Bolivia: o retorno das loitas diversas
María Lois
O día 18 de outubro celebraranse eleccións en Bolivia para elixir presidente/a e vicepresidente/a de goberno, así como os integrantes da Asemblea Lexislativa Plurinacional (Cámara de Deputados e Senado) e representantes en organismos parlamentarios supraestatais. A lei que as convoca, a 1315, establece esa data como “definitiva, impostergable e inamovible”, estipulando no seu artigo 2 a apertura de procesos penais a quen pretenda cambiar dita data, en clara alusión aos varios aprazamentos que tiveron lugar desde que a pandemia global da covid19, que parecería conxugarse cun goberno de facto empeñado en soster a inviabilidade duns comicios necesarios para comezar a construír a saída dun dos períodos máis escuros da recente historia boliviana.
Pero vaiamos por partes. En Bolivia celebráronse eleccións un ano antes da data estipulada para as próximas; isto é, o 20 outubro de 2019. O proceso tivo lugar nun contexto de polarización liderado, fundamentalmente, polas clases medias urbanas ao redor da reelección do presidente Evo Morales, reelección que fora avalada, entre outras instancias, polo secretario da Organización de Estados Americanos (OEA), Luís Almagro e polo Tribunal Constitucional Plurinacional, pero previamente rexeitada nun referendo celebrado o 21 de febreiro de 2016. A interrupción de 24 horas na difusión dunha proxección dos resultados electorais, fornecida desde o Tribunal Supremo Electoral (TSE) a través dun sistema referencial de cálculo rápido, que en ningún caso substitúe os datos oficiais finais, seguida da divulgación dos resultados electorais oficiais definitivos -que descartaban unha segunda volta e mostraban a vitoria do MAIS-IPSP (Movimiento al Socialismo-Instrumento para la Soberanía de los Pueblos) cun 47,1% do apoio electoral, seguido polo candidato de Comunidad Ciudadana (CC), Carlos Mesa, cun 36,5%-, desencadearon unha onda de mobilizacións urbanas sostidas sobre un discurso de fraude electoral, que se fraguou moito antes do día das eleccións.
Aínda que participaran nos comicios -aceptando, así, a candidatura de Morales-, as accións da oposición se concentraron na deslexitimación das eleccións, eliminando as posibilidades de canalizar a situación democraticamente, indo desde o descoñecemento dos resultados electorais e a chamada a unha segunda volta até a queima de actas e papeletas en Tribunais Electorais departamentais por parte de grupos organizados tamén vinculados coa oposición. Houbo ameazas, secuestros e queima de vivendas que provocaron as renuncias de cargos públicos do MAS.
Ao mesmo tempo que a OEA facía público un informe preliminar que argumentaba a existencia de irregularidades e de manipulación, o Secretario de Estado para o Hemisferio Occidental dos Estados Unidos, Michael G. Kozak, esixía a Bolivia “restaurar a credibilidade no proceso de reconto de votos”. Mentres, a Unión Europea (UE) recomendaba unha segunda volta, algo que o presidente Morales aceptou e anunciou. Pero o obxectivo xa non eran as eleccións, senón precisamente o que electoralmente non se conseguira: a dimisión do presidente. En cuestión de días, a Policía amotinouse e, finalmente, o Exército suxeriu a renuncia presidencial e vicepresidencial, que tivo lugar o 10 de novembro, e que se pechou cunha saída cara o exilio infestada de incidentes rocambolescos.
Nin os desacertos do goberno do MAS nin a crítica a unha posible práctica fraudulenta xustifican ou lexitiman un escenario autoritario.
Falamos entón da interrupción sen seguir as canles constitucionais dun mandato democrático, na que a Policía e as Forzas Armadas definen un desenlace despois de negociar con líderes opositores -algo publicamente admitido por Luis Fernando Camacho, dirixente do Comité Cívico de Santa Cruz e candidato á presidencia nas vindeiras eleccións-. Todo iso precedido, iso si, dunha intensa mobilización cidadá. Parece demasiado obvio remarcar estas cuestións tanto en círculos de esquerda como en escenarios académicos se a nosa preocupación é entender o sentido amplo das transformacións sociais, pero a interrupción inconstitucional dun mandato de goberno denomínase golpe de Estado. Igualmente, non todas as mobilizacións sociais son necesariamente democráticas. Nin os desacertos do goberno do MAS nin a crítica a unha posible práctica fraudulenta xustifican ou lexitiman un escenario autoritario.
De feito, os informes da OEA que sosteñen a narrativa da fraude electoral foron cuestionados tecnicamente e de maneira sucesiva por investigadores do Centro de Investigación en Economía e Política (CEPR, polas siglas en inglés), o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), ou a Universidade de Michigan, entre outros.
Curiosamente, o número de votos observados neses informes non é representativamente maior que o de calquera outro proceso electoral (caso das últimas eleccións presidenciais en Uruguai, por exemplo). Parece evidente que o recurso á mediación política e aos mecanismos constitucionais previstos para solucionar a situación non formaban parte do escenario do pasado outubro. O que nos fai pensar que as cuestións procedimentais e o proceso electoral foron o medio e o momento, pero que se fai necesaria unha lectura máis ampla, onde pensemos en termos de reacción a procesos de igualación social, de cuestións de clase, de intereses materiais amplos e globais, ou da creba da base social e electoral de apoio expresado en sucesivas ocasións ao chamado proceso de cambio en Bolivia.
A sucesión do presidente Evo Morales continuou seguindo un guión alleo ás formas constitucionais. Despois duns días de extrema tensión no país, Jeanine Áñez Chávez, até entón segunda vicepresidenta do Senado representando a un partido cun 4% de apoio electoral, tomaba posesión como presidenta do goberno de Bolivia. Segundo se publicou en medios locais, a decisión de quen debía asumir a presidencia tomouse en sucesivas reunións onde estarían presentes desde o embaixador de Brasil até Jorge Quiroga, sucesor de Hugo Bánzer, o ex presidente, e avogado do mencionado Camacho, extremo confirmado en entrevista radial por outro dos asistentes, o ex reitor da Universidad Mayor de San Andrés e líder dunha plataforma cidadá, Waldo Albarracín.
As eleccións e, despois, unha Asemblea sen quórum, cunha banda presidencial imposta por militares, armaron a solución. E sen a previa aceptación das cartas de renuncia de presidente e vicepresidente, como establece a Constitución. Un comunicado do Tribunal Constitucional, baseado nunha sentenza de xurisprudencia do ano 2001 -isto é, no marco dun texto constitucional non vixente e que posteriormente foi definido como documento sen validez legal e non vinculante por parte dun dos maxistrados do Tribunal-, avalaría o desenlace.
Represión
Tres días despois de asumir un mandato transitorio que teoricamente finalizaba o 22 de xaneiro de 2020, e co obxectivo de pacificar o país e convocar eleccións, o goberno de facto comezaba a represión. O 15 de novembro, en Sacaba (Cochabamba) unha marcha terminaba con polo menos 11 mortos e 120 feridos, civís, como resultado da intervención das forzas de Seguridade. Previa aprobación dun decreto, o 4078, que eximía de responsabilidade penal a Policía e Exército no exercicio de operativos, só catro días máis tarde, en Senkata (El Alto), polo menos dez mortos e máis de cincuenta feridos civís mostraban de novo a sistemática violación de dereitos humanos por parte do goberno transitorio, documentada en informes da Comisión Interamericana de Derechos Humanos (CIDH), a International Human Rigths Clinic (IHRC) da Universidade de Harvard, Amnistía Internacional, Human Rigths Watch ou da Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.
Nestes informes tamén se evidencian detencións arbitrarias, torturas, censura a medios de comunicación e persecución a defensores de dereitos humanos e a cargos públicos e simpatizantes do MAS. Cualificalos de “salvaxes”, “hostís”, ou acusalos de terrorismo e/ou sedición completan as tramas do que denominan transición, o referente narrativo desde o que se condescende cun Estado de non dereito, como o define Zaffaroni, a cambio de evitar a celebración de eleccións.
De feito, a toma de decisións sobre relacións e representacións diplomáticas, a negociación con institucións como o Fondo Monetario Internacional (FMI), a revisión de concesións de explotación de recursos naturais, a eliminación da ‘whipala’ da imaxe institucional, a vinculación con grupos paraestatais armados que amedrentan a indíxenas e campesiños, a momentánea candidatura presidencial da presidenta de facto, ou os intentos de proscripción electoral do MAIS parécense máis a un proxecto de desmantelamento estatal que ás accións propias dun goberno en tránsito interesado en solucionar unha crise.
A irrupción da pandemia global da covid19 en marzo de 2020 permitiu un paso máis dese guión fatal: a conxunción entre o prorroguismo do goberno de facto e a falta de condicións de bioseguridade para celebrar as eleccións. E aí abriuse un camiño de aprazamentos da convocatoria electoral, que ía ter lugar primeiro un 3 de maio, despois un 6 de setembro…
En xeral, eran datas que curiosamente coincidían cos denominados picos da pandemia no país, cuxa xestión está marcada por denuncias de sobreprezos na compra de respiradores, sucesivas renuncias, substitucións e encarceramento de ministros de Saúde, ou a clausura do ano escolar.
O espazo permitido ás maiorías sociais do país volvía ser o insurreccional, nun cerco que desbordou non só a capacidade de reacción das forzas de seguridade senón mesmo ao propio MAS.
Con todo, a primeira semana de agosto o país paralizouse con mobilizacións masivas en demanda do mantemento do 6 de setembro como data das eleccións. En plena pandemia, e cunha presenza central de suxeitos políticos históricos como Felipe Quispe e a Central Obrera Boliviana (COB) establecéronse polo menos 130 puntos de bloqueo, máis que no ciclo de protestas que se viviu no país entre 2000 e 2005 e que se pechou coa chegada do MAS á presidencia. A pesar da estigmatización dos sectores mobilizados, o espazo permitido ás maiorías sociais do país volvía ser o insurreccional, nun cerco que desbordou non só a capacidade de reacción das forzas de seguridade senón mesmo ao propio MAS, que se desvinculou das mobilizacións quizais máis centrado en fortalecerse como alternativa electoral estable e democrática en tempos de incerteza e arbitrariedade que na súa vocación como Instrumento para la Soberanía de los Pueblos. En todo caso, o candidato á presidencia e ex ministro de Economía, Luís Arce, e o candidato a vicepresidente, David Choquehuanca, ex canciller, enfrontan unha recomposición interna do partido e un certo desconcerto das bases do MAS-IPSP, nun momento de reconsideración do proceso de cambio e das razóns que permitiron que se producise un golpe de Estado.
As eleccións celebraranse, entón, o 18 de outubro. Os mecanismos de proscripción e persecución xudicial seguirán funcionando, probablemente. Con todo, no medio desa racionalidade destrutiva, parece que os referentes de outubro de 2019 volven a escena, cando de novo a maioría popular se sitúa nunha saída democrática fronte ao apoio a un escenario autoritario. Esperemos que nesa saída o Movemento ao Socialismo (MAS) se re-atope como o instrumento de expresión das loitas diversas, dos amplos descontentos e da unidade dos diferentes sectores sociais, agora si, na recuperación da democracia, onde a celebración dun proceso electoral é só o principio.
Madrid, setembro 2020 (unha primeira versión deste artigo, en castelán, foi publicada no número 337 de Mundo Obrero).
A autora
María Lois
Vigo, 1970. Doutora en Ciencias Políticas pola Universidad Complutense de Madrid, docente e investigadora na área da Xeografía Política, a Xeopolítica e a Xeografía Cultural. É coordinadora do Comité de Investigación en Xeografía Política e Cultural (RC15) da Asociación Internacional de Ciencia Política (IPSA-AISP). Formou parte do Grupo de Investigación Globalización e Movementos Sociais-GMS (2005-2006), e na actualidade participa en PO-LARTS (The Politics and The Arts), Standing Group de la ECPR (European Consortium of Political Science) e no Grupo de Investigación Espazo e Poder (UCM), que publica a revista Geopolítica(s), da que é subdirectora. Entre as súas publicacións recentes están: "The Politics of Border Heritage: EU Cross-Border Cooperation as Scalar Politics in the Spanish-Portuguese Border"; e Construir Galicia(s): lugar, elecciones y política nacionalista (2015).
Bolivia
Bolivia: Longaric e a política exterior servil (I)
Bolivia: do Estado plurinacional ao Estado colonial (e II)
Bolivia, entre o golpe e as utopías
Bolivia, entre o golpe e as utopías (II) A aposta política do cambio.
“Eu não acreditava na necessidade de gerar nova liderança”
O golpe de estado neofascista cívico evanxélico en Bolivia
Proxecto imperial vs. proceso revolucionario
Outras opinións
Outras opinións
A vida extínguese sen fogos de artificio
Lupe Ces: Licuar o sexo/Liquar o sexo
Unha multitude dentro de Dylan
Algúns erros de esquerda que axudaron Ayuso