde o público que non se tivera medo, pero que había que ser precavidas, sobre todo elas, e non idealizar o pasado pero estar atentas “para non seguir apandando con todo de novo” nese outro mundo posíbel con lavadora individual ou comunitaria. E Moure aproveitou a tarde para sinalar que as ferramentas están no feminismo e que igual abrindo as cabezas (metaforicamente) a xente non vería raro adoptar inmigrantes, ou adoptar persoas maiores, ou adoptar a terra: por que non empezar pola mina de Touro?, soltou.
#territorio
Os 3 rurais galegos: capitalismo ou… ?
“O monte corre moito, e a gran industria tamén”
Procurando a reaçom no tempo de desconto
Das Pontes a Cerceda: a cara oculta do milagre industrial
Teimas
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos
Outras novas
Recadación de fondos para crear o Bosque da Lingua nos Montes de Couso
O aparato de propaganda dos xigantes eólicos sae a escena
Ecoloxistas exixen en Ourense moratoria para frear as macrogranxas
A fonte-símbolo: o Xurés non quere eólicos