Reimunda

A paga - capítulo 10

Compartilhar no facebook
Facebook
Compartilhar no twitter
Twitter
Compartilhar no google
Google+
Compartilhar no whatsapp
WhatsApp
Compartilhar no telegram
Telegram
Compartilhar no email
Email
Compartilhar no facebook
Compartilhar no twitter
Compartilhar no google
Compartilhar no whatsapp
Compartilhar no telegram
Compartilhar no email

Boa tarde, señora Rei. Como se atopa?

–Ben, ben. Aquí estamos.

–Moi ben. Pois se lle parece, aquí o compañeiro vai acender a cámara e comezamos coa entrevista.

–Si, cando queirades.

–Atopámonos aquí, no quincuaxésimo aniversario da traxedia de Corxesta, con dona Reimunda Sueiras Pato.

–Rei, por favor.

–Si, por suposto, Rei. Vostede foi unha das partícipes nas protestas que houbo hai cincuenta anos en prol da xustiza para as persoas de Corxesta. Nun dos disturbios resultou ferida de gravidade, chegando a perder un ollo. Despois diso, foi unha das persoas que encabezaron o movemento para conseguir unha renda básica universal.

–Si, así é.

–Dígame. Como foron os días que sucederon á traxedia de Corxesta? Como recorda aquela época?

–Rabia. Pódese resumir niso, sentiamos rabia. A meirande parte da poboación estaba nunha situación límite, moitas persoas nin sequera tiñan para comer, e o de Corxesta foi a gota que colmou o vaso. A xente de alí xa sabía que calquera día ía pasar algo así, fartáronse de denuncialo: á empresa, ás autoridades; pero non lles importaba, só querían seguir gañando máis e máis cartos. Cando quixeron deixar os corpos dos mineiros alí embaixo, cando o goberno enviou ao exército e provocou esa masacre… Ninguén podía crer que estivese pasando algo así, foi terrible.

–Fálase do importante papel que tiveron as mulleres para ao final conseguir recuperar os corpos, ademais dos acordos para as rendas e as novas casas.

–Iso enfádame moito. Sempre se di que as mulleres quedaron nas casas mentres os homes defendían o pozo. Nada diso. Alí tamén houbo moitas mulleres, moitas morreron na barricada. Como se nos prohibía traballar nas minas, iso quere dicir que non fomos pelexar? Pois non. Si é certo que a maioría eran homes, homes que querían sacar aos seus compañeiros de alí; pero precisamente porque só tiñan permitido traballar eles, moitas das parellas dos que morreron non tiñan o corpo para batallas. E outra cousa: tan importante foi o traballo dos que estaban no pozo coma o das persoas que lles levaron os víveres, senón non tivesen aguantado tanto tempo; iso non se pode esquecer. Sobre o que pasou despois?, as marchas e protestas que se fixeron na cidade? Claro que foron as mulleres. Os homes xa estaban todos mortos, quen ía ser senón?

–Naquel momento, os medios de comunicación denunciaban a violencia exercida polos manifestantes. Despois sóubose que os disturbios foran habitualmente provocados pola policía, incluso por axentes de paisano. Que cre que foi o que levou a chegar a ese nivel de violencia?

–Nós non queriamos violencia, en ningún momento, iso quero deixalo moi claro. O que pasou no pozo? Eles só querían sacar aos seus compañeiros, cando as autoridades se negaron, pecháronse alí; a policía atacounos, e eles defendéronse. Sobre as manifestacións? Eran todas pacíficas, mostras de apoio á xente de Corxesta, protestas para que cambiase o que estaba sucedendo. Entón chegaba a policía e empezaba a cargar, a disparar pelotas de goma e botar gases lacrimóxenos sen ningún motivo, sen ningún tipo de provocación por parte dos manifestantes. Como ti ben dis, empezaron a aparecer persoas entre os manifestantes que lanzaban pedras ou botellas aos policías; ao principio apartabámolos, despois soubemos que eran axentes infiltrados que pretendían provocar enfrontamentos. Que queres que che diga? Miles de persoas manifestábanse pacificamente, eran atacadas pola policía sen motivo ningún… Ao final fartamos. O goberno non ía ceder, estaba visto que polas boas non ía cambiar nada, e a xente, farta de tanta miseria, de tanta violencia, dese terrorismo de estado, decidiu facer o cambio polas malas. Era o que queriamos? Non. Pero ás veces, ante tanta represión, ante tanto abuso, non queda outra que tomar esa vía.

–Nesa época uniuse á PRBU, a Plataforma en prol dunha Renda Básica Universal. Que foi o que lles levou naquel momento a dar o paso final para promover a aplicación da renda básica?

–Era algo necesario. A sociedade non se podía permitir que houbese persoas sen o máis básico para subsistir. A miseria estábase a converter en algo crónico, e iso non se pode permitir cando neste mundo hai suficiente para todos. Unha das cousas que me fixo estremecer máis, e que me abriu máis os ollos, foi a alarmante cantidade de suicidios que había. Moitas persoas, ao chegar a unha situación límite, ao ver que os ían botar das súas casas, ao ver que non podían pagar os tratamentos para as súas enfermidades, acababan coas súas vidas. Era algo que a meirande parte da poboación non sabía, estaba invisibilizado polos medios. Isto facíano por dous motivos principalmente: por un lado, crían que ao ocultalo evitarían unha especie de efecto chamada, de forma que máis xente acabase por tomar esa vía ao non atopar solución aos seus problemas; por outro lado, ao goberno non lle interesaba que se soubese. Se dicían o que acontecía, terían que dicir tamén cales foron os motivos que levaron a esas persoas a tomar esa decisión final. Non esquezamos que daquela o goberno, a pesar de ser elixido polo pobo, era controlado realmente polas grandes corporacións e poderes económicos, e a eses lobbies o que lles interesaba era perpetuar a situación de miseria na que se atopaba a cidadanía. Isto segue pasando hoxe en día, aínda que sexa en menor medida.

–Vostede foi unha das persoas que máis influíron á hora de definir o texto da lei. Como recorda as conversas cos partidos políticos?, os acordos para chegar ao que finalmente se aprobou?

–Foi moi difícil, por iso nos levou tanto tempo. Nós tiñámolo claro, non había que inventar nada, tiñamos o exemplo doutros países onde se estaba empezando a aplicar, e funcionaba! Pero neste país xa sabes como son as cousas, e entón aínda era peor. Cando as persoas, e sobre todo os políticos, só miran por si mesmos, como vas facer para convencelos de aplicar unha medida que mellore a vida de tódolos demais, cando os que financian as súas campañas, bancos e grandes empresas, non queren saber nada diso? Por fortuna non estabamos soas, o pobo estaba mobilizado, e ante a presión exercida, tanto nacional como a que se estaba empezando a ver a nivel internacional, non lles quedou outra que ceder.

–E o intento de atentado?

–Cando estás en primeira liña corres eses riscos. Por sorte non pasou nada, aquí sigo, dunha peza. Bueno, case. Polo menos pásoo moi ben xogando ás piratas coa miña neta.

–Conseguiu sacarlle partido.

–Si, así é.

–Dígame como foi o día da aprobación. Tiñan dúbidas sobre se finalmente sería promulgada?

–Non, ningunha. No parlamento sábese todo de antemán, antes das votacións xa se sabe perfectamente quen vai votar e que é o que vai votar, non é ningún segredo. Si pode caber a posibilidade de que algunha persoa, a nivel individual, cambie o seu voto no último momento, pero de igual forma a maioría ía ser o suficientemente ampla coma para que saíse aprobada. Na rúa… foi unha explosión de felicidade. A xente saíu ás prazas, encheu as avenidas para celebralo; a aprobación da Lei de Renda Básica víase coma a fin dos problemas que nos estaban a afogar, a fin da grave miseria que estivera asolando o país durante tantos anos. E así foi, podo dicir que todo cambiou dende entón; para mellor, por suposto.

–Pois iso foi todo, con isto rematamos. Moitas grazas polo seu tempo e polas súas verbas. Gustaríalle engadir algo máis antes de acabar coa entrevista?

–Si, só unha cousa, un detalle sobre isto último que acabo de dicir. É posible que agora non se entenda moi ben o que pasou, todo o entusiasmo que houbo, que a xente saíse á rúa para celebralo. Hai persoas que xa naceron coa paga, que non coñeceron outra cousa; atreveríame a dicir que, por idade, ti mesma es unha delas.

–Si, teño trinta anos.

–Pois podo entender, e non o digo por ti en concreto nin por ninguén, é algo máis xenérico, que para algunhas persoas poida resultar difícil imaxinar a terrible situación na que se vivía naquel momento. Moitas persoas carecían de cousas tan básicas, tan imprescindibles, que hoxe en día sería algo impensable. A ninguén se lle ocorrería que unha persoa puidese vivir desa forma, ou máis ben, que se puidese permitir que alguén vivise así. Entón, ao ver que simplemente con iso, con esa pequena renda, solucionábanse os problemas de miles de persoas, ao ver que por fin poderían vivir con dignidade… Foi unha auténtica loucura, a xente volveuse tola de felicidade, a reacción que houbo foi algo realmente incrible; nin as persoas que loitamos por iso nos imaxinabamos algo así, foi moi emocionante. Só esa aclaración, nada máis.

–Foi un auténtico pracer compartir estes minutos con vostede. De novo, agradézolle o permitirnos facer esta entrevista.

–Nada, muller. Grazas a vós.

Álex Pernas

Álex Pernas

A Coruña, 1986. Enxeñeiro de software, músico, poeta e activista polos dereitos dos animais. Autor da novela Xarfas.

A paga

Glosario feminista de peto

EMMA PEDREIRA ofrece un breve glosario de termos feministas recortable, encartable e de peto, para que poidan levalo sempre e sacalo como medio de consulta ante calquera dúbida.

Égloga urbanita

As amplas e lustrosas avenidas centrais, chocan co abandono da lugubridade encantadora do cinturón pèriférico. Falsa separación, pois cada periferia é seu propio centro e cada centro urbano unha periferia do non-ser.

Eurovisión en Israel: cando a música normaliza un xenocidio

Este mércores 3 de Abril, no Teatro Principal de Compostela, Pallasos en Rebeldía e BDS-Galiza organizan unha Gala para mostrar o seu rexeitamento á celebración do Festival de Eurovisión en Israel: Eurovisión ArtWashing, Limpeza Étnica, Xenocidio – Boicote Israel 2019.