Quen arde, o monte ou nós?

Gonzalo Trasbach

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

O que arde é a película coa que o lucense Óliver Laxe (París, 1982) gañou en Cannes o premio do Xurado. Con actores non profesionais e mediante diversos elementos cinematográficos (visuais, sonoros, alegóricos…) o director cóntanos a morte definitiva dun mundo esgotado, ou do pouco que quedaba dun territorio épico. Con música de Vivaldi de fondo, tras unha cortina negra e o canto dos grilos, a cámara penetra na escuridade dun bosque. O vao do chan ascende cara ás copas das árbores e, de súpeto, os eucaliptos empezan a caer segados por unhas potentes máquinas. Avanzan imparables, só se deteñen diante do enorme tronco dun vello castiñeiro: resistencia e refuxio cando chove.

O silencio das imaxes é quen fala aquí. As palabras tardan en aparecer. Poucas hai antes de que Amador chegue diante da súa casa e saúde a Benedicta: “Ola, mai, vou quedar unha tempada”. Ela vólvese cun mando de verdura entre os brazos, mírao e pregúntalle: “Tes fame?”. Hai mellor pregunta para un fillo que vén da cadea? Benedicta é unha anciá de 85 anos, pegada á terra coma todos os seus veciños, como amosan os seus marcados rostros cando se xuntan no cemiterio. E logo está o son. O son das cousas, que fai que saibamos delas moito antes de velas na pantalla. O son do río, da choiva, da auga… E o sabor das cousas: ovos fritos, pan torrado sobre a cociña…

A sombra de Uxío Novoneyra, o poeta do veciño Courel, sobrevoa a película. Aquí falan máis os feitos que os diálogos, que son curtos e precisos fronte á cháchara reinante. Manda unha gramática descarnada, ateigada de toponimias e lastrada pola intemperie. Por iso, cando ao amencer Benedicta vai en busca do fillo e o atopa durmindo na furgoneta, o galo canta, case que á mesma hora na que José de Parada nos Eidos ía camiño de Valdeorras. Desprende a película un aroma especial. Todo arrecende: a herba, o bosque, o pan, a auga, a corte, a cociña de ferro que fai de estufa… Sentados sobre a herba, a cadela Luna, nai e fillo, mentres Benedicta corta farangullas de pan coa navalla, Amador explícalle o mal que causan os eucaliptos e critica a idea de facer unha casa de turismo rural. A mai dille ao fillo “se fan sufrir, será porque sofren”, unha ambigua frase para rematar unha conversa.

É unha película lenta. E case nunca pasa nada. Sen embargo, está montada sobre imaxes tecidas con fíos da ambigüidade, de preguntas sen respostas. Foi ou non Amador o que queimou “medio Lugo”, como di un dos funcionarios da prisión? É responsable do incendio que pecha o filme? Helena, a veterinaria, sospeita que si. Os veciños que lle zoupan diante da súa nai tamén. Mais como está estigmatizado… Amador, “bo tío, pero non o tivo nada fácil”, di o veciño que lle zosca, é un home hermético ao que lle custa amosar os seus sentimentos afectivos. Todos o consideran culpable, mais el tampouco se defende.

Despois de que a veterinaria rescate a vaca enferma de Amador teñen lugar dúas escenas fantásticas. Soa Suzanne de Leonard Cohen e ela pregúntalle: “Gústache?”. El responde: “Si. Pero non entendo o que di”. E ela engade: “Para que che guste unha canción non fai falta entender a letra”. El míraa e sorrí. Entón a cámara enfoca a luz do sol sobre o morro dunha fermosa rubia galega que leva nas orellas uns pendentes co número 6575. Na madrugada do incendio, Benedicta chama por Luna, que desapareceu misteriosamente. Máis tarde vemos a loita das cuadrillas por apagar a pulsión dunha terra en chamas, un universo derrotado, desolado, onde un afogado rincho anuncia a aparición dun cabalo derrengado, co fuciño chamuscado e cego. Cego coma o lume, que, como o vento que o leva, non sabe de onde vén nin onde vai. Pero que arrasou un mundo noutro tempo esplendoroso. Outra cortina negra pecha unha delicada película que deixa un interrogante: quen arde, nós ou o monte?

Boiro, 9 de decembro.

Gonzalo Trasbach

Gonzalo Trasbach

Licenciado en Filosofía e diplomado en Educación Básica (mestre) pola Universidade de Santiago, traballei durante máis de vinte anos en La Voz de Galicia, xornal co que aínda colaboro na edición do Barbanza cun artigo semanal. Agora exerzo basicamente de xubilado na miña vila, Boiro, onde vivo. Ocupo o meu tempo libre camiñando, nadando, lendo, escribindo, escoitando música e indo ao cine de vez en cando. Tamén achego algunha colaboración á revista dixital Café Barbantia. Son dos que penso que non só somos de onde nacemos ou pacemos, senón que tamén somos o que lemos, o que escoitamos, os cadros que contemplamos, as amizades que cultivamos...

Café Barbantia

Cinema

Deixe um comentário